venres, 3 de novembro de 2023

O PP guardés esconde a súa incompetencia detrás de falsas acusacións contra o PSOE

O goberno socialista pode demostrar con feitos, e non só con palabras, que deixou máis de 5.000.000€ en subvencións para a Guarda e un saldo positivo en bancos de 570.937,09 €, cifra que na actualidade rondaría o 1.200.000€. 

O Sr. Roberto Carrero e o concelleiro de Facenda, Oscar Alonso amosan un total descoñecemento do funcionamento do concello, a verdade non nos estraña porque na pasada lexislatura non fixeron o traballo que lles tocaba, que era o de oposición, e por tanto non teñen coñecemento algún de toda a labor de xestión interna do Concello. 

Portavoz socialista Fátima Rodríguez cos
concelleiros Rafa Álvarez e Lucía Trigo
Neste momento, e ante a súa incompetencia tratan de trasladar a responsabilidade da súa falta de xestión ao anterior equipo de goberno.

Teñen cartos no banco e remanente en tesourería, traballen e fagan o que teñan que facer para pagar esas facturas que o concello debe, como se viña facendo nos últimos anos, e no noso caso cun goberno en minoría. Iso é o traballo de xestión que se espera de vostedes. Estar no seu cargo implica algo máis que estar de “sarao en sarao”, que foi o que fixeron vostedes durante este verán. 

Reciben vostedes unha herdanza moi diferente da que recibimos nós en 2007, ano no que o anterior goberno formado por PP e Fariñas deixaba no concello débedas con provedores por 2.238.488,47€, e débedas con bancos por 2.150.606,64€. Entraban escritos reclamando o pagamento de débedas un día si, e outro tamén, incluso con ameazas de corte da luz pública. 

Desde que entramos no goberno traballamos moi duro para liquidar toda esa débeda, voltamos a ter a confianza de moitas empresas que non querían traballar para o Concello, solucionamos a débeda que deixaran vostedes con Caminha polo ferry, e asumiuse o pago das responsabilidades patrimoniais polas 21 licenzas, e todo iso acurtando os prazos de pago a empresas e provedores.  

Debería caerlles a cara de vergonza por non facer nada para pagar esas facturas mais que subir impostos. O concello da Guarda ten cartos no banco máis que suficientes para pagar todas as débedas que ten. É o que se espera de vostedes, que son os que están gobernando.

Deixen de tratar de erosionarnos e traballen, que para iso asumiron vostedes a responsabilidade de gobernar A Guarda!!