O Pleno do Concello da Guarda, celebrado o pasado 28 de maio, aprobou dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal Socialista que buscan dar resposta ás demandas da veciñanza e reforzar a imaxe da Guarda como municipio acolledor.
A primeira das mocións, relativa ao control da presenza de xabarís no Trega, recolle a preocupación manifestada polos veciños e veciñas da contorna do monte polos incidentes e danos provocados por esta especie. A proposta socialista insta ao Concello a solicitar formalmente á Xunta de Galicia a instalación de gaiolas-trampa no Monte Trega, unha medida que permitiría capturar de maneira selectiva e controlada os exemplares problemáticos, sen recorrer a métodos máis agresivos e garantindo así a seguridade da poboación e a protección das fincas.
A segunda moción aprobada aborda a mellora da sinalización do Camiño Portugués da Costa no tramo de entrada á Guarda. O texto destaca as dificultades que atopan moitos peregrinos e peregrinas ao chegar a puntos de desembarco non oficiais, como a praia da Lamiña, onde non existen indicacións claras para retomar o trazado oficial do Camiño. A moción insta ao Concello a instalar sinalización axeitada e visible nestes puntos, así como a mellorar a sinalización existente en zonas como a Pasaxe, o Codesal, o Muíño e a senda litoral.
A voceira do Grupo Municipal Socialista, Fátima Rodríguez, salientou que a aprobación destas mocións “amosa que a nosa labor como oposición vai máis alá de fiscalizar: tamén queremos ser proactivos/as, propoñendo medidas concretas que atendan ás preocupacións da veciñanza e que contribúan a mellorar a convivencia e a imaxe do noso concello”. Engadiu, ademais, que “desde o Grupo Socialista entendemos que a cidadanía espera de nós responsabilidade e compromiso, e por iso traballamos para que as súas demandas teñan resposta e se transformen en acordos que beneficien á Guarda”.
O Grupo Municipal Socialista celebra a aprobación destas iniciativas e reafirma o seu compromiso de seguir traballando na defensa dos intereses das veciñas e veciños da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario