venres, 15 de abril de 2016

A Xunta deixa Á Guarda abandonada eliminando o investimento na VAC

A Xunta elimina unha partida de 3.641.526 €, destinada a VAC Tui-A Guarda, dos Fondos Europeos de Compensación Interterritorial
Ninguén que coñeza o Baixo Miño ten dúbidas de que unha das necesidades máis urxentes da Guarda e O Rosal é rebaixar o tempo de viaxe ata conectar coa autopista principalmente para diminuír o tempo de viaxe a Vigo.
Os enlaces dende A Guarda coas autopistas, tanto coa AG-47 por Baiona como a A-52 por Tui, atópanse a media hora en coche como mínimo. Chegar a Vigo dende A Guarda leva unha hora, a Pontevedra unha hora e cuarto e dúas horas a Santiago. Estamos lonxe das grandes cidades en distancia e en tempo.
A mellora das estradas que levan ata A Guarda é unha prioridade dende o punto de vista da igualdade de oportunidades, temos dereito a mellorar o acceso aos servizos sanitarios, aos centros educativos, a universidade e aos principais centros de traballo. Temos dereito, en resumo, a reducir o tempo de viaxe ata Vigo, a nosa cidade de referencia no eido sanitario, educativo, cultural e laboral.
Esta necesidade parecía que fora entendida polo Conselleiro de Política Territorial Alberto Núñez Feijoo no 2004 que aprobou o proxecto da VAC (Vía de Alta Capacidade) Tui - A Guarda. Hoxe, despois de 12 anos, sendo Feijoo presidente, dos 24,5 km proxectados solo se executaron 10 km. O peor é que a obra vaise retrasando ano tras ano sen que, a día de hoxe, teñamos unha data para o seu remate. Incluso vendo a actitude de Xunta respecto deste vial da a impresión de que non ten intención de executalo.
Dende o comezo da lexislatura o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, solicitou dúas veces por escrito, nos meses de xullo e outubro, e varias veces máis por teléfono, unha reunión coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para falar principalmente dos prazos de execución da VAC. Ata o momento a Conselleira non tivo a ben recibir ao Alcalde da Guarda.
No mesmo senso os Socialistas da Guarda presentaron a través do Partido Socialista de Galicia varias emendas aos orzamentos da Xunta para o 2016 entre as cales figura a demanda de dotación orzamentaria para executar os tramos I e II da VAC Tui-A Guarda. Dado que a Xunta soamente habilitou nos orzamentos partida para o tramo I pero non para o tramo II. A previsión da Xunta era rematar o tramo I para o 2018 pero nada se sabe do tramo II.
Hoxe recíbese na Guarda unha triste noticia relacionada coa VAC Tui-A Guarda: o Ministerio de la Presidencia informa duns expedientes de substitución de proxectos na Comunidade Autónoma de Galicia, nos que unha partida de 3.641.526 € dos Fondos Europeos de Compensación Interterritorial que tiñan como destino a VAC son desviados para o Desdobramento do Corredor do Morrazo por acordo entre a Dirección General de Fondos Comunitarios e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario