martes, 19 de abril de 2016

O Partido Popular da Guarda intenta confundir aos veciños.

Estes días teñen aparecido nos medios e nas redes sociais algunhas mentiras e intentos de manipulación da realidade sobre a VAC Tui-A Guarda. O que sabemos certo e que o goberno do PP elimina a partida do 2016 para esta infraestrutura.
Di o PP local que o alcalde da Guarda se reuniu na Xunta co vicepresidente e que non lle falou da VAC. A verdade é que se reuniron dúas persoas do equipo de goberno (o alcalde non puido asistir) con Alfonso Rueda pero en contra do que din dende o PP, si que lle falaron do Vial Tui-A Guarda...O PP minte.
Tamén manifestaron dende o PP que a VAC non é unha prioridade para o alcalde da Guarda. So se me ocorre que a persoa que se atreve a dicir iso ademais de mentireira quere facer parvos aos demais. Como pode pensar alguén que semellante cousa é certa? A verdade e que estou indignado polo que fixo a Xunta de Galicia desprazando a partida orzamentaria da VAC Tui-A Guarda para outra comarca, pero indígname máis aínda que o PP local intente desviar a responsabilidade deste acto que tanto prexudica ao Baixo Miño. 
Non creo que teña que demostrar nada, pero apetéceme facelo, quero dar argumentos a aqueles que coinciden comigo en que temos que pelexar xuntos polos intereses estratéxicos da Guarda sen importar as cores políticas. Os documentos que aparecen a continuación son dúas solicitudes de reunión feitas a Conselleira de Infraestruturas dos que non tivemos resposta. Agora penso que nunca respondeu porque xa tiña pensado facernos a xogada que nos fixo.
Din dende o PP que non lle pedimos apoio en temas importantes. Pois ben, no que levamos de lexislatura temos mantido bastantes reunións con eles, algunhas para pedirlles apoio en cuestións importantes. Quero destacar dúas. Unha foi a aprobación dos orzamentos. Neste caso non lles preocuparon os nosos argumentos en defensa dos intereses do Pobo, a resposta foi NON. Outro dos temas importantes nos que lle pedimos apoio foi a aprobación inicial do Plan Xeral, tampouco aquí tiveron en conta os intereses do Pobo e dos veciños, a resposta foi NON. Pero seguiremos pedíndolle apoio. Nos próximos días pedirémoslle apoio para esixir a Xunta manteña para este ano 2016 o investimento previsto para a VAC Tui-A Guarda tramo I de 3.641.526€.
Por certo parece que o PP local e o PP da Xunta non se entenden moi ben. Din os locais que lle pediron a Conselleira de infraestruturas nunha reunión no 2015 que continuase coas obras do Vial Tui-A Guarda e xa vemos cal foi a resposta da Xunta, retirar a partida orzamentaria.
En relación con esta falta de entendemento hai unha historia que sabe pouca xente: no mes de febreiro o alcalde da Guarda tivo unha reunión con Encarna Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, para falar do futuro do Plan Xeral, dado que cando se levou a pleno, en decembro, o documento non obtivo a aprobación inicial. Naquela reunión a Secretaria Xeral foi moi clara. A súa recomendación era que lle déramos a aprobación inicial antes do 19 de marzo, día da entrada en vigor da nova Lei do Solo de Galicia. Comprometeuse a mediar diante do PP local para conseguir o seu apoio, aquel mesmo día falou coa súa portavoz e días máis tarde organizamos unha reunión a que acudiron varios concelleiros do PP local e o alcalde da Guarda. Neste caso era a Xunta quen pedía algo ao PP local e a resposta foi  volver a negarse a dar o apoio a aprobación inicial do PXOM. Unha verdadeira lástima para A Guarda, para as arcas municipais e para moitos veciños que perderon a esperanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario