luns, 6 de febreiro de 2023

O pleno da Guarda aproba unha moción dos Socialistas pedindo axuda para os danos das choivas.

  •  O pleno aproba por unanimidade a moción do Grupo Municipal Socialista da Guarda no que solicitan a declaración de Emerxencia para os concellos afectados polas choivas.
  • Costas do Estado farase cargo da reparación da pista entre Codesal e Armona.

No Pleno ordinario do mes de xaneiro o Grupo Municipal Socialista da Guarda presentou unha moción na que se solicitan axudas para concellos, persoas e empresas polos danos ocasionados por motivo dos temporais e as choivas do pasado Nadal e fin de ano.

A moción, que foi aprobada por unanimidade, no seu apartado resolutivo insta ao presidente da Xunta de Galicia a que declare a Emerxencia de Interese Galego nos concellos afectados e a que solicite ao Goberno do Estado a mesma declaración.

Esta solicitude que se fai á Xunta de Galicia dende o concello da Guarda xa a teñen feito dende distintas instancias os alcaldes e alcaldesas das comarcas do sur de Galicia: do Baixo Miño, do Val Miñor e do Condado.

Nunha primeira valoración o custo dos danos provocados polas choivas nos bens públicos no concello da Guarda ascende a máis de medio millón de euros. Unha cantidade que, de ter que ser asumida polo concello, provocaría un importante desaxuste orzamentario difícil de asumir.

A solicitude dunha partida orzamentaria extraordinaria á Xunta ven a coincidir co compromiso da Deputación de Pontevedra de habilitar un Plan de Axudas aos concellos afectados polos temporais en canto o presidente da comunidade declare a Emerxencia de Interese Galego.

Dende o concello da Guarda tamén se quere trasladar a queixa de que ningún representante político da Xunta de Galicia visitou nin se interesou polos danos sufridos na localidade. Tendo en conta que algúns destes danos se produciron en lugares nos que a xunta ten competencias, como o litoral do esteiro que se atopa en zona de protección de Rede Natura ou o monte Santa Trega en zona de protección arqueolóxica.

Por outra banda o alcalde, Antonio Lomba, estivo facendo xestións con a Xefatura Provincial de Costas do Estado para que asumira os danos que se produciron nas zonas da súa competencia. O dano máis importante foi o colapso da pista entre o Codesal e a Armona que será asumido por Costas e cuxa reparación comenzará en breve.