venres, 22 de marzo de 2024

Sr. Alcalde: Ao Cesar o que é do Cesar

  •  Roberto Carrero, actual alcalde da Guarda sigue instaurado na mentira como forma de vida. Non lle chegou con apropiarse irregularmente de cartos públicos da Deputación de Pontevedra, cartos que tivo que devolver, senón que agora pretende apropiarse do traballo alleo, e poñerse a medalla con proxectos e subvencións acadadas polo anterior equipo de goberno socialista.
  • Nos orzamentos para o 2024 a única novidade deste novo goberno será a subida do IBI que sufrirán os veciños e veciñas da Guarda, unha suba do recibo nun 22%.

Teñen transcorridos 10 meses dende as últimas eleccións municipais. Dun goberno socialista, integrado por 5 persoas, pasouse na Guarda a un goberno da dereita máis Celso Fariñas que conforman un equipo integrado por 9 persoas, e que ten acontecido desde entón? Nestes meses non temos visto nin unha iniciativa ou idea nova do goberno, o único que se percibe é un silencio espeso que o vai anegando todo. O que a cidadanía lle traslada ao partido socialista é unha absoluta degradación da vida municipal:

1.-Eliminaron a retransmisión vía streaming dos Plenos Municipais. Nótase o medo a que a veciñanza coñeza o nulo traballo do equipo de goberno (e iso que son 9). Estamos diante dunha medida que vai en contra dos principios da TRANSPARENCIA e que anula o dereito da cidadanía a coñecer dos asuntos municipais. A CIDADANÍA TEN DEREITO A ESTAR INFORMADA.

Fai click sobre a imaxe para aumentala

2.-Cando estaba na oposición, o Partido Popular sempre falaba de rebaixar impostos e taxas, pois ben, nada máis chegar ao goberno a primeira medida da dereita foi subir o IBI nun 22%. A maior subida impositiva coñecida na Guarda. Viva a incoherencia!!!

3.-O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, fíxonos sentir vergoña allea saíndo nos medios de comunicación nacionais polo cobro irregular da Deputación de Pontevedra, cartos que tivo que devolver. Miúda falta de integridade.

4.-Tamén minte cada vez que fala do ferri. Nun “vídeo-denuncia” deses que tanto lle gustaba facer en oposición, o Sr. Carrero dixo a principios de 2022 que o servizo volvería a estar operativo (grazas ás súas xestións...) en Semana Santa dese ano. Mentiunos tamén na cara, cando en novembro de 2023, nos dixo durante unha reunión que o pantalán do ferri ía a estar instalado nunhas semanas. De mentira a mentira, e tiro porque me toca.

5.-Desde que Roberto Carrero goberna a localidade tense reducido o nivel de consecución de recursos e de cartos para A Guarda, será porque dedican o seu tempo en fabricar mentiras e en propagalas. O fixeron dende o primeiro minuto, tratando de enganar á cidadanía guardesa dicindo que o goberno socialista deixara arruinado o Concello, e fíxense que a 30/10/2023 había nos bancos 3.058.166,70€, e non o dicimos nós, o dixo mediante un informe o Tesoreiro Municipal.

Pero o que máis preocupa ao partido socialista da Guarda é a falla de compromiso de Roberto Carrero e o seu equipo coa Guarda e cos veciños e veciñas. O silencio chegou á cidadanía guardesa, os/as veciños/as xa nin se acercan polo concello porque din que o alcalde nunca está.

O abandono das rúas e prazas é mais que evidente, a falla de mantemento unha constante, a perda de subvencións un suma e segue. En espazos como a Alameda nunca houbo tanta loseta caída por colocar (e tanto que lle molestaban no pasado que ata fixo un vídeo falando diso), ata tiraron parte do muro e ninguén o arranxa.

Hai camiños, como o da Armona, intransitables, aparcamentos públicos que teñen aspecto lunar (polas fochancas) ou obras acabadas de rematar que van camiño de precisar outra intervención. E iso que o equipo de goberno está formado por 9 persoas, que farían se foran 5 coma fomos nós?.

