domingo, 1 de novembro de 2015

Os socialistas da Guarda repulsan a moción de censura en Oia.

Dende a Agrupación Socialista da Guarda queremos manifestar a nosa máis enérxica repulsa a moción de censura presentada en Oia por Converxencia Galega e o Partido Popular. Así mesmo queremos mostrar toda a solidariedade e apoio a Rosa Otero, alcaldesa de Oia, e ao seu equipo polo engano ao que se viron sometidos, por parte de Converxencia Galega, dende o comezo da lexislatura e que agora agroma con este pacto antinatura. 
Queremos mostrar tamén o noso apoio a tódolos veciños de Oia que se senten enganados, por ter soñado e logrado un goberno progresista coa forza dos votos e que agora ven como outros intereses truncan esa vontade manifestada nas urnas. Os cidadáns de Oia votaron maioritariamente á esquerda (en teoría) e agora teñen que ver como volven a gobernar os mesmos de sempre con apoio dun grupo que mentiu aos veciños. Un grupo que primeiro apoia a Rosa como alcaldesa pero que non dubida en mudar ese voto máis tarde sen unha xustificación coherente
Isto non é bo para a política. Feitos como o sucedido en Oia dan motivos aos cidadáns para dubidar das lexítimas intencións dos que nos dedicamos a vida pública. Pero non somos todos iguais. Seguro que os veciños de Oia acabarán por poñer a cada un no seu sitio como xa sucedeu na Guarda. Esperamos que para as próximas eleccións Oia volva a ter unha Rosa na alcaldía.
Coñecemos de primeira man o traballo que Rosa e o seu equipo estivo facendo estes meses por Oia e os seus veciños. Cónstanos que traballaron con todas as súas forzas para que Oia mellorara. Sabemos que os veciños coñecían este traballo, xa se estaba notando o cambio e a maioría da xente estaba contenta. Esta boa labor realizada durante estes meses será o xerme do futuro cambio da cor política no concello de Oia. Estamos convencidos. Ánimo progresistas de Oia o futuro é voso.