xoves, 24 de outubro de 2024

Carrero, sen peso en Santiago: só 50.000 euros para A Guarda en 2025

  •  O pasado 21 de outubro, o delegado territorial Agustín Reguera, durante unha visita institucional á nosa localidade, anunciaba que a Xunta de Galicia asignará 16,5 millóns de euros á comarca do Baixo Miño dentro dos orzamentos de 2025.
  • Porén, deses 16,5 millóns, A Guarda só recibirá unha partida de 50.000 euros, destinada ao proxecto do “Novo vial de acceso ao porto”. É irónico que a imaxe que acompaña esta nova fora tomada na Guarda, un dos concellos que menos recursos recibirá en 2025 por parte deste ente autonómico.

O Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE fíxonos chegar o pasado sábado os orzamentos da Xunta para que puidésemos estudalos e presentar as nosas propostas de emenda. Segundo o documento, a única asignación para A Guarda será de 50.000 euros para o vial de acceso ao porto.

No último pleno ordinario de setembro, o Partido Socialista presentou unha moción para instar a Carrero a reactivar de forma urxente o proxecto da saída sur ao porto, que o alcalde tiña "esquecido nun caixón" dende a súa chegada ao cargo. A moción foi aprobada por unanimidade, polo que Carrero tiña que "poñerse as pilas" e comezar a "petar portas" tanto na Xunta como na Deputación para conseguir o financiamento necesario para levar a cabo a obra.

A parte máis complicada do proxecto, que consistía en lograr que a Deputación redactase o proxecto e obter todas as autorizacións sectoriais favorables, xa fora completada polos/as socialistas. Agora, ao actual equipo de goberno só lles resta conseguir os fondos para executar a obra.

De momento, parece que a "recolecta de cartos" non vai demasiado ben, xa que só contamos con eses 50.000 euros da Xunta, unha cantidade insignificante tendo en conta que o custo total da obra ascende a máis de 1.700.000 euros.

Está claro que Carrero é un alcalde ineficaz para xestionar o Concello no día a día, pero tamén demostra ser incapaz de atraer investimento para a nosa localidade, nin sequera cando o seu propio partido goberna na Xunta.

En resumo, con Carrero na Alcaldía e o PP na Xunta, o futuro que nos agarda nos próximos tres anos pinta moi, pero que moi negro.


martes, 15 de outubro de 2024

O Grupo Socialista da Guarda satisfeito de ver que se acomete outra obra xestionada na anterior lexislatura.

  •  Estes días iniciáronse as obras de reforma integral no Bloque 1 do antigo colexio Sinde, sede de varias asociacións e grupos culturais da vila.
  • A redacción do proxecto e unha subvención por valor de 709,738,81 € xa quedaran xestionadas polo anterior goberno socialista.

Os sucesivos gobernos socialistas apostaron polo antigo colexio Sinde como Centro Socio Cultural. Así, foron mellorando e facendo reformas nos distintos edificios que permiten ter neste espazo un albergue de peregrinos municipal, unha escola infantil, aulas de formación e espazos para as asociacións. Dándolle uso a uns edificios que no pasado, cando o goberno do PP e Fariñas saíu do goberno, estaban ao borde da ruína.

Vello colexio Sinde. Hoxe centro Socio Cultural

Neste proceso de modernización do espazo do Sinde vello o anterior goberno municipal socialista deixou xestionado (redactado e financiado) o “Proxecto de reforma integral edificio Sinde bloque 1”. A Deputación de Pontevedra aportaba para este proxecto 709,738,81 €.

A través da obra integral neste bloque (o máis próximo á Escola Infantil) crearanse espazos insonorizados para que os grupos podan ensaiar, despachos para as asociacións, salas de reunións e aulas de usos compartidos, mellorando a eficiencia enerxética e a accesibilidade do edificio.

Dita obra beneficiará non só ás asociacións e grupos que están instalados neste edificio, senón tamén a aquelas outras que se atopan situadas no outro bloque, e incluso ás que non dispoñan de local, xa que unha grande parte dos espazos están pensados para ter un uso compartido.

Dende que comezou o goberno de Carrero e Fariñas todas as obras con certa entidade que se están executando na Guarda son actuacións que deixara xestionadas o anterior goberno socialista.

Aínda que o traballo máis difícil está feito o tempo vai pasando de presa e os prazos vanse consumindo. En concreto a obra “Proxecto Básico e de Execución de Reforma Integral. Edificios Sinde, Bloque 1” ten de prazo de execución ata o 30 de abril de 2025. É practicamente imposible rematala en prazo. Conseguirá o goberno local unha prorroga da Deputación para dita obra ou perderá a subvención por tomarse este asunto con demasiada calma?.

Dada a nula xestión do goberno municipal, no momento actual, están en risco de perderse máis subvencións valoradas en millóns de euros. O problema xa non é a execución dos seus programas electorais. É que non dan executado os proxectos que quedaron financiados na anterior lexislatura polo goberno socialista. Isto é a consecuencia de ter un alcalde ausente (e algún concelleiro tamén).

Aínda así desde o Grupo Municipal Socialista alegrámonos moito de que, aínda que tarde, chegara este momento e estaremos atentos aos prazos para que A Guarda no perda nin un euro máis por mor do actual goberno.