En definitiva, a mentira é a súa primeira liña de traballo, o abandono e a falla de preocupación polos asuntos municipais a segunda, e a terceira é a de pretender apropiarse dos logros do anterior goberno socialista. Esta terceira liña de traballo, a apropiación, ven a colación porque a nota que publicaron sobre os orzamentos é un claro exemplo. Presumen dunha cifra millonaria de investimentos neste 2024, así o titular da noticia di:

“O Concello da Guarda disporá este ano dun orzamento expansivo e social...., e que se enriquecerá con alomenos 5.002.808€ euros en transferencias doutras administracións para afrontar ata 14 investimentos”

Está claro que Roberto Carrero é un experto en manipular a información e en tratar de apropiarse do traballo e xestión do anterior equipo de goberno socialista. Deses 5.002.808€ de inversións dos que falan, máis de 4.000.000€ os teñen grazas a subvencións conseguidas polo anterior goberno socialista.

E para aportar datos e non falar ao aire, axuntamos un cadro onde aparecen as principais subvencións conseguidas por nós para obras e proxectos a executar durante a actual lexislatura. Fai uns días pedimos acceso aos expedientes de todas elas, para comprobar en que fase de execución se atopan e iremos informando das novidades.

Preocúpanos moito este tema, varias destas subvencións xa se perderon porque o actual equipo de goberno non deu executado as obras ou servizos aos que estaban destinadas...pero a cuestión é: canto diñeiro máis perderá A Guarda con este actual goberno?

O noso concello é un concello pequeno, con moi pouca capacidade económica, e por iso dependemos tanto das subvencións para poder levar a cabo pequenos e grandes proxectos. Non podemos permitirnos perder nin un euro, e o goberno municipal ten que buscar a maneira de que non o perdamos. Ese é o seu traballo e a súa obriga.


martes, 19 de marzo de 2024

O Concello da Guarda pon en xogo a saúde da cidadanía guardesa non sinalizando correctamente as fontes públicas.

 Tralo aviso de varios veciños e veciñas comprobamos que nas pasadas semanas o Concello da Guarda colocou uns carteis en varias fontes públicas da Guarda moi populares entre a cidadanía, como poden ser a fonte da Cal, a de Buxán ou a de Pintán. Ditos carteis conteñen o seguinte texto: “AUGA SEN GARANTÍA SANITARIA. Auga sen tratamento de desinfección, procedente de fonte natural. O Concello no pode garantir a súa calidade.”

Estes carteis están xerando dúbidas nas persoas usuarias destas fontes respecto a se a auga das mesmas se pode consumir con tranquilidade ou non, xa que o cartel utilizado non resulta demasiado acaído, mostrando unha billa riscada en vermello, o que da a entender que a auga non se pode consumir, pero por outro lado tampouco figura unha prohibición expresa, e por suposto non se aporta ningunha información sobre analíticas recentes e calidade da auga.

Sumado a isto cabe dicir, que das últimas análises realizadas, cónstanos que unha das fontes, concretamente a de Fonte Bieita, resultou non ser apta para o consumo humano. Sen embargo na fonte poden atoparse dous carteis: un sería o nomeado anteriormente, e o outro é un cartel de “Auga non potable”. Se a auga desa fonte non é potable, debería estar unicamente colocado o cartel de “Auga non apta para o consumo humano” que indica a nova normativa de Sanidade. Doutra forma estase a xerar, sen necesidade, unha sensación de incertidume na veciñanza.

Por último gustaríanos comentar que tras visitar todas as fontes da Guarda, para comprobar o que nos comentaban os veciños, comprobamos que a maioría delas non contan con ningún cartel informativo (Netos, San Amaro, Torroso, A Poza, Santa Catalina, San Queitano, A Piollosa, etc.).

Segundo o Plan de autocontrol e sinalización de fontes que se empregan como fonte de auga de consumo da Dirección Xeral de Saúde Pública, os concellos deben levar a cabo analíticas periódicas da auga, e tamén están obrigados a sinalizalas.

Unha vez mais asistimos asombrados/as á falta de responsabilidade deste goberno, que deixa a criterio da cidadanía consumir ou non a auga das fontes públicas, ou inclúe carteis que dan lugar a confusión.

Pola nosa parte, aparte de denunciar a situación publicamente, acabamos de presentar unha moción para o próximo pleno coa intención de que o equipo de goberno se tome máis en serio este tema e na que solicitaremos que todas as fontes públicas conten cun cartel no que se indique o tipo de auga: “Auga apta para o consumo”, “Auga non apta para o consumo” ou “Auga sen garantía sanitaria”.

