sábado, 3 de outubro de 2015

ENTREVISTA A ANTONIO LOMBA. ALCALDE DA GUARDA



Aquí tedes un extracto da entrevista que as Xuventudes Socialistas da Guarda lle fixeron o alcalde Antonio Lomba e número un dos #SocialistasDaGuarda. Podedes encontrar a entrevista completa en http://xsaguarda.blogspot.com

Xa pasaron máis de 100 días dende a toma de posesión. ¿Que mudou na Guarda?

Cambiou o alcalde, cambiou parte do equipo e tamén da corporación, pero A Guarda segue sendo unha vila singular. Un sitio marabilloso do que están namorados tódalas guardesas e guardeses. Quizais o único que puido mudar un pouco agora foi a filosofía co equipo de goberno ten sobre a súa labor política e social cos cidadáns da vila. Un dos obxectivos prioritarios é implicar máis á poboación na vida da vila, mellorar A Guarda é cousa de todos.

Normalmente a exixencia é moi grande para un alcalde nos primeiros días. No teu caso a esixencia é dobre pois X.M. Domínguez Freitas foi un alcalde que calou moito na vila. ¿As comparacións son odiosas?

A min non me importan, o contrario, eu era e son o primeiro admirador de Freitas. Foi un gran alcalde, foi o alcalde que A Guarda merecía. Non teño afán por imitalo pero é un referente moi importante tanto política como persoalmente. Aínda non me chegaron comparacións pero sei que ao longo da lexislatura notaranse moitas diferenzas.



Observando a oleada de novas incorporacións á vida política, podemos dicir que ti es un alcalde novato pero un político vello. ¿Notas as diferenzas entre a vella e a nova política?.

Non me considero un vello político, non son un político profesional, son un guardés, que exercendo como profesor de tecnoloxía, nun intre da miña vida, con Freitas, comecei como concelleiro e agora estou de alcalde, polo menos durante os próximos catro anos, pero eu fun e seguirei sendo profesor, esa é a miña profesión.
Presenteime ás eleccións cun proxecto que eu entendo moi interesante e que en moitos aspectos ten un horizonte temporal máis alá dos catro anos. Realmente gustaríame cambiar, mellorar a vida dos guardeses incorporando o que entendemos que é necesario diso que chamas nova política.

Falas de renovación pero sodes un grupo con moita experiencia na xestión municipal. ¿Que traballo impulsaches en cada área ca túa chegada?

É certo que a maioría do grupo é moi experimentado nas áreas que lle toca desenvolver. O pobo sabe que é así, eu creo que en parte por iso nos deu o seu apoio, tiña confianza. De calquera maneira máis que impulsar cuestións concretas queremos mudar a forma de facer as cousas e tratar de mellorar aqueles aspectos onde, a pesar de levar 8 anos, pensamos que temos que mellorar. Por exemplo reforzar as relacións cos cidadáns e as asociacións, a maneira de informar, as relacións cos medios, etc. incluso como relacionarnos co resto de grupos.

A nosa última entrevista foi á nova incorporación, Elena Baz ¿que aporta a este equipo?

Ela é unha peza fundamental que encaixa perfectamente neste puzzle. Cada dia estamos máis contentos. Foi como unha bocanada de aire fresco no Concello, e penso que a súa integración foi perfecta. Neste verán demostrou unha gran capacidade de traballo que aumenta a inercia que xa levábamos, para optimizar ese traballo cultural que tíñamos preparado. Ela é unha muller moi integrada na cultura guardesa, moi coñecida e apreciada pola mocidade, e iso é o que vai facer que mude a maneira que temos de comunicarnos neses eidos, cultura, educación e xuventude.

Cal é a postura do alcalde co tema das 21 licencias?

As 21 licencias e outros problemas urbanísticos que provocaron e están provocando aínda importantes quebradeiros de cabeza a algunhas familias da Guarda. Para o Concello tamén significa un desembolso de cartos moi importante. Farei todo o que estea na nosa man para darlle a aprobación inicial o PXOM xa que dende a Xunta propuxeron que podería frear a execución das sentencias. Por iso o traballo destes meses, que tampouco se ve moito na rúa porque e máis no Concello, foi o de intentar levar o pleno canto antes a aprobación inicial do PXOM.

¿Cando vai ter a policía local competencias para actuar na zona portuaria?

O problema do porto non é nada novo. Fai xa case un mes que temos pedida unha reunión co xefe de Portos. A este alcalde preocúpalle moito toda esta situación, dende a circulación e aparcamento, ao lixo, etc. por iso precisamos saber como podemos solventar as incomodidades no porto, entre eles e nós, que somos os implicados. Polo que notamos Portos non está igual de preocupado por estes problemas locais. A reunión será o día 20 de outubro, pese a que xa dende comezos de verán se dan eses problemas.

¿Cal cree Antonio Lomba que é a mellor solución do dragado do ferry?

