martes, 19 de marzo de 2024

O Concello da Guarda pon en xogo a saúde da cidadanía guardesa non sinalizando correctamente as fontes públicas.

 Tralo aviso de varios veciños e veciñas comprobamos que nas pasadas semanas o Concello da Guarda colocou uns carteis en varias fontes públicas da Guarda moi populares entre a cidadanía, como poden ser a fonte da Cal, a de Buxán ou a de Pintán. Ditos carteis conteñen o seguinte texto: “AUGA SEN GARANTÍA SANITARIA. Auga sen tratamento de desinfección, procedente de fonte natural. O Concello no pode garantir a súa calidade.”

Estes carteis están xerando dúbidas nas persoas usuarias destas fontes respecto a se a auga das mesmas se pode consumir con tranquilidade ou non, xa que o cartel utilizado non resulta demasiado acaído, mostrando unha billa riscada en vermello, o que da a entender que a auga non se pode consumir, pero por outro lado tampouco figura unha prohibición expresa, e por suposto non se aporta ningunha información sobre analíticas recentes e calidade da auga.

Sumado a isto cabe dicir, que das últimas análises realizadas, cónstanos que unha das fontes, concretamente a de Fonte Bieita, resultou non ser apta para o consumo humano. Sen embargo na fonte poden atoparse dous carteis: un sería o nomeado anteriormente, e o outro é un cartel de “Auga non potable”. Se a auga desa fonte non é potable, debería estar unicamente colocado o cartel de “Auga non apta para o consumo humano” que indica a nova normativa de Sanidade. Doutra forma estase a xerar, sen necesidade, unha sensación de incertidume na veciñanza.

Por último gustaríanos comentar que tras visitar todas as fontes da Guarda, para comprobar o que nos comentaban os veciños, comprobamos que a maioría delas non contan con ningún cartel informativo (Netos, San Amaro, Torroso, A Poza, Santa Catalina, San Queitano, A Piollosa, etc.).

Segundo o Plan de autocontrol e sinalización de fontes que se empregan como fonte de auga de consumo da Dirección Xeral de Saúde Pública, os concellos deben levar a cabo analíticas periódicas da auga, e tamén están obrigados a sinalizalas.

Unha vez mais asistimos asombrados/as á falta de responsabilidade deste goberno, que deixa a criterio da cidadanía consumir ou non a auga das fontes públicas, ou inclúe carteis que dan lugar a confusión.

Pola nosa parte, aparte de denunciar a situación publicamente, acabamos de presentar unha moción para o próximo pleno coa intención de que o equipo de goberno se tome máis en serio este tema e na que solicitaremos que todas as fontes públicas conten cun cartel no que se indique o tipo de auga: “Auga apta para o consumo”, “Auga non apta para o consumo” ou “Auga sen garantía sanitaria”.

E tamén pediremos que naqueles casos nos que as fontes non conten con tratamento de potabilización (Auga sen garantía sanitaria), especialmente naquelas nas que se teña constancia de que a veciñanza adoita recoller auga para consumo humano, ademais do cartel indicado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, instalarase outro no que se indique a data do último análise e os resultados obtidos, indicando se a auga se considera ou non apta para o consumo humano, expresado dun xeito que poda ser comprensible para toda a cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario