luns, 31 de marzo de 2025

Os/as Socialistas reprenden a Carrero pola súa actitude en Caminha.

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda manifestou no último Pleno ordinario, o seu profundo rexeitamento á intervención realizada polo alcalde, Roberto A. Carrero, durante a presentación da candidatura de Liliana Silva (PSD) á Presidencia da Câmara Municipal de Caminha, celebrada o pasado 8 de marzo.

Durante o punto de rogos e preguntas, a portavoz socialista Fátima Rodríguez, trasladou un firme rogo dirixido ao rexedor guardés, ao que cualificou de "profundamente irresponsable, institucionalmente inaceptable e politicamente torpe", pola súa actitude nun acto público no que se presentou como alcalde da Guarda e deputado provincial, e no que fixo afirmacións ofensivas contra o actual goberno de Caminha, liderado polo socialista Rui Lages.

No seu discurso, Carrero arremeteu contra o goberno caminhense, ao que acusou de manter a vila nun letargo prolongado por falta de ideas. Chegou incluso a afirmar que os seus responsables están máis interesados/as en facerse fotos e aparentar nas redes sociais que en gobernar para a cidadanía. E para rematar, asegurou que as relacións entre A Guarda e Caminha cada día van a peor.

O Grupo Socialista lamenta que Carrero, lonxe de aproveitar a ocasión para tender pontes e promover a cooperación entre municipios veciños —especialmente no contexto da Eurocidade A Guarda-O Rosal-Caminha, Carrero optase por lanzar ataques directos contra o goberno de Rui Lages, empregando un ton inapropiado, e mesmo facendo uso de expresións malsonantes, chistes de corte machista e acusacións absolutamente impropias dun representante institucional.

“Non se pode estar negociando acordos con socios/as institucionais pola mañá e insultándoos/as pola tarde”, sinalou a portavoz socialista, lembrando que ese tipo de condutas non só poñen en risco as relacións entre municipios, senón que tamén danan gravemente a imaxe da nosa vila máis alá das súas fronteiras.

A portavoz dos/as Socialistas tamén quixo poñer en valor a reacción respectuosa e diplomática do Presidente de Câmara de Caminha, quen, malia o malestar causado, mantivo unha postura exemplar ante o ataque do Alcalde, en contraste co ton esperpéntico e provocador empregado por Carrero.

Desde o Grupo Municipal Socialista lamentamos profundamente que A Guarda estea sendo representada por un alcalde que parece máis preocupado por provocar e facer ruído que por traballar con responsabilidade e respecto institucional. E, por iso, pedímoslle que reflexione sobre a súa conducta e que, no futuro, actúe coa dignidade que require o cargo que ostenta.


xoves, 27 de marzo de 2025

A inacción do goberno de Carrero pon en risco unha subvención de máis de 1,5 millóns de euros para a reforma da piscina municipal.

A obra da piscina debe estar rematada o 31 de marzo de 2026, ou perderase a subvención de máis de 1,5 millóns de euros conseguida polo PSOE guardés. Se non hai prórroga e se perde a subvención, esixiremos responsabilidades políticas polo dano causado á veciñanza.

No pleno ordinario celebrado o 26 de marzo, o goberno municipal levou por fin a aprobación do expediente de licitación das obras de reforma da piscina. Un proxecto impulsado polo noso grupo, o PSOE, na anterior lexislatura, e para o que deixamos xestionada unha subvención de máis de 1,5 millóns de euros.

Infografía do proxecto da piscina municipal

Mais queremos lanzar unha advertencia moi seria: a obra ten que estar executada, facturada e pagada con data límite do 31 de marzo de 2026. E a día de hoxe, tras revisar os prazos e falar co persoal técnico municipal, podemos dicir que rematar esta obra en prazo vai a ser altamente improbable, por non dicir imposible.

Se non lles conceden unha prórroga, será o Concello quen teña que asumir con fondos propios ese millón e medio de euros. E se iso ocorre, deixámolo claro xa hoxe: pediremos responsabilidades políticas por esta perda gravísima de fondos públicos que A Guarda non se pode permitir.

A resolución definitiva de concesión da subvención chegou en xullo de 2023, cando o señor Carrero xa estaba na alcaldía. Sabía perfectamente que era unha obra prioritaria, e tivo tempo de sobra para poñerse a traballar. En vez diso, deixaron pasar o tempo ata estar, unha vez máis, coa auga ao pescozo.

Oxalá consigan unha prórroga e todo saia ben, porque esta reforma é imprescindible. A piscina chegou ao fin da súa vida útil, e se sofre unha avaría grave, o servizo podería paralizarse, cun prexuízo enorme para o pobo. Por iso, reiteramos o noso apoio a que esta obra se faga, pero non calaremos se se perde, por culpa da inoperancia e falta de xestión de Carrero, o financiamento conseguido polos/as socialistas.

E si, lembramos que cando o Partido Popular estaba na oposición, votou en contra da reforma doutros equipamentos deportivos, como o pavillón municipal, só por estratexia política. Nós non imos facer o mesmo. Porque a nosa maneira de facer política é a de construír, non destruír. Apoiamos os proxectos necesarios para A Guarda, goberne quen goberne, porque por riba de todo está o interese da veciñanza.