martes, 11 de abril de 2017

Non preguntes por Santa Trega a “La Voz de Galicia”!!

O pasado 9 de abril, domingo de Ramos, O que escribe, alcalde da Guarda, tivo que soportar indignado a lectura dun desafortunado artigo sobre o Monte Santa Trega no periódico La Voz de Galicia. Basicamente o artigo era desafortunado porque a maioría das cousas que alí se dicían eran mentira e trataba sen o máis mínimo respecto a turistas, hostaleiros de Santa Trega, departamentos de Turismo e Patrimonio do concello da Guarda e mesmo ao equipo de goberno Guardés. O artigo era desafortunado e prexudicial para unha vila turística como A Guarda ata no titular, que rezaba: “¿Donde me puedo informar sobre el castro de Santa Trega?” co subtítulo “Ante la ausencia de una caseta informativa en el yacimiento, los turistas preguntan en los bares de la zona”
Panel informativo no poboado castrexo

Polo que escribe, supoño que o periodista que firma o artigo nunca estivo no Monte Trega e  parece que tampouco coñece moi ben A Guarda, non sei se falará de oídas ou recibirá ditado dalgún grupo político que, no que a turismo se refire, non acredita coñecemento nin experiencia algunha e o que din os seus representantes non pasan de ser meras ocorrencias.
Comecemos polo principio. No xacemento aqueolóxico de Santa Trega, declarado Monumento Histórico Artístico e Ben de Interese cultural dende 1931, nunca houbo unha caseta informativa como parece insinuar o artigo no subtítulo. A oficina de información turística atopábase no que se coñece como Pico de San Francisco, a pé do MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega), declarado Ben de Interese Cultural en 1962, e funcionaba nas épocas de tempada alta, en Semana Santa e verán. Agora esa oficina foi trasladada ao museo, está perfectamente sinalizada e funciona 11 meses ao ano ben atendida polos profesionais que alí traballan, que son das persoas máis preparadas para falar do Monte Santa Trega e fan o seu traballo con moita profesionalidade.
Sinalización da oficina de turismo

No cumio do monte Santa Trega non hai bares, alí hai dous establecementos hostaleiros, o hotel-restaurante Pazo e o restaurante Mar y Cielo. É un descuido imperdoable é unha falta de respecto chamarlle “bares” a estes establecementos. Por certo para os restaurantes resulta moi interesante que os turistas entren a pedir información ou a charlar sobre o Trega e os seus xacementos, é unha maneira de facer clientes. Que falen do Monte non significa que non poidan informarse por outros medios.
Dicir, como se afirma no mencionado artigo, que hai falta de información sobre o Trega é dun descoñecemento absoluto, e desta maneira infravalórase o traballo dos profesionais do concello da Guarda. Nos últimos anos os departamentos de Patrimonio e Turismo teñen feito moito por mellorar  o aspecto informativo sobre a paisaxe e o patrimonio dun dos lugares máis visitados de Galicia. Na subida, na caseta de cobro, entrégaselle aos visitantes un folleto informativo, e ao chegar ao xacemento os turistas atópanse con completos paneis sobre o poboado e as vivendas castrexas e na zona alta con paneis que axudan a interpretar a paisaxe. Pero por se isto non fora suficiente, no poboado, no museo, na capela e noutros lugares hai uns fitos informativos con códigos QR que dan acceso a audioguías en catro linguas, galego, castelán, inglés e francés.


A URL das audioguías e:
https://www.youtube.com/channel/UCclhuUPCJqDlHD0TOc3PqOQ
Pero se hai persoas interesadas en acceder a elas que non dispoñen do código QR e non queren teclear esa dirección imposible, basta con que busquen en youtube “audioguías do Trega”.
Toda a información anterior, que non é pouca, non resulta suficiente a criterio do concello da Guarda para un sitio coma o Trega en épocas de afluencia masiva de visitantes. Así, o xoves día 6 de abril foi remitida a tódolos medios de comunicación, incluída La Voz de Galicia, a programación da Semana Santa no concello da Guarda e nesta programación inclúese entre outras cousas, visitas guiadas gratuítas ao MASAT e ao castro de Santa Trega.

