xoves, 13 de xuño de 2024

A Conta Xeral non minte: Os/as socialistas non deixaron o Concello da Guarda “sen un duro”.

O balance do 2023 foi, segundo a Conta Xeral, positivo en todos os aspectos. Gustaríanos que Carrero e o seu equipo deixaran de intentar esconder a súa incapacidade para xestionar o Concello detrás de bulos.

O ano pasado, Carrero e o Tenente Alcalde, aseguraban a distintos medios de comunicación que os/as socialistas nos “pulíramos” o diñeiro do Concello e que as arcas municipais estaban “sen un duro”. Mentirosos, ou ignorantes??.

Grupo Municipal Socialista 2024
Fai unhas semanas publicouse a Conta Xeral, que é ese documento que elabora unha vez ao ano o Departamento Económico do Concello, e no que queda reflexada a situación económica do Concello.

Documento que demostra que todo o que estes señores dicían non era máis que un bulo. E para desmontalo simplemente imos a dar tres datos significativos que extraemos da Conta Xeral do 2023 do Concello da Guarda:

  1. O saldo en bancos do Concello a 31/12/23 era de 3.270.640,30€.
  2. O resultado entre ingresos e gastos foi positivo, e dicir houbo máis ingresos que gastos, quedando un resultado orzamentario positivo de 962.012,08€.
  3. O Concello conta cun remanente positivo de 1.711.762,20€, que pode ser utilizado para financiar obras e inversións.

Os/as políticos/as poden dicir o que lles pete, pero os números son os que son!


martes, 11 de xuño de 2024

Carrero renuncia a unha subvención coa que poderían asumirse as obras de reforma da praza de abastos.

  • Os/as socialistas conseguiran en 2023 unha subvención de Fondos Europeos de 318.458,40€ para levar a cabo diversas accións de dinamización do comercio, entre as que se atopaba a obra de reforma estética da praza de abastos.
  • Un mes despois de que chegara a resolución positiva da mesma, Roberto Carrero, renunciou a esta subvención.

Desde a Concellería de Desenvolvemento Local, dirixida naquel momento pola actual portavoz municipal socialista Fátima Rodríguez, encargárase a un estudo de arquitectura un proxecto de reforma da praza de abastos, e a principios de 2023 reserváranse dos cartos que lle daba á Deputación ao Concello unha cantidade de 172.365€ para acometer dita obra.

Reforma do andar superior da praza de Abastos
Pouco despois, en marzo de 2023, xurdiu a oportunidade de presentarnos a unha subvención de Fondos Europeos, e ademáis de meter o custo desa reforma solicitáronse varias actuacións máis das que puideran beneficiarse tamén outros negocios da vila e non só os que tiñan negocio na praza.

Se nola concedían podería levarse a cabo a obra de reforma, ademáis do resto das accións, e os cento setenta mil e pico euros que estaban reservados, poderiamos utilizalos para outras obras, xa que Deputación permitía cambiar o destino deses cartos.

A noticia de que a subvención de Fondos Europeos fora concedida por un importe de 318.458,40€ chegou en setembro de 2023, xa estando Carrero no goberno, polo que xa lle quedaba a el a responsabilidade de inverter o diñeiro da subvención nas obras e actuacións que se acordaran. A máis destacable, como dicíamos, a obra de reforma da praza.

Incriblemente esta subvención foi rexeitada polo actual Alcalde un mes despois de recibir dita notificación, demostrando unha vez máis que o actual equipo de goberno non posúe nin a capacidade nin o interese necesarios para gobernar este Concello.

Está claro que xestionar Fondos Europeos non é doado, ata nos atreveríamos a dicir que pode resultar un auténtico desafío, pero o que non pode facer un goberno que se prece é tirar a toalla ante aquelas xestións que podan resultar máis difíciles. Cando se está no goberno hai que romperse moito a cabeza para evitar que o Concello perda nin un euro de diñeiro que poda vir doutras administracións.

Sr. Carrero é unha vergonza que desdeñen vostedes un diñeiro que é da Guarda, e que en lugar de aproveitar subvencións xa concedidas, renuncien a elas e agora vaian a ter que asumir a recén iniciada obra da praza de abastos co diñeiro da Deputación que inicialmente reserváramos nós, cantidade que podería terse destinado a outras obras, tamén necesarias.

Pedímoslle ao noso alcalde, xa alcumado por moitas persoas como “Roberto, o ausente” porque nunca está no Concello, que se tome en serio as súas funcións e lle dedique tempo e gañas ao seu pobo, e senón que se bote a un lado e pase o testigo a alguén que de verdade queira traballar pola Guarda.