martes, 11 de abril de 2017

Non preguntes por Santa Trega a “La Voz de Galicia”!!

O pasado 9 de abril, domingo de Ramos, O que escribe, alcalde da Guarda, tivo que soportar indignado a lectura dun desafortunado artigo sobre o Monte Santa Trega no periódico La Voz de Galicia. Basicamente o artigo era desafortunado porque a maioría das cousas que alí se dicían eran mentira e trataba sen o máis mínimo respecto a turistas, hostaleiros de Santa Trega, departamentos de Turismo e Patrimonio do concello da Guarda e mesmo ao equipo de goberno Guardés. O artigo era desafortunado e prexudicial para unha vila turística como A Guarda ata no titular, que rezaba: “¿Donde me puedo informar sobre el castro de Santa Trega?” co subtítulo “Ante la ausencia de una caseta informativa en el yacimiento, los turistas preguntan en los bares de la zona”
Panel informativo no poboado castrexo

Polo que escribe, supoño que o periodista que firma o artigo nunca estivo no Monte Trega e  parece que tampouco coñece moi ben A Guarda, non sei se falará de oídas ou recibirá ditado dalgún grupo político que, no que a turismo se refire, non acredita coñecemento nin experiencia algunha e o que din os seus representantes non pasan de ser meras ocorrencias.
Comecemos polo principio. No xacemento aqueolóxico de Santa Trega, declarado Monumento Histórico Artístico e Ben de Interese cultural dende 1931, nunca houbo unha caseta informativa como parece insinuar o artigo no subtítulo. A oficina de información turística atopábase no que se coñece como Pico de San Francisco, a pé do MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega), declarado Ben de Interese Cultural en 1962, e funcionaba nas épocas de tempada alta, en Semana Santa e verán. Agora esa oficina foi trasladada ao museo, está perfectamente sinalizada e funciona 11 meses ao ano ben atendida polos profesionais que alí traballan, que son das persoas máis preparadas para falar do Monte Santa Trega e fan o seu traballo con moita profesionalidade.
Sinalización da oficina de turismo

No cumio do monte Santa Trega non hai bares, alí hai dous establecementos hostaleiros, o hotel-restaurante Pazo e o restaurante Mar y Cielo. É un descuido imperdoable é unha falta de respecto chamarlle “bares” a estes establecementos. Por certo para os restaurantes resulta moi interesante que os turistas entren a pedir información ou a charlar sobre o Trega e os seus xacementos, é unha maneira de facer clientes. Que falen do Monte non significa que non poidan informarse por outros medios.
Dicir, como se afirma no mencionado artigo, que hai falta de información sobre o Trega é dun descoñecemento absoluto, e desta maneira infravalórase o traballo dos profesionais do concello da Guarda. Nos últimos anos os departamentos de Patrimonio e Turismo teñen feito moito por mellorar  o aspecto informativo sobre a paisaxe e o patrimonio dun dos lugares máis visitados de Galicia. Na subida, na caseta de cobro, entrégaselle aos visitantes un folleto informativo, e ao chegar ao xacemento os turistas atópanse con completos paneis sobre o poboado e as vivendas castrexas e na zona alta con paneis que axudan a interpretar a paisaxe. Pero por se isto non fora suficiente, no poboado, no museo, na capela e noutros lugares hai uns fitos informativos con códigos QR que dan acceso a audioguías en catro linguas, galego, castelán, inglés e francés.


A URL das audioguías e:
https://www.youtube.com/channel/UCclhuUPCJqDlHD0TOc3PqOQ
Pero se hai persoas interesadas en acceder a elas que non dispoñen do código QR e non queren teclear esa dirección imposible, basta con que busquen en youtube “audioguías do Trega”.
Toda a información anterior, que non é pouca, non resulta suficiente a criterio do concello da Guarda para un sitio coma o Trega en épocas de afluencia masiva de visitantes. Así, o xoves día 6 de abril foi remitida a tódolos medios de comunicación, incluída La Voz de Galicia, a programación da Semana Santa no concello da Guarda e nesta programación inclúese entre outras cousas, visitas guiadas gratuítas ao MASAT e ao castro de Santa Trega.

Toda a información anterior pode ampliarse, para aqueles viaxeiros que planifican a visita ao Trega con antelación ou que aínda queren máis información, accedendo a magnífica páxina de turismo que o concello da Guarda estreou en 2016 en tres linguas, galego, español e inglés, www.turismoaguarda.es ou mesmo descargando a App do concello da Guarda, que tamén ten información turística cun apartado exclusivo para o Monte Santa Trega.
Na Guarda sabemos o que nos traemos entre mans, empregámonos a fondo para manter o legado que nos deixaron todas aquelas persoas que traballaron para que O Monte Santa Trega e o seu Museo Arqueolóxico, que este ano cumpre o seu primeiro centenario, sexa o que é hoxe en día. Eu creo que poucos lugares de Galicia poden presumir de ofrecer tanta información como nós damos do noso Monte.
En definitiva, podemos dicir a vista destes feitos demostrables e contrastables que se queres saber do Monte Trega, ven Á Guarda, non preguntes en  “La Voz de Galicia”.

1 comentario:

  1. da a casualidade de que eu, nativo do pobo, subin o monte o domingo de ramos, non e mentira nada do que se afirma, pero o certo e que os turistas botan bastante de menos unha caseta informativa a pe dos castros, seino, porque sin animo de ofender, e a nivel unicamente critico, o certo e que non me faltaron os que me preguntaron acerca do castro, ou mesmamente xente que se queixaba da falta de algo tan elemental como papeleiras para deixar o lixo ou sinxelamente un contenedor inda que non fose xusto o pe do castro... o mesmo o artigo e malintencionado...pero o mesmo, tamen fai falla mesturarse calquera dia cos visitantes, como un mais, para darse conta das carencias que o noso monte presenta... porque non son poucas... unha obvia e veridica... unha nai marchou do monte moi cabreada...porque tivo literalmente que levar a sua filla de 12 anos a mexar agachada tras dun coche... indiqueille que habia o seu dispor baños publicos na cima do monte... pero limitouse a decirme "y estaran orgullosos!!!... si tengo que llevar a mi niña alli, se me mea por el camino..." . O mesmo teñen razon... ou non.. eu so conto o que vivin...as conclusions ou o acuso de recibo do mensaxe que o saquen as persoas competentes.

    ResponderEliminar