mércores, 28 de xuño de 2023

O Concello da Guarda recibe unha subvención de preto de 710.000€ xestionada polo anterior goberno socialista

  •  Esta fin de semana vimos de recibir a noticia da consecución dunha subvención da Deputación de Pontevedra para facer realidade a 1ª fase do proxecto de rehabilitación do Antigo Sinde, e para a que o Concello recibirá 709.738,81 euros.
  • Os/as concelleiros socialistas amosan a súa satisfacción por ter acadado esta subvención grazas ao traballo desenvolto no anterior mandato.

Co fin de seguir apoiando o gran traballo que realizan as asociacións culturais, deportivas, veciñais, etc. da Guarda, e co fin de mellorar os espazos municipais nos que desenvolven o seu traballo, iniciamos neste último mandato as accións necesarias para rehabilitar e mellorar a eficiencia enerxética de dous edificios onde se atopan diversas asociacións, como son o Antigo Sinde e a Escola de San Lorenzo.

No primeiro caso presentouse o proxecto de reforma integral do pavillón número 1 a unha convocatoria de subvencións da Deputación de Pontevedra (PON2030) que viu aprobada estes días por unha cantidade de 709.738,81€.

A través desta obra integral crearanse espazos insonorizados para que os grupos podan ensaiar, despachos para as asociacións, salas de reunións e aulas de usos compartidos, mellorando a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio.

Dita obra beneficiará non só as asociacións que están instaladas neste edificio, senón tamén a aquelas outras que se atopen ubicadas no outro pavillón e incluso a aquelas que aínda non dispoñan de local, xa que unha gran parte dos espazos están pensados para ter un uso compartido.

No caso da Escola de San Lorenzo, cuxa rehabilitación se presentou como proxecto de obra do próximo obradoiro de emprego, seguimos á espera da resolución da Xunta de Galicia, esperando que un proxecto tan interesante como este poda tamén vir aprobado, e que a través do mesmo podan formarse e traballar como albaneis 20 persoas desempregadas da localidade.

A través destes dous proxectos, que foron encargados a dous estudos de arquitectura da vila, realizouse unha firme aposta pola mellora de espazos que teñen usos sociocomunitarios, culturais, etc, xa que se verán beneficiadas un mínimo de 15 asociacións da vila.