Toda a información anterior pode ampliarse, para aqueles viaxeiros que planifican a visita ao Trega con antelación ou que aínda queren máis información, accedendo a magnífica páxina de turismo que o concello da Guarda estreou en 2016 en tres linguas, galego, español e inglés, www.turismoaguarda.es ou mesmo descargando a App do concello da Guarda, que tamén ten información turística cun apartado exclusivo para o Monte Santa Trega.
Na Guarda sabemos o que nos traemos entre mans, empregámonos a fondo para manter o legado que nos deixaron todas aquelas persoas que traballaron para que O Monte Santa Trega e o seu Museo Arqueolóxico, que este ano cumpre o seu primeiro centenario, sexa o que é hoxe en día. Eu creo que poucos lugares de Galicia poden presumir de ofrecer tanta información como nós damos do noso Monte.
En definitiva, podemos dicir a vista destes feitos demostrables e contrastables que se queres saber do Monte Trega, ven Á Guarda, non preguntes en  “La Voz de Galicia”.

sábado, 8 de abril de 2017

Humanización da praza do Reló. Un compromiso electoral

Un dos puntos do programa electoral presentado para as últimas eleccións municipais dos Socialistas da Guarda no apartado de urbanismo era humanizar o entorno do Concello. Para reafirmar este compromiso, na entrevista feita ao entonces candidato a alcaldía da Guarda, Antonio Lomba, publicada no boletín O teu pobo nº 14, o candidato dicía "Peonalizaremos a praza do Reló para disfrute dos veciños". Estes e outros compromisos electorais foron os que fixeron que moitos veciños e veciñas deran o apoio a candidatura presentada polo partido Socialista.
Nós témolo moi claro. Os compromisos electorais son para cumprilos, ou polo menos para intentalo. Aínda así, hai que dicir que moitas veces non está só nas nosas mans o levar a cabo determinadas actuacións por moito que o desexemos.
Dende o primeiro día da lexislatura estamos traballado para conseguir prazas de aparcamento en determinadas zonas e así poder liberar outras de coches, isto non é fácil, hai moitos factores en xogo pero nós seguirmos traballando. No caso das humanizacións da praza do Reló, da 2ª fase da rúa Calvario e da habilitación dunha zona para peóns no comezo da rúa San Bernardo, sabíamos que se perderían algúnhas prazas de aparcamento ás que non tiñamos alternativa que ofrecer, pero que era necesario facelas por que significaba unha gran mellora para a maioría dos veciños. Sabemos que hai algunha xente que lles afectan estas humanizacións e que lles incomodan, pero pensamos que co paso do tempo valorarán positivamente estas actuación porque dende o punto de vista obxectivo significan unha mellora da cualidade de vida para todos. Dende o equipo de goberno pedimos un pouco de paciencia e comprensión para adaptarse a estes cambios.
No proxecto de humanización da Vila que temos no Grupo Municpal Socialista o obxectivo é mellorar a cualidade dos veciños e veciñas recuperando espazos públicos para a cidadanía, para que persoas de tódalas idades pero sobre todo as máis vulnerables, nenos e maiores, poidan sentirse cómodos e seguros. Pero tamén temos moi en conta os axentes económicos que se poden sentir afectados por estas actuacións. Nos cambios que temos proxectados para o futuro estamos seguros que non afectamos en absoluto a establecementos comerciais e hosteleros para mal. Pensamos que os cambios que propoñemos son beneficiosos para todos aínda que necesitarán dun periodo de adpatación.
O equipo de goberno do Concello da Guarda Seguirá traballando para cumprir os seus compromisos, para iso a maioría dos veciños e veciñas nos deron a súa confianza.