mércores, 14 de febreiro de 2024

O goberno do PP da Guarda non respecta sentencias xudiciais e prexudica á veciñanza.

  •  O PP renuncia a executar a conexión das rúas Baixo Muro e Ireira
  • Os populares non teñen en conta nin as sentencias xudiciais nin a veciñanza do casco histórico.

A Guarda a 14 de febreiro de 2024. Despois de anos de procedementos e xestións impulsados polo anterior alcalde da Guarda, o socialista Antonio Lomba; cando a “conexión das rúas Baixo Muro e Ireira” estaba a pique de executarse. O PP colleu o timón do concello guardés, e como está sucedendo con outras moitas xestións, os populares imposibilitaron tamén este proxecto. Neste caso renunciando a unha subvención da Deputación de 107.594,80 € destinada para este fin.

Xa se conseguira a aprobación, por unanimidade de todos os grupos políticos, da modificación puntual do PXOM da Guarda, que permitía a apertura desta conexión.

Xa se contaba cun proxecto con informe favorable de patrimonio, necesario pola súa proximidade á muralla medieval.

Xa se conseguira evitar a expropiación dos terreos necesarios para a apertura do vial, chegando a un acordo de compra cos propietarios. Un particular e a Xunta de Galicia.

Xa había cartos para a adquisición dos terreos necesarios para o vial no orzamento, tanto no do 2023 como no do prorrogado de 2024.

Xa se contaba cunha subvención para a obra de 107.594,80 €, pero o goberno Guardés decidiu desistir da subvención e destinar estes cartos a outros fins.

A portavoz dos socialistas da Guarda e actual candidata ao parlamento Galego, Fátima Rodríguez, explica a importancia e interese desta obra: “en primeiro lugar o concello está obrigado a dar cumprimento a dúas sentencias firmes que datan de 2014 e 2015, relacionadas coa accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas da rúa Baixo Muro. Ademais, neste caso, a conexión das rúas mellora a asistencia ás persoas que viven naquela zona en casos de emerxencia; mellórase a prestación de servizos básicos como limpeza pública e recollida de lixo; convértese en accesible un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval e ábrese un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para toda a veciñanza dos barrios do Muro, das Laxes e da súa contorna.”

O goberno Guardés está moi parado e unha vez máis da mostras da súa incapacidade para xestionar con solvencia subvencións xa concedidas e executar proxectos de interese para a nosa localidade.