mércores, 16 de febreiro de 2022

Leticia Gallego urxe á Xunta a arranxar o problema de transporte entre A Guarda e Caminha para dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa

 Censura o “importante quebranto e confusión” que supón a inactividade da liña do ferri que une os dous concellos e denuncia a proliferación de “publicacións contraditorias” que “formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial”

A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe A Guarda, xunto ao seu a alcalde, Antonio Lomba, para presentar unha batería de iniciativas para urxir á Xunta a resolver o problema de transporte entre o concello guardés e o municipio portugués de Caminha co principal obxectivo de dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no seu paso polo esteiro do Miño.

Concellei@s do GMS con Leticia Gallego

“O transbordador que une as dúas beiras do río atópase inactivo e isto impide a peregrinas e peregrinos cruzar o esteiro en transporte regular”, alertou a socialista, quen incidiu no “importante quebranto e confusión” que isto supón, ao que se suma a “desinformación” e as “publicacións contraditorias” sobre a ruta Xacobea.

Ao fío disto, Gallego lamentou que, “malia que a web oficial do Camiño de Santiago sinala que o Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira de A Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura, varias organizacións e entidades portuguesas formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial, recoñecida e promovida pola Xunta”.

Así, destacou, “algunhas publicacións indícanlles ás peregrinas e peregrinos que percorran case 30 quilómetros máis para cruzar o río a través da ponte que une Vilanova de Cerveira e Tomiño para logo chegar ata A Guarda, e noutras mesmo propoñen continuar o itinerario ata Valença do Minho para enlazar dende alí co Camiño Portugués, o cal é moito máis grave xa que anula o percorrido pola costa atlántica galega que transcorre polos municipios de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán”.

“Cómpre buscar unha solución a curto prazo para arranxar esta problemática no transporte de pasaxeiros e pasaxeiras entre ambos municipios, polo que pedimos á Xunta que se reúna cos alcaldes afectados para que poidan trasladarlles de primeira man a problemática que están a vivir”, subliñou a responsable socialista.

Por último, Gallego pediu ao goberno galego que “se manifeste e tome medidas” en relación ás publicacións que difunden itinerarios “non oficiais” sobre o Camiño Portugués da Costa, xa que isto “implica un enorme prexuízo” para a ruta Xacobea e, nomeadamente, para os municipios do Baixo Miño polos que transcorre.

Enlace a iniciativa parlamentaria