sábado, 26 de marzo de 2022

As demandas do concello da Guarda, en relación a comunicación con Camiña, son escoitadas pola Xunta.

 

  • As continuas reclamacións do concello da Guarda, así como do resto dos concellos do camiño Portugués da Costa, conseguen que a Xunta poña en marcha as solucións demandadas.

  • O PP Guardés, pretende, unha vez máis, apropiarse dun traballo que non fixo. Roberto Carrero intenta sacar rédito político das actuacións da Xunta sin ter amosado ningunha preocupación por esta cuestión ata o día de saír na foto.

Foron moitas as xestións e reclamacións que a partir do verán de 2021 se fixeron dende o concello da Guarda para conseguir que a Xunta de Galicia asumira as súas obrigas en relación a comunicación con Camiña e ao Camiño Portugués da Costa.



Por unha banda urxía a reparación do peirao do ferri para que o barco volvera a transportar pasaxeiros e vehículos e servira de nexo entre Caminha e A Guarda no itinerario do camiño da Costa. Esta reparación foise atrasando e mantén o barco parado en pleno ano Xacobeo.

Por outra banda tamén se urxía a Xunta para que mentres non estivera reparado o embarcadoiro se implantara con urxencia un sistema de transporte de pasaxeiros entre as dúas beiras do Miño. 

Os concellos do Camiño Portugués da Costa  tamén mostraron a súa queixa ao Xacobeo pola súa inacción diante do recoñecemento oficial por parte do goberno Portugués dun itinerario co mesmo nome que prexudicaba o Camiño Portugués da Costa oficial recoñecido na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.

Estas queixas foron as que o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, co apoio expreso da restauración e do sector do aloxamento turístico da localidade, ademais dos alcaldes e alcaldesas do Camiño da Costa, levou aos distintos foros e responsables institucionais: Consellería de Turismo, Axencia Galega de Turismo, Xacobeo, Portos de Galicia, Mesa do Camiño da Deputación de Pontevedra e Parlamento de Galicia.

O resultado de todo o traballo realizado culminou o pasado venres 25 de marzo co anuncio da Xunta de Galicia que viña a atender as demandas feitas dende o concello da Guarda. A Xunta anunciou un investimento de 157.000 € por parte de Turismo de Galicia  nun proxecto de transporte turístico sostible que será prestado por AGAN (Asociación Galega de Actividades Naúticas). A súa vez o Delegado Territorial, Luis Lopez, anunciou tamén o comezo dos estudos técnicos para a reparación do peirao do ferri da Pasaxe por parte de portos de Galicia.

O novo servizo de transporte entre a Guarda e Caminha arranca, nunha primeira fase, a partir do 8 de abril con dúas embarcacións, unha eléctrica e outra a gasolina. A implantación definitiva do proxecto producirase no mes de xullo cunha embarcación eléctrica para doce pasaxeiros. Este transporte funcionará en paralelo co ferri coa idea de cubrir os horarios nos que o transbordador non pode navegar.

Este servizo de transporte complementarase cun proxecto de ecoturismo para a comarca do Baixo Miño que se está elaborando dende Turismo de Galicia e que contará coa participación de establecementos e axentes turísticos da comarca.


luns, 14 de marzo de 2022

Os socialistas da Guarda presentan unha moción esixindo que a Xunta repare o peirao do ferri da Pasaxe.

Coñecedores da importancia económica e turística do ferri entre A Guarda e Caminha, neste ano xacobeo 2022, os socialistas esixen á Xunta que sexa responsable das súas competencias e repare a infraestrutura portuaria de atraque do transbordador.

Representantes do Grupo Municipal Socialista da Guarda  presentaron no rexistro municipal unha moción para que sexa debatida no próximo pleno ordinario do mes de marzo.

No apartado expositivo os socialistas argumentan a importancia que o ferri ten para A Guarda, tanto para manter a comunicación entre as dúas ribeiras do Miño, transportando pasaxeiros e vehículos, como para dar continuidade ao camiño Portugués da Costa que “entra en Galicia pola Guarda, tras cruzar o Miño na súa desembocadura.”

O peirao do ferri sofre unha avaría no verán de 2021 por falta de mantemento, e dende entón, portos de Galicia propietario da infraestrutura, impide o acceso dos vehículos ao embarcadoiro. Este é o motivo polo que o ferri deixa de navegar sin que Portos, ata o momento, atenda as demandas que se teñen feito dende o concello da Guarda.

Os socialistas declaran: “o embarcadoiro da Pasaxe seguirá tendo utilidade se o actual ferri se substitúe por outro tipo de embarcación ou incluso se houbera máis de unha facendo o servizo. Non hai nada que xustifique que se deixe deteriorar esta infraestrutura portuaria.”

Na moción tamén se fai mención ás demandas do sector privado vinculado ao Camiño Portugués da Costa, non solo do concello da Guarda senón tamén dos concellos de O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán. Dende o seu recoñecemento oficial en 2016, moitas persoas estiveron traballando para ofrecer servizos no camiño en base ao crecemento que este viña experimentando e as expectativas que se crearon. Non é de recibo que agora a Xunta de Galicia deixe sen continuidade o camiño por non resolver o paso do esteiro do Miño. Debe manter as condicións que xeraron aquelas oportunidades e expectativas.

No apartado resolutivo os socialistas esixen a Xunta de Galicia que repare, a maior brevidade, o peirao do ferri da Pasaxe para posibilitar o embarque de vehículos. Tamén instan a Xunta a que habilite un transporte de pasaxeiros alternativo entre A Guarda e Caminha mentres non estea reparado o embarcadoiro.

Enlace á moción


xoves, 10 de marzo de 2022

Leticia Gallego esíxelle á Xunta que asuma as súas competencias e repare o pantalán de A Pasaxe que bloquea o ferri entre A Guarda e Caminha

 A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, urxiu hoxe a Portos de Galicia a reparar o pantalán do porto de A Pasaxe, en A Guarda, que ten provocado a interrupción da liña de ferri entre aquela localidade e Caminha. Gallego presentou unha proposta en Comisión parlamentaria para esixirlle á Xunta que exerza as súas competencias propias e tome cartas no asunto, pero que foi rexeitada polo PP que, dixo, “demostran unha vez máis que son o partido do NON”.

A responsable socialista resumiu que “a única solución é arranxar o antes posible o pantalán por parte de Portos de Galicia”, que ten competencia sobre a infraestrutura. Explicou que a avaría do peirao provocou que dende agosto non se puidera transitar no ferri en automóbil, limitando o servizo a pasaxeiros a pé e en bicicleta, pero foi suspendido na súa totalidade no mes de outubro pasado. 

Esta situación prexudica gravemente entre outros aos concellos de Baiona, A Guarda, O Rosal e Oia, polo que os seus alcaldes están a reivindicar unha solución urxente a un problema que está a afectar sinaladamente ao turismo procedente de Portugal. A interrupción desta conexión corta a vía do Camiño Portugués da Costa, que se está a converter “nun auténtico guirigai”, cos peregrinos confundidos pola ruta a seguir.

Salienta que a actuación da directora de Turismo, Nava Castro, “non ten precisamente axudado en nada” ao apoiar o pasado 16 de febreiro a certificación do que en Portugal veñen de denominar Camiño Portugués de Santiago – Camiño da Costa, e que non ten nada que ver coa ruta que transcorre por A Guarda e que o único que fai é “desinformar” aos peregrinos.

Gallego urxe a reparar este paso do Camiño de Santiago, xa que “de seguir así moitos negocios de hostalería e comercio terán que pechar, xa que a súa economía non aguanta sen peregrinos que paren nos locais e sen veciños e veciñas portugueses que vaian mercar entre A Guarda e Caminha”.

A parlamentaria socialista reclamou hoxe “solucións a curto prazo” para resolver o problema do transporte de pasaxeiros, e trasladou ademais a demanda dos alcaldes dos concellos afectados, que reclaman unha xuntanza co conselleiro da Presidencia, responsable de Turismo, e que tome medidas en relación ás publicacións que difundan itinerarios non oficiais desta variante do Camiño.

Lamentou o veto do PP a esta proposta, intentando derivar a responsabilidade ao seo do Eixo Atlántico como escusa para rexeitar esta proposta socialista, fundamental para os sectores turístico, comercial ou hostaleiro da comarca.

Enlace a iniciativa parlamentaria