O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción no Concello solicitando a restrición do acceso e do aparcamento de vehículos na zona situada entre a pista de skatepark e o campo de fútbol do porto durante as fins de semana, co obxectivo de garantir a seguridade das crianzas que frecuentan este espazo.
A proposta nace como resposta ás preocupacións trasladadas por varias familias da vila, que alertaron do perigo que supón a circulación de vehículos nunha área intensamente utilizada por nenos e nenas para xogar e practicar deporte, especialmente os sábados e domingos.
“A zona do skatepark e do campo de fútbol converteuse nun punto de encontro moi activo para a rapazada da Guarda. É frecuente ver nenos e nenas xogando, correndo ou mesmo que se lles escape algunha pelota. A presenza de coches supón un risco que debemos evitar”, sinala Fátima Rodríguez, voceira do Grupo Socialista.
A moción insta tanto ao Concello da Guarda como a Portos de Galicia —xa que parte da zona pertence a este organismo autonómico— a colaborar para aplicar medidas que restrinxan o tráfico rodado nos días de maior afluencia, así como a sinalizar adecuadamente o espazo e estudar a instalación de elementos físicos que impidan, se fora necesario, o paso de vehículos durante as fins de semana.
“Trátase dunha medida preventiva e de sentido común que busca protexer aos máis pequenos/as e garantir un espazo seguro de lecer para as familias da Guarda”, concluíu Rodríguez.