domingo, 20 de xullo de 2025

Carrero, un apaixonado dos proxectos socialistas.

Nos últimos días, o Concello da Guarda anunciaba a bombo e platillo a inminente finalización do pumptrack da Atalaia, incluído na rehabilitación da zona deportiva de Punta Xanete. O alcalde, Roberto A. Carrero, presume dunha actuación que, por moito que lle pese recoñecelo, non é máis que outro proxecto herdado do anterior goberno socialista.

Desde o grupo socialista queremos lembrar, unha vez máis, que este proxecto foi deseñado, redactado e xestionado durante o noso último mandato, no que se elaborou a proposta, se conseguiron os permisos sectoriais e se deixou todo listo para a súa execución. Xa en febreiro de 2021, os medios de comunicación recollían a noticia: A Guarda contaría cunha pista de pumptrack na Atalaia, un proxecto que quería responder ás demandas da veciñanza máis nova e deportista do noso pobo.

Pista de pumptrack do proxecto Socialista

O actual goberno local liderado por un Carrero, cada vez máis especialista en coller atallos, gardou este proxecto nun caixón durante dous anos, sen dar explicación algunha. E agora, como se fose novidade, sácao do esquecemento coma quen acaba de ter unha idea xenial.

Pero isto non é unha excepción. Ao contrario: parece que a única política do señor Carrero é vivir do legado socialista. Tras dous anos á fronte do Concello, a realidade é contundente: non deu sacado adiante nin un só proxecto propio. A súa xestión limítase a inaugurar ou anunciar o que xa lle deixamos feito: a rehabilitación da piscina municipal, a reforma do antigo colexio Sinde, a renovación da rúa Coruña ou a rehabilitación da escola de San Lorenzo, ou como neste caso o proxecto da pumptrack, que se apresura a vender como se fose obra súa.

Desde o grupo socialista, instamos ao alcalde a que deixe de vivir da herdanza e comece a traballar de verdade, cunha folla de ruta propia e iniciativas que respondan ás necesidades reais da veciñanza. Mentres iso non ocorra, seguiremos lembrando á cidadanía quen traballa e quen simplemente se pendura medallas alleas.


mércores, 9 de xullo de 2025

O PSOE da Guarda esixe actuacións urxentes na senda litoral.

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción no pleno para reclamar actuacións inmediatas na senda litoral, un dos principais recursos naturais, turísticos e patrimoniais da nosa vila, hoxe en situación de total abandono.

A realidade é a que é: a senda litoral está en ruínas mentres o goberno do Partido Popular mira para outro lado. E resulta aínda máis grave cando lembramos que foi o propio alcalde, Carrero, quen criticaba duramente o estado do mobiliario urbano en anteriores mandatos, prometendo máis coidado, máis limpeza e máis atención aos espazos públicos.

Senda litoral invadida de maleza

Prometeron máis mantemento, pero deixan que se podreza unha das rutas máis importantes da Guarda:

  • Táboas afundidas, podres e rotas, que xa teñen provocado caídas a persoas que camiñaban pola zona.

  • Cravos oxidados sobresaíndo do chan, con risco evidente de lesións.

  • Maleza cubrindo boa parte do camiño, que debería ser accesible.

  • Elementos patrimoniais coma as Salinas do Seixal ou a Fonte de Santa Catalina esquecidos, cubertos de herbas, sen limpeza nin posta en valor.

“Non só non cumpren o que prometeron. Estano facendo peor ca nunca. O abandono é tal que esta senda, que conta co distintivo de Sendeiro Azul e transcorre por unha zona que forma parte da Rede Natura 2000, corre serio risco de perder o seu valor e incluso de comprometer a súa continuidade como espazo recoñecido”, afirman dende o PSOE da Guarda.

A moción presentada polo grupo socialista recolle catromedidas básicas que o goberno debería estar aplicando desde o primeiro día:

  1. ​Reparación urxente de todas as táboas en mal estado e eliminación de cravos que podan sobresair das táboas.

  2. ​Limpeza inmediata da maleza e da vexetación que invade a senda.

  3. ​​Adecentamento dos elementos patrimoniais que se atopan ao longo da senda como por exemplo as Salinas de Seixal ou a Fonte de Santa Catalina.

  4. Posta en marcha dun plan anual de mantemento, con revisións periódicas, limpeza, sinalización e posta en valor do patrimonio asociado á senda.

“Non é unha cuestión de estética, senón de seguridade e responsabilidade institucional. Estamos falando dun espazo que usan centos de persoas a diario, e que forma parte da imaxe que damos como vila turística. Un goberno que deixa que isto pase, ou non ten interese ou non ten capacidade”, conclúe a portavoz socialista Fátima Rodríguez.

Salinas en estado de abandono

Taboas podres na senda litoral