A verdade é que estamos observando que o tempo do actual transbordador está limitado. Por iso os Socialistas da Guarda mandámoslle, ao partido en Madrid, unha emenda ós orzamentos xerais para que se fixera un “estudo-proxecto dun sistema sostible de comunicación transfronteiriza para persoas e vehículos a través do rio Miño entre A Guarda e Caminha”. Así teremos toda a información para conseguir a solución mais viable a medio-longo plazo, que é o que máis lle interesa A Guarda e a Caminha.

Segundo o alcalde ¿Precisa a Guarda un novo pavillón?

A verdade é que o que temos non está en condicións para as necesidades actuales. A Guarda e O Rosal precisan dun bo pavillón, sobre todo para os equipos de balonmán, para así realizar mellor o seu traballo. A solución que parece máis viable é un polideportivo compartido entre as dúas vilas. Pero non só pos equipos grandes senón tamén pas distintas disciplinas que se practican na vila e que ano tras ano van acadando mellores resultados. É necesario contar cas mellores instalacións posibles. Polo tanto a Xunta e a Deputación, e así  llo faremos ver, deberían comezar a pensar unha solución importante en termos de actuación, ademais de axudarnos en continuar mellorando os servizos actuais.

Xa que falamos de infraestruturas importantes ¿Para cando un Auditorio municipal?

A Guarda non ten auditorio, para nós é unha infraestrutura imprescindible, é unha vella demanda dos Socialistas da Guarda. Tanto é así que xa se realizou un anteproxecto e que tiña financiamento nos orzamentos da Xunta na época de Touriño, que Feijóo non quixo executar. Por iso o Concello da Guarda seguirá demandando un auditorio multiusos para a vila diante das administracións que teñan capacidade para facelo (Xunta e Deputación).

Outro dos debates de este verán tamén foi o Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Guarda.

É normal, é un servizo indispensable para A Guarda e o Baixo Miño, que pola nosa situación xeográfica non podemos deixalo morrer. O concello seguirá mantendo os GES pero buscaremos vías para que sexa o menos gravoso economicamente.

Moitos veciños quéixanse da tardanza en reparación de desperfectos, limpeza e recollida do lixo.

É certo que as veces tardamos en reparar desperfectos. O Concello da Guarda ten graves problemas de persoal, motivados a que a chamada lei Montoro impedía a contratación de novo persoal. Temos a idea de resolver estes problemas co novo orzamento, a partir do próximo ano. Imos sacar prazas de interinos para traballadores de rúa e vamos a utilizar parte do financiamento aportado pola Deputación para arranxar material e mobiliario que ata agora non podíamos. Temos moi presente que é necesario incidir na reparación e mantemento en espazos públicos. Respecto á recollida de lixo, ademais de algunha actuación máis puntual, toca implicar a tódolos cidadáns para manter A Guarda máis limpa. Mentres algúns falan de que hai unha bolsa de lixo fora nos estamos falando realmente de cambiar a sociedade. A complementación entre estes plans e a nova app axudará a axilizar moito o mantemento grazas a notificación de incidencias por parte da cidadanía, por outro lado ademais de ser máis eficientes respecto os residuos, tamén tentaremos mellorar os programas de concienciación por medio de algunhas novas iniciativas.

Cando falas da nova app fas referencia a aplicación para smartphones que presentáchedes recentemente. ¿Que tentades lograr ca implantación desta app?

Tentamos varias cousas, a primeira é que a xente da vila estea máis e mellor informada. Sobre todo aqueles que están mais desvinculados do Concello, xente entre 16 e 30 anos que poden ter nesta app una oportunidade de relación co Concello. Eles son sen dúbida os que mais manexan esas tecnoloxías. Por outra banda, pretendemos ter a mellor ferramenta posible de información turística, a que un turista pode ter antes de chegar A Guarda e neses primeiros intres. Por último, seguindo o slogan de que “A Guarda é cousa de todos” buscamos mellorar a interactividade entre o cidadá e a institución por iso incorporamos os módulos de avisos, participación e de incidencias, unha das cousas na que mais aceptación estamos observando.

¿Como te gustaría que fora a Guarda dentro de 4 anos?

Non considero que A Guarda estea actualmente tan deprimida como algúns nos queren facer ver. Aínda así creo que podemos mellorar moito. Gustaríame que fora unha vila máis humanizada, con máis espazos para as persoas, gustaríame que ofrecerá máis oportunidades a xente nova que quere establecerse aquí. Gustaríame que tivera novas dotacións que todos consideramos necesarias ou polo menos que avanzamos na obtención desas dotacións. Gustaríame, e creo que o imos a conseguir, que os veciños participen máis na vida municipal, que viran os espazos públicos como algo que é de todos e que todos debemos coidar.

Moitas grazas Antonio polo teu tempo esperamos que pronto teñamos boas novas para a mocidade guardesa.


Si, casualmente o venres 2 de outubro teremos a primeira Conversa coa Xuventude, na que tentamos reforzar o vínculo que existe entre o concello e a mocidade, dende aquí animo a todos a participar.  Grazas tamén a vós pola entrevista. Un saúdo a tódalas persoas que dedicaron o seu tempo a lernos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario