xoves, 3 de decembro de 2015

Postura do Grupo Municipal Socialista da Guarda respecto dos circos con animais salvaxes.


Estes días moita xente se pregunta por que se permite a instalación na Guarda dun circo que utiliza animais no seu espectáculo. En primeiro lugar aclarar que, de momento, non hai ningunha lei ou ordenanza que o prohiba. En segundo lugar indicar que a competencia para lexislar sobre esta cuestión corresponde a Xunta de Galicia.
No Grupo Municipal Socialista estamos totalmente de acordo coa declaración Universal dos Dereitos dos Animais que se proclamou en 1978, e que recalca os dereitos dos animais a recibir atención, coidados e protección, así como a non sufrir malos tratos nin seren obxecto de trato cruel.
A normativa autonómica de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade contempla a autorización de espectáculos nos que interveñan animais. Así, os circos que traballan con animais en Galicia están autorizados pola Xunta. No caso da Guarda, ademais, o circo móntase nunha finca privada, o que limita máis aínda as accións que pode tomar o concello.
A postura dos socialistas é contraria a utilización de animais salvaxes en espectáculos, entendendo que, de producirse, estes animais deben ser tratados segundo o disposto na lei galega 1/1993 no que se refire a transporte, coidado, protección, instalación e alimentación.
Entendemos que a administración Autonómica debería tomar medidas similares ás que se están tomando noutros países, como pode ser o caso de Portugal, nos que se prohibe aos circos adquirir máis animais salvaxes e a súa procreación. Desta maneira establecese un prazo natural para a desaparición dos animais salvaxes dos espectáculos.
Dende o Grupo Municipal Socialista da Guarda, tal e como se ten feito noutros concellos de Galicia, imos a propoñer unha moción na que se estableza que o goberno municipal non promova a instalación de circos con animais salvaxes. Que non se autorice a instalación de publicidade de circos con animais salvaxes en espazos públicos. Que se inste a Xunta de Galicia a que impulse unha lei que impida o uso de animais salvaxes nos circos. E por último, que o concello da Guarda sexa declarado vila libre de circos con animais salvaxes.
Para esta moción solicitaremos previamente o apoio do BNG dado que na lexislatura pasada este  grupo presentou unha moción en termos similares.

Texto da moción do GMS para declarar A Guarda libre de circos con animais salvaxes.