luns, 24 de outubro de 2022

O concello da Guarda comeza o procedemento de licitación da piscina municipal a pesar da oposición do PP e CG.

  • O comezo do expediente de licitación da explotación e mantemento da piscina municipal da Guarda necesitou da aprobación plenaria do estudo de viabilidade económico-financeira.

  • Este estudo é un documento técnico elaborado polos servizos económicos do concello cos datos subministrados pola empresa que actualmente presta o servizo.

A Guarda a 24 de outubro de 2022. Coñecedores da renuncia da empresa prestadora do servizo á prórroga que lle permitiría continuar co contrato, o equipo de goberno do concello da Guarda, comezou, a primeiros de 2022, as xestións para unha nova licitación da explotación e mantemento da piscina. Así, en marzo deste mesmo ano contrataba a “Redacción Estudo e Pregos da Piscina Municipal”.


Coa documentación froito do estudo encargado en marzo e a aportada pola empresa que presta actualmente o servizo, o departamento económico do concello elaborou un documento de viabilidade económico-financeira que foi aprobado no pleno do pasado venres 21 de outubro e que será sometido a información pública durante un mes como paso previo a redacción e publicación dos pregos de licitación.

O equipo de goberno sacou a aprobación do estudo de viabilidade adiante no pleno co apoio do BNG. De non contar cos seus votos favorables a licitación do novo servizo da piscina estaría en suspenso tal e como pretendían o PP e Converxencia Galega. O goberno municipal considera que o intento de entorpecemento destes dous grupos foi unha irresponsabilidade que podía traer graves consecuencias. Xusto as que o PP anunciara nunha nota de prensa fai uns días cando publicaba que, “a empresa que xestiona a piscina municipal da Guarda deixará de prestar servizo o 31 de outubro salvo que se inicie a elaboración dun novo concurso de xestión”. Inicio do concurso que o propio PP tratou de entorpecer.

Para garantir o funcionamento da piscina mentres dure o procedemento da nova licitación o alcalde da Guarda acadou un acordo coa empresa que presta o servizo na actualidade. Dende o goberno guardés transmítese unha mensaxe de tranquilidade aos empregados e usuarios da piscina indicándolle que a continuidade do servizo está asegurado


A presidenta da ELM de Camposancos non estivo a altura

Fai unhas semanas accedín amablemente e con toda boa intención a unha petición informal da presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos para que o aparellador municipal fixera unha memoria co fin de solicitar unha subvención. Sempre defendín a colaboración e o respecto entre institucións, sin importar a cor política dos partidos que as gobernen.


Din orden ao técnico de que fixera o traballo e pedinlle, por favor, que o tivera feito o máis tardar para este luns día 24, que lle dera a miña palabra de alcalde de que así sería á presidenta da ELM de Camposancos.

Pois ben, esta mañá (día 24 de outubro), a presidenta da ELM veo a reunirse conmigo. Eu recibina para darlle contas de como estaba a elaboración da documentación para a súbvención. Cal non sería a miña sorpresa cando a mandei pasar e entrou acompañada do vocal da entidade e dúas persoas máis anunciando que viñan a ocupar a alcaldía e que non sairían dalí ata que non lles dera os documentos.

Nunca imaxinei unha falta de respecto institucional como a de hoxe. A presidenta da ELM de Camposancos ocupando o concello da Guarda cando nada se lle negou. Simplemente para presionar ao alcalde e ao técnico para que fixeran aquelo ao que o alcalde había accedido de forma cordial (sin ter obriga).

Hoxe a presidenta da ELM de camposancos veo ao concello a abusar, non soubo estar a altura.

venres, 14 de outubro de 2022

O Grupo Socialista Reclámalle a Portos de Galicia “Unha solución definitiva” para a reparación do pantalán da Pasaxe “para que o Ferri entre a Guarda e Caminha funcione xa”

 Leticia Gallego esixe prazos certos para o remate da infraestrutura bloqueada dende agosto de 2021

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022. A viceportavoz do Grupo Socialista Leticia Gallego reclamoulle hoxe a Portos de Galicia que repare de inmediato o pantalán do porto de A Pasaxe, en A Guarda, que ten interrompido a liña de ferri coa localidade de Caminha dende agosto de 2021. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca, onde reclamou “unha solución definitiva para esta infraestrutura responsabilidade de Portos de Galicia”.

Gallego dixo que “non necesitamos un parche nin unha solución provisional, necesitamos que o ferri funcione xa, e para iso teñen que reparar o pantalán” e reclamou “prazos certos” para a data da reparación dunha infraestrutura fundamental para a circulación entre as dúas localidades. Actualmente, lembra, hai unha embarcación en funcionamento, pero que só ten capacidade para 12 persoas, fundamentalmente peregrinos que transitan polo Camiño Portugués.

A responsable socialista reclamou que “deixen de darlle voltas e reviravoltas, deixen de poñer parches e dean unha solución definitiva” a unha situación que “está a mermar gravemente a economía de A Guarda”.

Esta situación prexudica gravemente entre outros aos concellos de Baiona, A Guarda, O Rosal e Oia, polo que os seus alcaldes están a reivindicar unha solución urxente a un problema que está a afectar sinaladamente ao turismo procedente de Portugal. Lembra que os propios alcaldes dos concellos polos que pasa esta ruta tamén amosaron a súa queixa pola inacción da Xunta diante da Axencia de Turismo.

Salientou a loita, dende hai máis dun ano, por parte do propio alcalde de A Guarda, o socialista Antonio Lomba, e este Grupo Parlamentario, co apoio da restauración e do sector do aloxamento turístico da localidade, ademais dos alcaldes e alcaldesas afectados. Reclamou, “que reparen dunha vez o pantalán situado en Camposancos para que poida ser accesible aos vehículos que transitan en ferri entre A Guarda e Caminha”.

Pregunta á mesa do Parlamento sobre o pantalán do ferri


O Pleno da Guarda aproba a iniciativa do Grupo Municipal Socialista en apoio ao IES A Sangriña

  • Na moción esíxelle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a paralización inmediata das medidas de xestión que impliquen a redución do cadro de persoal docente do IES A Sangriña, e que foron de aplicación no presente curso escolar. 

O pasado 30 de setembro o Grupo Municipal Socialista da Guarda levou a pleno unha moción en apoio ao IES A Sangriña, que decide presentarse trala reunión mantida no mes de agosto coa Dirección do centro, e na que denunciaban a redución do persoal docente que lles anunciara a Consellería de Educación para o presente curso escolar.

Resulta curioso que Román Rodríguez, o Conselleiro de Educación, defenda en declaracións recentes que non se están aplicando recortes nesta área, cando no caso concreto do IES A Sangriña, o cadro de persoal pasa a ter xa no ano 2021 de 81 a 76 profesores/as, e no presente curso a Consellería volve a meter tesoira, quedando o cadro en 69 docentes. Tamén resulta curioso que manifeste que esta redución de persoal é un invento da oposición, cando a mesma protesta se repite en máis centros, tanto de Primaria como de Secundaria, e ao longo de toda a nosa comunidade autónoma.

Vilas rurais como A Guarda, que se atopan lonxe de núcleos urbanos, deberiamos gozar incluso de condicións que supoñan unha discriminación positiva, porque temos dereito a recibir unha formación de calidade na que non só se transmitan coñecementos, senón na que se atenda á diversidade e á vulnerabilidade. Iso coas ratios que teñen os/as profesores/as do Instituto, resulta case unha misión imposible.

Esta é a política do Partido Popular: a dos recortes, a de considerar a educación ou a Atención Primaria como un gasto, en lugar de como unha inversión. E, como sempre, aos/ás que máis lles afectarán estas medidas serán aqueles/as máis desfavorecidos/as.

Non esquezamos que a Educación pública é a mellor garantía de mobilidade social, a mellor ferramenta que garante a igualdade de oportunidades, e hai que apostar por ela. 

Ligazón ao texto da moción


mércores, 5 de outubro de 2022

A moción do Grupo Municipal Socialista da Guarda contra o veto europeo á pesca de fondo acadou o apoio unánime da Corporación Guardesa.

  •  O Grupo Municipal Socialista do concello da Guarda presentou esta moción por urxencia para amosar o apoio ao sector pesqueiro
  • Nesta moción se solicitaba que se iniciase unha recollida de sinaturas en rexeitamento do veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental.

O Grupo Municipal Socialista presentou a moción por urxencia debido a que é necesario reclamar a inmediata suspensión da medida adoptada pola Comisión Europea ata que estean dispoñibles novos informes científicos. A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Montserrat Magallanes, indicou que esta medida se adoptou sen escoitar ao sector pesqueiro, sen escoitar ás empresas e sen escoitar aos traballadores do mar. Debemos ter en conta que o sector pesqueiro galego é referente mundial na aposta pola sostibilidade medioambiental.

Ademais nestes momentos nos que Europa atravesa unha situación difícil por mor da guerra de Ucraína, as administracións temos que alertar do compromiso de dispoñibilidade dos produtos do mar.

O Grupo Municipal Socialista propuxo na súa Moción que o concello da Guarda iniciase unha recollida de sinaturas en apoio ao sector pesqueiro e de rexeitamento da medida adoptada pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental, esta recollida de sinaturas realizarase en diferentes inmobles municipais, como a Casa dos Alonso ou a Praza de Abastos, tamén estará dispoñible na Confraría de Pescadores e na nave da asociación Redeiras Atalaia.

Ligazón ao texto da moción