venres, 3 de xuño de 2022

O papel da finca de Fínola no futuro da Guarda.

 Por que se mercou a finca de Fínola en 2018?

No concello da Guarda temos un importante déficit de chan público e esta falta de espazo faise máis evidente no casco urbano. Faltan zonas para estacionamentos, faltan espazos verdes e sobre todo falta chan para dotacións municipais. O chan para servizos municipais, chamado “dotacional” é o que permitiría construír edificacións ou instalacións adicadas por exemplo a servizos sanitarios, asistenciais, docentes, culturais, deportivos e outros.

Dende fai moitos anos a finca de Fínola víñase utilizando por parte das comisións de festas e do concello para diversos usos gracias a boa vontade dos propietarios. No ano 2018 danse unha serie de circunstancias que fixeron que o concello se planteara adquirir esta propiedade:

  1. O concello tiña unhas contas saneadas e depuradas que permitían facer fronte ao investimento.

  2. A finca ten unha situación estratéxica dende o punto de vista do interese público, está entre a alameda e a finca do Centro Cultural, polo que resulta interesante para conseguir un gran espazo de chan público no casco urbano, que podería destinarse a dúas grandes necesidades da Guarda: un auditorio e un gran parque.

  3. Dende o punto de vista urbanístico existe a posibilidade de convertir a parcela en dotacional sacándoa fora do ámbito do PERI 5. Desta forma trátase de evitar a construción privada na finca e posibilitar que ademais de zonas verdes ou aparcamentos se poida construir o equipamento que o concello necesite, por exemplo, como comentabamos antes, un auditorio.

  4. O propietario estaba interesado en vender.

  5. O valor das propiedades inmobiliarias estaba en niveis moi baixos.

  6. O PERI 5 está grafiado no PXOM do concello da Guarda dende a súa aprobación en 1993. Nin no ano 2018 nin na actualidade hai indicios de que o PERI se vaia a desenvolver e o concello non ten a capacidade técnica nin económica para facelo. A todo isto hai que engadir que a ficha do PERI non contemplaba nin un só metro cadrado de chan dotacional, é dicir, non se podería  construír nin o auditorio nin calquera outro equipamento público.

O valor de compra da finca foi moi ventaxoso para o concello. O prezo foi determinado por un técnico municipal, nun informe que está a disposición de quen queira velo,  en 310.928,54 €. O prezo final pagado polo concello foi de 280.000 €. Se algún grupo político insinúa que a operación non foi limpa quizá habería que aplicarlle o refraneiro. A venda foi acorde a lei e aprobada en pleno.

Que facemos agora que a finca de Fínola é municipal?

Agora que o concello é propietario da finca de Fínola cunha superficie de 3.102 m2 ,cales son as opcións para esa propiedade? e desas opcións cal é a mellor para os intereses da Guarda?

O proxecto do equipo de goberno encabezado por Antonio Lomba cando adquiriu a finca era moi concreto, así se plasmaba na memoria de alcaldía que xustificaba a adquisición: a finalidade da compra de Fínola era a de convertir esta finca en chan dotacional.

A modificación puntual para convertir Fínola en dotacional foi dende o principio unha declaración de intencións. Pero imos a analizar se hai algunha outra proposta razoable, para ver se de verdade hai despilfarro ou polo contrario o que hai é ignorancia por parte de quen critica a operación.

A Modificación Puntual nº 7 para a finca de Fínola e o PERI 5 aprobouse inicialmente no último pleno. Os principais motivos para levar adiante esta MP son os seguintes:

  1. Por interese público, conséguese espazo para dotacións no centro urbano da Guarda, que non se conseguirían  co desenvolvemento do PERI 5.

  2. Optimízase o uso do patrimonio municipal adecuando a parcela a súa realidade física de chan urbano consolidado.

  3. Increméntase os equipamentos públicos municipais, donde antes non había nada.

  4. Dotase ao ámbito do PERI 5 de seguridade xurídica ao actualizalo a normativa urbanística actual

A outra alternativa que se plantea é non modificar o planeamento deixando a parcela dentro do PERI. Nese caso teríamos unha parcela coa condición de solar que non se pode usar para nada o que a convirte nun activo antieconónico. Iso si que sería un despilfarro.

Non cabe dúbida que modificar o planeamento para convertir a finca de Fínola en dotacional redelimitando o PERI5, tal como se aprobou inicialmente no pasado pleno, permitirá optimizar o patrimonio municipal en favor da veciñanza. Nesta operación, ademais de converter en dotacionais os 3102 m2 da finca de Fínola, aparece unha cesión municipal na nova ficha, pola adaptación á normativa, do 10%, que equivale a 1.168,80 m2. Isto quere dicir que se consiguen en total 4.270,80 m2 de chan dotacional gracias a MP7 onde antes non había nin un só metro.

Resulta indiscutible que o aumento dos metros cadrados de equipamentos no entorno urbano repercuten na mellora da calidade de vida e a cohesión social. 

Os grandes beneficiarios da compra de Fínola  e da Modificación Puntual 7 son os guardeses e guardesas do presente e do futuro, xa que permitirá, sobre todo aos primeiros, poder desfrutar dun equipamento tan necesario e demandado como será o Auditorio  e da ampliación da Alameda ( incorporando ademais a rúa Rosalía de Castro) nun prazo curto de tempo, algo que non sería posible doutro xeito.


Ningún comentario:

Publicar un comentario