xoves, 15 de setembro de 2016

O concello da Guarda esixe á Xunta transparencia na concesión dos obradoiros de emprego.

O concello da Guarda solicitou na convocatoria deste ano 2016 un obradoiro de emprego para dúas especialidades: axuda a domicilio e oficios varios. A elección destas especialidades está sobradamente xustificada. No caso de axuda a domicilio é a propia demanda de formación que existe na localidade abalada principalmente polo alto índice de colocación que se prevé, tal e como sucedeu no pasado cando se impartiu esta especialidade. A última vez que A Guarda tivo un obradoiro, alá polo ano 2008, na especialidade de axuda a domicilio atoparon emprego a maioría das persoas que participaron. En oficios varios o obxectivo era principalmente dar formación a persoas que perderon o seu emprego pola crise do ladrillo, para mellorar a súa cualificación e que puideran reinserise no mundo laboral. As prácticas para este obradoiro estaba previsto que se realizaran no antigo colexio Sinde o que permitiría ademais a rehabilitación do edificio.

A solicitude para este obradoiro ten data de 25 de febreiro e a día de hoxe non hai ningunha comunicación oficial sobre se o temos concedido ou non. Sen embargo responsables políticos da Xunta, sen que exista resolución publicada, levan dende o mes de xuño anunciando por distintos concellos, a bombo e platillo, que lle foron concedidos obradoiros de emprego e AFD (Accións Formativas para Desempregados). Incluso hai concellos que lles concederon as dúas modalidades, Obradoiros e Accións Formativas, véndose obrigados a renunciar a algunha delas por falta de alumnos.
Independente doutras cuestións que non podemos valorar, dado non hai resolución, consideramos que A Guarda e os seus veciños merecíamos que a Xunta nos concedera o obradoiro de emprego por cumprir os requirimentos que se esixían na convocatoria e por outras circunstancias. En primeiro lugar dicir que superamos a puntuación mínima para a concesión do obradoiro, temos 24 puntos cando a Xunta esixía como mínimo 23. Na convocatoria dicíase que o número de empregados tiña que superar os 500, no noso caso por desgracia superamos ese número, temos a día de hoxe segundo o IGE, 876 parados. Outras localidades apenas rebasan os 500, e en moitos casos tiveron que agruparse concellos para conseguilos. Non temos un obradoiro nin Acción Formativa dende o ano 2008 mentres que outras localidades levan tido formación tódolos anos.
A Xunta de Galicia non é transparente. O concello da Guarda síntese discriminado ao comprobar que favorece a  uns concellos sobre outros dependendo das cores políticas dos equipos de goberno.
Dende o concello da Guarda queremos facer pública esta situación, os veciños da Guarda teñen que saber que o concello solicitou o obradoiro, que temos a puntuación mínima esixida para que no lo concedan pero non sabemos nada da resolución, supoñemos que a día de hoxe xa está pechada pero non publicada. E evidente que a Xunta está actuando de forma partidista, fixo os anuncios das concesións dos obradoiros sen resolución, de xeito discrecional tendo en conta as cores políticas de quen estaba gobernando nos concellos.