martes, 15 de outubro de 2024

O Grupo Socialista da Guarda satisfeito de ver que se acomete outra obra xestionada na anterior lexislatura.

  •  Estes días iniciáronse as obras de reforma integral no Bloque 1 do antigo colexio Sinde, sede de varias asociacións e grupos culturais da vila.
  • A redacción do proxecto e unha subvención por valor de 709,738,81 € xa quedaran xestionadas polo anterior goberno socialista.

Os sucesivos gobernos socialistas apostaron polo antigo colexio Sinde como Centro Socio Cultural. Así, foron mellorando e facendo reformas nos distintos edificios que permiten ter neste espazo un albergue de peregrinos municipal, unha escola infantil, aulas de formación e espazos para as asociacións. Dándolle uso a uns edificios que no pasado, cando o goberno do PP e Fariñas saíu do goberno, estaban ao borde da ruína.

Vello colexio Sinde. Hoxe centro Socio Cultural

Neste proceso de modernización do espazo do Sinde vello o anterior goberno municipal socialista deixou xestionado (redactado e financiado) o “Proxecto de reforma integral edificio Sinde bloque 1”. A Deputación de Pontevedra aportaba para este proxecto 709,738,81 €.

A través da obra integral neste bloque (o máis próximo á Escola Infantil) crearanse espazos insonorizados para que os grupos podan ensaiar, despachos para as asociacións, salas de reunións e aulas de usos compartidos, mellorando a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio.

Dita obra beneficiará non só ás asociacións e grupos que están instalados neste edificio, senón tamén a aquelas outras que se atopan situadas no outro bloque, e incluso ás que non dispoñan de local, xa que unha grande parte dos espazos están pensados para ter un uso compartido.

Dende que comezou o goberno de Carrero e Fariñas todas as obras con certa entidade que se están executando na Guarda son actuacións que deixara xestionadas o anterior goberno socialista.

Aínda que o traballo máis difícil está feito o tempo vai pasando de presa e os prazos vanse consumindo. En concreto a obra “Proxecto Básico e de Execución de Reforma Integral. Edificios Sinde, Bloque 1” ten de prazo de execución ata o 30 de abril de 2025. É practicamente imposible rematala en prazo. Conseguirá o goberno local unha prorroga da Deputación para dita obra ou perderá a subvención por tomarse este asunto con demasiada calma?.

Dada a nula xestión do goberno municipal, no momento actual, están en risco de perderse máis subvencións valoradas en millóns de euros. O problema xa non é a execución dos seus programas electorais. É que non dan executado os proxectos que quedaron financiados na anterior lexislatura polo goberno socialista. Isto é a consecuencia de ter un alcalde ausente (e algún concelleiro tamén).

Aínda así desde o Grupo Municipal Socialista alegrámonos moito de que, aínda que tarde, chegara este momento e estaremos atentos aos prazos para que A Guarda no perda nin un euro máis por mor do actual goberno.


Ningún comentario:

Publicar un comentario