venres, 12 de abril de 2024

Roberto A. Carrero, un alcalde ausente que non fai o traballo que se espera del

Ante dúas cuestións lanzadas pola portavoz do Grupo Municipal Socialista durante o punto de Rogos e Preguntas do último pleno, o Alcalde evadiu de xeito directo a súa responsabilidade como rexidor e demostrou o pouco que lle importan o noso pobo e a súa cidadanía.

Unha das cuestións estaba relacionada co ferri. Pedimos información sobre cando íamos a ter de novo conexión con Caminha, e que pasaba co pantalán de atraque que aínda non chegou a instalarse, cando el mesmo nos asegurou nunha reunión mantida con nós en novembro de 2023, que o pantalán estaría instalado nunhas semanas.

Rampa do Ferry - Alto non pasar
A outra cuestión estaba relacionada coa Estación Marítima da Pasaxe. Queremos recordar que a Estación Marítima é un edificio que pertence a Portos de Galicia e que inicialmente estaba cedido ao Concello da Guarda ata xuño de 2029.

O anterior equipo de goberno sacou a última licitación para a explotación da cafetería da Estación Marítima en marzo de 2022, e á mesma presentáranse dúas empresas locais interesadas, pero pouco despois de saír a licitación, Portos de Galicia decidiu rescindir a concesión alegando cuestións normativas, e tivo que paralizarse o proceso posto que o edificio deixaba de estar cedido ao Concello.

Un ano despois do cese da concesión, durante unha visita á Guarda da Responsable de Portos de Galicia, e ante a pregunta do noso Concelleiro Rafa Alvarez de que tiñan previsto facer coa Estación Marítima, comentou que estaban perfilando un proxecto para ese edificio, pero que nese momento non podían darlle ningunha información ao respecto.

Dado que xa pasou un ano desa conversa, durante o pleno, tamén lle preguntamos ao Alcalde se tiña algunha noticia nova sobre este tema.

A súa resposta para estas dúas preguntas foi a mesma: “Para sabelo poden preguntarlle directamente a Portos de Galicia, porque son temas que non dependen do Concello”.

Cando lle comentamos que o normal sería que o alcalde estivera informado daqueles asuntos, que aínda sendo competencia doutras administracións, afectan á nosa cidadanía, volveu a insistir no mesmo: “Diríxase vostede á administración responsable dese tema”.

Ante a nosa sorpresa, volvemos a insistir preguntándolle se lle diría o mesmo a un/ha cidadán/a que lle fixera a consulta, e insistiu en que lle daría a mesma resposta que a nós. Que o/a animaría e axudaría a presentar unha instancia a través do Portelo Único dirixida a Portos de Galicia. Alucinante, non?

Dado que a nós si que nos preocupa ter informada á cidadanía, e vendo que ao Alcalde parece non importarlle nin a conexión con Caminha nin que a estación Marítima se caia a pedazos, o luns día 8 de abril, desde o Grupo Municipal Socialista da Guarda, presentamos unha instancia dirixida a Portos de Galicia solicitando que nos dean resposta e aclaren as nosas dúbidas en relación a estes temas.

Nós, despois da sorprendente resposta de Carrero no pleno, sacamos a mesma conclusión á que levamos chegando durante todos estes meses de goberno: A Guarda ten un alcalde ausente que non fai o traballo que se espera del.


martes, 9 de abril de 2024

O Grupo Municipal Socialista seguirá pendente e puxando para que a apertura da Rúa Baixo Muro sexa pronto unha realidade.

O 20 de febreiro deste ano, o noso grupo denunciaba publicamente que o actual equipo de goberno deixara paralizado o proceso de apertura da Rúa Baixo Muro, renunciando á subvención grazas á que se podería levar a cabo a obra, e destinando ese diñeiro a outros fins.

Hai que recordar que o Concello está obrigado a levar a cabo dita apertura por dúas sentencias xudiciais firmes.

Despois de anos de procedementos e xestións impulsadas polo anterior alcalde da Guarda, o socialista Antonio Lomba, xusto cando a conexión das rúas Baixo Muro e Ireira estaba a punto de executarse, o PP colleu o timón do concello guardés, e como está sucedendo con outras moitas xestións, os populares imposibilitaron tamén este proxecto. Neste caso renunciando a unha subvención da Deputación de 107.594,80 € destinada especificamente para este fin, e desviando ese diñeiro cara a actuacións no Camiño de Salgueiró e para a adquisición de vehículos para o Concello.

rúa Baixo Muro

No pasado pleno, cando se debateu unha moción presentada polo BNG relativa a este tema, o actual alcalde, ante a gran afluencia de veciños e veciñas da zona que se atopaban na sala e sentíndose acorralado afirmou que a obra non estaba paralizada, e tratou de deslexitimar ao anterior equipo de goberno dicindo que só se fixeran xestións neste tema durante o último ano da lexislatura.

Queremos recordarlle ao Sr. Carrero, que parece que ten memoria selectiva, que as xestións para a apertura da rúa iniciáronse xa antes do ano 2019. Desde aquel momento non se deixaron de dar pasos para chegar ata onde estabamos antes de que o actual alcalde entrara no goberno.

E a obra, claro que a paralizaron, e á vista está. Se renuncian a unha subvención que estaba concedida para facer a obra, e ademais no novo orzamento (que presentaron tarde, mal e a rastro en marzo), non hai ningunha partida para elo, xa nos dirán. Blanco e en botella.

Non sigan mentindo. Se a obra non se levou a cabo foi unicamente por falta de vontade política, xa que lles deixamos a vostedes todo o traballo feito. Agora, aprobada esta moción en pleno, cumpran coa súa obriga levando a cabo a apertura desta rúa.

Nós seguiremos de preto os avances desta obra que permitirán non só cumprir coas sentencias xudiciais, senón tamén mellorar a asistencia ás persoas que viven naquela zona en casos de emerxencia, converter en accesible un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval e abrir un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para toda a veciñanza dos barrios do Muro, das Laxes e da súa contorna.


domingo, 7 de abril de 2024

Aprobada en pleno a moción do Grupo Municipal Socialista en relación á sinalización das fontes públicas.

No pleno do pasado mércores, 3 de abril de 2024, o GMS presentou unha moción que resultou aprobada e grazas á que se sinalizarán todas as fontes da Guarda, e naquelas nas que non exista un proceso de potabilización, e nas que se teña constancia de que a poboación recolle auga para consumo humano, exporanse os resultados das últimas análises realizadas, co obxectivo de que a poboación teña a máxima información sobre a súa calidade.

Despois de que o Concello colocase uns carteis, de interpretación dubidosa, en varias fontes moi utilizadas da vila como a da Cal, Buxán ou Pintán, e trala denuncia de varios veciños e veciñas, decidimos presentar unha moción ao respecto.

Fonte da Cal

En dita moción solicitábase que, por un lado, se sinalizaran todas as fontes da vila, indicando se a auga que mana das mesmas é ou non apta para o consumo humano, e no caso daquelas nas que non exista ningún proceso de potabilización, ademáis do cartel que Sanidade indica (“AUGA SEN GARANTÍA SANITARIA. Auga sen tratamento de desinfección, procedente de fonte natural. O Concello no pode garantir a súa calidade”), se coloque outro a maiores, no que conste a data do último análise e os resultados obtidos, indicando se, trala analítica, a auga se consideraba ou non apta para o consumo humano.

A Concelleira de Medio Ambiente tentou, durante a súa intervención, poñer en dúbida as labores de control das fontes do anterior equipo de goberno, chegando a afirmar que as últimas analíticas completas foran feitas no 2015.

Esta afirmación é completamente falsa. As fontes sempre se analizaron de forma regular e seguindo a normativa, e naquelas nas que se sabía que a poboación recollía auga, facíanse controis cada mes ou cada dous meses como máximo.

Aínda que o Partido Popular xa nos tes acostumbrados/as ás súas malas artes, isto é a gota que colma o vaso, e parécenos inadmisible que unha concelleira poda verter nun plenario mentiras deste calado sen ter proba algunha.

A pesares de que se defendan atacándonos o verdadeiramente importante é que nós conseguimos o noso obxectivo, que era que a moción saíse aprobada polo ben da cidadanía da Guarda. Agora toca seguir de preto que efectivamente cumpran ditos acordos.