E tamén pediremos que naqueles casos nos que as fontes non conten con tratamento de potabilización (Auga sen garantía sanitaria), especialmente naquelas nas que se teña constancia de que a veciñanza adoita recoller auga para consumo humano, ademais do cartel indicado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, instalarase outro no que se indique a data do último análise e os resultados obtidos, indicando se a auga se considera ou non apta para o consumo humano, expresado dun xeito que poda ser comprensible para toda a cidadanía.

venres, 15 de marzo de 2024

O PP Guardés leva a pleno tarde, mal e a rastro, uns orzamentos para o 2024 que amosan unha total falta de proxecto para A Guarda.

O equipo de goberno presentou no pleno extraordinario do día 14 de marzo o novo orzamento para este ano, documento que tiña que estar xa aprobado antes de que acabara 2023, e que redactaron de forma unilateral sen ter en conta ao resto dos partidos políticos da Corporación.

Durante a intervención da nosa portavoz municipal, Fátima Rodríguez, repasamos diversos aspectos que nos levaron a votar en contra do orzamento presentado polo equipo de goberno.

As razóns para o noso voto en contra foron:

- Demostra a súa pésima xestión dos recursos do Concello: Reservan este ano 23.570,17€ para levar a cabo melloras na rede de abastecemento da auga, o que estaría moi ben se no 2023 non tiveran perdido 30.000€ dunha subvención conseguida por nós para o mesmo fin. Temos un equipo de goberno que perde subvencións (xa contabilizamos varias desde que están ao mando), e ten que quitar cartos do peto dos/as guardeses/as para facer as cousas.

- Falta de criterio á hora de inverter os cartos: A maior inversión que realizarán con fondos propios (29.000€) será na creación dun parque canino no Castelo de Santa Cruz. Se o que queren é dinamizar este elemento patrimonial, e postos a inverter diñeiro no mesmo, cremos que habería outras opcións mellores.

Por exemplo, a creación dunha área de lecer para nenos/as e adultos/as ao estilo do Parque dos Sentidos, ou destinalo a ser espazo que podan ocupar creadores/as locais ou foráneos/as de distintas disciplinas artísticas onde poder impartir formación, levar a cabo encontros, exposicións, etc., accións que polo menos axudarían a atraer visitantes e incluso habitantes á vila.

Non estamos en contra de crear un parque canino, pero un ben patrimonial como o de Santa Cruz, non nos parece un sitio axeitado, estando ademais dita intervención á expensas da autorización de Patrimonio.

- Faltan á súa palabra coas asociacións e comisións de festas: Cando estaban en oposición pedían duplicar as subvencións a entidades de iniciativa social como San Xerome, Érguete, Avelaíña, etc., pero estando no poder xa non o consideran importante, posto que o orzamento non reflexa esa ampliación de asignacións.

Ademais, durante a campaña electoral prometeron a todas as comisións de festas que asumirían instalación de carpas, baños portátiles, etc. pero no orzamento só aparece designación de fondos para unha única comisión de festas. Terán que facer enxeñería económica para cumprir as súas promesas, se é que as poden cumprir.

- Non teñen en conta as necesidades da Guarda: Non aparece neste orzamento ningunha partida para complementar a parte que non cubre a subvención de máis de 1 millón e medio de euros que acadáramos nós para a reforma da piscina municipal.

Na nosa opinión tamén destinan poucos fondos ao mantemento dos centros educativos (esta tería sido unha das nosas prioridades para esta lexislatura, os edificios dos colexios son antigos e cada vez demandan máis arranxos).

Reducen a inversión en accións de desenvolvemento local dirixidas aos negocios locais. Este ano destinan 3.000€, cando en 2022 se gastaron 17.000€, e en 2023 foron 8.000€.

Reducen con respecto ao último orzamento as inversións para a redacción de proxectos. Un equipo de goberno que se prece sempre ten que ter na recámara varios proxectos redactados, para que cando xurda a oportunidade poda presentalos e conseguir subvencións coas que poñelos en marcha.

Cremos que estas son suficientes razóns para votar en contra duns orzamentos que son un fiel reflexo da falla de xestión deste equipo de goberno, da súa pouca visión e nulo proxecto de futuro que teñen para A Guarda.

Pero que se pode esperar dun goberno sen chispa, sen motivación, que non realizou ata o de agora ningún cambio significativo. Un goberno ao que tanto parecía desgustarlle o noso traballo cando estaba en oposición, pero que agora copia e mantén a gran maioría das nosas iniciativas.

A poboación esperaba máis deles/as, e na rúa xa está o run-run de que neste Concello non hai rumbo ni ninguén o volante, e non hai rumbo porque o patrón do barco, en lugar de navegar, que sería o que se espera del, pois está a outras cousas…