martes, 9 de abril de 2024

O Grupo Municipal Socialista seguirá pendente e puxando para que a apertura da Rúa Baixo Muro sexa pronto unha realidade.

O 20 de febreiro deste ano, o noso grupo denunciaba publicamente que o actual equipo de goberno deixara paralizado o proceso de apertura da Rúa Baixo Muro, renunciando á subvención grazas á que se podería levar a cabo a obra, e destinando ese diñeiro a outros fins.

Hai que recordar que o Concello está obrigado a levar a cabo dita apertura por dúas sentencias xudiciais firmes.

Despois de anos de procedementos e xestións impulsadas polo anterior alcalde da Guarda, o socialista Antonio Lomba, xusto cando a conexión das rúas Baixo Muro e Ireira estaba a punto de executarse, o PP colleu o timón do concello guardés, e como está sucedendo con outras moitas xestións, os populares imposibilitaron tamén este proxecto. Neste caso renunciando a unha subvención da Deputación de 107.594,80 € destinada especificamente para este fin, e desviando ese diñeiro cara a actuacións no Camiño de Salgueiró e para a adquisición de vehículos para o Concello.

rúa Baixo Muro

No pasado pleno, cando se debateu unha moción presentada polo BNG relativa a este tema, o actual alcalde, ante a gran afluencia de veciños e veciñas da zona que se atopaban na sala e sentíndose acorralado afirmou que a obra non estaba paralizada, e tratou de deslexitimar ao anterior equipo de goberno dicindo que só se fixeran xestións neste tema durante o último ano da lexislatura.

Queremos recordarlle ao Sr. Carrero, que parece que ten memoria selectiva, que as xestións para a apertura da rúa iniciáronse xa antes do ano 2019. Desde aquel momento non se deixaron de dar pasos para chegar ata onde estabamos antes de que o actual alcalde entrara no goberno.

E a obra, claro que a paralizaron, e á vista está. Se renuncian a unha subvención que estaba concedida para facer a obra, e ademais no novo orzamento (que presentaron tarde, mal e a rastro en marzo), non hai ningunha partida para elo, xa nos dirán. Blanco e en botella.

Non sigan mentindo. Se a obra non se levou a cabo foi unicamente por falta de vontade política, xa que lles deixamos a vostedes todo o traballo feito. Agora, aprobada esta moción en pleno, cumpran coa súa obriga levando a cabo a apertura desta rúa.

Nós seguiremos de preto os avances desta obra que permitirán non só cumprir coas sentencias xudiciais, senón tamén mellorar a asistencia ás persoas que viven naquela zona en casos de emerxencia, converter en accesible un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval e abrir un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para toda a veciñanza dos barrios do Muro, das Laxes e da súa contorna.


Ningún comentario:

Publicar un comentario