martes, 13 de decembro de 2022

A oposición guardesa bloquea unha subvención dos fondos NextGenerationEU para a dinamización do comercio local.

  •  A oposición da Guarda non apoia un investimento por valor de 140.571 €, subvencionado nun 85%, para un proxecto de mellora da competitividade do comercio local.

No último pleno celebrado na Guarda os votos en contra do PP e CG e a abstención do BNG impediron que saíra adiante a aprobación dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o concello denominado “Comerce Inside”. Este convenio tiña como principal obxectivo a dinamización e potenciación do comercio de proximidade en zonas turísticas, favorecendo o desenvolvemento de mecanismos para situar a actividade do comercio local de maneira eficiente no territorio mellorando a súa competitividade.

Este proxecto, financiado con fondos Next Generation EU en liña co plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR), foi deseñado para actuar no comercio de proximidade por ser un dos sectores estratéxicos en moitas vilas da provincia de Pontevedra que, en tempos de pandemia e confinamento, sufriron importantes restricións, o que lles provocou perdidas económicas irrecuperables a moitos deles.

O orzamento total do proxecto ascendía a 1.327.793 € distribuído entre 10 concellos da provincia. No caso da Guarda a sinatura do convenio significaba a execución dun proxecto local valorado en 140.571 €. Comprometendo ao concello a unha achega dun 15 % do financiamento, 17.426 €, a Deputación a achega doutro 15% mais o IVA de todo o investimento, 41.823 € mentres que o Ministerio de Industria Comercio e Turismo aportaba o 70 % restante, cantidade que ascendía a 81.322 €. Isto quere dicir que non apoiar este convenio equivale a renunciar a 123.145 € de subvención que se investirían directamente en interese do comercio local.

Entre outros o “Comerce Inside” contemplaba: investimentos na vía pública con a instalación de totems interactivos para ofrecer información sobre comercios e turismo, creación de areas de descanso próximas ás areas comerciais con asentos iluminados e cargadores solares. Dixitalización do sector comercial coa creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais, creación de contidos vinculados co turismo e o comercio e despregamento de puntos wifi nas zonas comerciais. Sostibilidade e economía circular coa promoción de novos deseños de embalaxes para o comercio de proximidade e instalación de illas ecolóxicas. Formación on line con cursos en liña de inglés, francés e portugués para comerciantes.

O alcalde non ocultou a súa sorpresa e indignación en relación ao posicionamento da oposición: “resulta moi difícil entender como os grupos do BNG, PP e CG, non apoian ou se opoñen a un proxecto que obxectivamente mellora a competitividade dun sector tan importante na Guarda como o comercial. Os comerciantes deben pedir explicacións aos grupos políticos da oposición. En política non vale todo, os representantes electos, tanto goberno como oposición estamos para servir aos veciños e veciñas. Non vale todo co argumento de que estamos en campaña electoral. Un grupo político que antepón os intereses partidistas por enriba dos da veciñanza perde lexitimidade para gobernar.”