sábado, 19 de outubro de 2019

Comunicado do alcalde da Guarda e o GMS con motivo da ruptura do acordo de goberno. (15/10/2019)



Despois das eleccións municipais de maio de 2019 o PSOE e BNG asinamos un acordo para gobernar xuntos a lexislatura 2019-2023. Este acordo (14/06/2019) permitiría ter un goberno de progreso na Guarda formado por 10 concelleiros

Dende o principio o regulación do tráfico por Concepción Arenal representou un punto crítico no acordo de goberno. Para solventar as diferencias respecto desta cuestión os dous grupos acordaron respectar as indicacións do Plan de Mobilidade do concello da Guarda e así o fixemos constar no texto acordo.

Nas primeiras reunións da comisión de seguimento do pacto de goberno formada por 6 concelleiros, 3 de cada grupo, celebradas os días 12, 23 e 24 de xullo, matizouse e concretouse, entre outras cousas, a regulación do tráfico e a sinalización da rúa Concepción Arenal:

Será unha rúa de preferencia peonil nos lugares onde os peóns convivan cos vehículos

Habilítase un sentido único de circulación entre a rúa Galicia e a rúa Tomiño.

Posibilítase o acceso a Concepción Arenal e Domínguez Fontela dende a rúa Ourense e Manuel Álvarez.

Facilítase o transito dos vehículos pesados. Así, os camións e autobuses poderán acceder ao porto a través da Praza de Avelino Vicente e poderán subir por Concepción Arenal dende o Porto ata a rúa Galicia directamente.

Deixase, como estaba previsto, o dobre sentido de circulación entre o porto e a rúa Enrique María Sexto.

A partir deste momento entendíamos que estaban completamente solventadas as diferencias de criterio respecto ao funcionamento da rúa Concepción Arenal. Sen embargo, aos poucos días da última reunión de xullo, instalaron unha sinalización provisional que non se correspondía coa que habíamos acordado. Mais que regular o tráfico o que facía era prohibir a circulación nun importante tramo da rúa transformándoa en peonil.


Visto este cambio de criterio falamos co BNG en distintas ocasións para pedirlle explicacións. Dado que non conseguimos que o BNG reconsiderara a súa nova postura e retomara o acordo de goberno, dirixinme a Deputación de Pontevedra para solicitar a paralización da colocación da sinalización definitiva co obxecto de evitar máis confusión e gastos innecesarios.


Dende a paralización da colocación da sinalización, no mes de agosto, ata a última semana de setembro, cando se celebrou o pleno no que se debateu a problemática da rúa, seguimos intentando ter achegamentos para salvar o acordo de Goberno. Unha das xuntanzas importantes neste tempo foi a que tivemos o día 2 de setembro na Deputación, onde, ademais de representantes dos dous grupos municipais, estaba o deputado de Infraestruturas e o equipo técnico que fixo o seguimento da obra e o modificado do proxecto. Nesta xuntanza os técnicos pedíronlle ao portavoz do BNG que reconsiderara o seu posicionamento, avalando así a proposta recollida no acordo de goberno, que cumpría cos criterios do plan de Mobilidade.


Durante o mes de setembro seguimos tendo contactos pero, visto que o BNG insistía en facer pública a súa postura e a discrepancia dentro do equipo de goberno, o 24 de setembro, solicitamos formalmente a Deputación a sinalización definitiva que habíamos acordado. Así o publicamos nunha nota de prensa, para informar aos veciños de que non compartíamos o cambio de posicionamento do BNG e adiantando a que ia a ser a nosa postura no pleno


No pleno extraordinario do 30 de setembro, con un punto único sobre Concepción Arenal, fíxose pública a discrepancia dos dous grupos e a intención do BNG de non dar cumprimento ao acordo de goberno. Tamén nese pleno expresei a miña firme resolución e a do Grupo Municipal Socialista de cumprir co pactado e expliquei alí mesmo como iba a ser o funcionamento de Concepción Arenal.


No mesmo pleno o portavoz do BNG fixo referencias a peonalización doutras rúas mostrando a súa intención de non respectar o plan de Mobilidade ao que se fai referencia no acordo de goberno.


Nestes últimos días, aínda cando mantiñamos canles de comunicación, sucedéronse distintas declaracións do BNG descalificando ao alcalde da Guarda, acusándome de irresponsable, provocador e mesmo criticando a falta de información.


A este respecto quero dicir que en todo momento intentei manter o acordo de goberno Que solo fixen uso das miñas atribucións como alcalde cando o BNG incumpriu o acordado. Que actuei sempre en defensa dos dereitos dos veciños e dos compromisos que adquirín con eles ao asinar o acordo de goberno.


Non é de recibo a falta de lealdade e respecto do BNG con este alcalde e a institución municipal que represento. As discrepancias dun goberno deben resolverse coa cesión de ambas partes e sempre arredor dunha mesa, non ventilándoas nos medios de comunicación. Sempre actuei coa máxima responsabilidade e mesura, sempre estiven aberto ao diálogo, sempre informei con antelación aos nosos socios de goberno de todos os pasos que fun dando e, cando o considerei de interese, tamén informei á cidadanía.