venres, 2 de xuño de 2017

A Xunta segue ignorando a importancia da VAP para a nosa comarca

Os Socialistas da Guarda consideran inadmisible que a Xunta de Galicia siga mantendo incomunicado o Baixo Miño ao non marcar tan sequera prazos para o remate da Vía de Altas Prestacións entre A Guarda e Tui, o que demostra a situación de esquecemento a que San Caetano somete a comarca. Nas propias verbas do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, feitas no Rosal a un medio de comunicación local (preguntado sobre os prazos para o tramo entre Tui e Goián), recoñeceu que aínda non teñen prazos tan sequera para poder aproximar unha data. 

Como ven declarando nos últimos meses, Antonio Lomba, Alcalde de A Guarda, seguirá insistindo co resto de concellos para que se comece a traballar: “Isto demostra o escaso interese que o Partido Popular demostra para esta infraestrutura imprescindible para nosa comarca, que obriga a desprazamentos máis conxestionados e inseguros. Parece que non teñen en conta que sen a VAP a comarca segue adoecendo. Votan a favor aquí nos concellos e logo en Santiago deixan morrer nun caixón o proxecto, como eles mesmos recoñecen.”
O grupo do PSdeG no Parlamento de Galicia ven de presentar nos Orzamentos da Comunidade para este 2017, dúas emendas para incluír dotacións no proxecto. A primeira de 8 millóns de euros para continuar coas obras xa iniciadas do tramo I e a segunda para o acceso a Areas de 400.000 €. Ambas botadas atrás polos votos do PP, o que demostra a dobre vara dos conservadores, opoñéndose e negando a maior, a gran necesidade que ten a comarca.
Abel Losada deputado do PSdeG
Abel Losada, deputado socialista por Pontevedra recoñece que: “non esconden tan sequera o desinterese. Coa negativa de incluír esa emenda, perdemos unha oportunidade máis de rematar ese tramo que conecta mellor a comarca coa cidade referencia que é Vigo. Non só por unha cuestión monetaria senón por comezar a traballar e ter o compromiso da administración autonómica. Os Socialistas xa tiñamos a sensación de que a VAP non era prioridade para a Xunta nesta lexislatura, pero agora xa o pódemos demostrar con feitos, por exemplo, 41 votos en contra nesa votación.”