xoves, 30 de maio de 2024

Os Socialistas da Guarda sacan adiante unha moción para realizar o ancheamento do 1º Transversal Salgueiró en Camposancos.

  • O Partido Socialista da Guarda, que leva moitos anos traballando no ancheamento de rúas e camiños, especialmente nas parroquias de Salcidos e Camposancos, desexa seguir contribuíndo a esta causa desde a oposición.
  • Grazas á colaboración dunha familia campusina que cederá unha parte do seu terreo, o Concello da Guarda terá a posibilidade de anchear o 1º Transversal Salgueiró, unha rúa que nalgún tramo non chega aos 1,80 m de ancho.

O Partido Socialista da Guarda defendeu onte no pleno ordinario de maio unha moción que saliu aprobada e a través da cal o actual equipo de goberno se compromete a iniciar as negociacións cos/as propietarios/as e, unha vez feita a cesión, levar a cabo as obras para o ancheamento desta vía.

1º Trav. Salgueiró de Camposancos
Aínda en oposición, queremos seguir contribuíndo a que todos os veciños e veciñas da Guarda teñan as mesmas oportunidades, e para iso é necesario que, independentemente do punto da vila no que residan, podan ser asistidos/as en casos de emerxencia, ademais de reducir as posibilidades de danos nos seus vehículos.

A portavoz municipal, Fátima Rodríguez, e a vocal socialista na Entidade Local Menor, Luz Alonso, agradecen enormemente a Sonia e Frank a súa colaboración para facer posible o ancheamento deste camiño en Camposancos.


luns, 27 de maio de 2024

Os Socialistas da Guarda defenderán no pleno do mércores 29 de maio unha moción para conseguir anchear un camiño de Camposancos.

  • O Partido Socialista da Guarda, que levaba moitos anos traballando no ancheamento de rúas e camiños, especialmente nas parroquias de Salcidos e Camposancos, desexa seguir contribuíndo a esta causa desde a oposición.
  • Grazas á colaboración dunha familia camposina que cederá unha parte do seu terreo, o Concello da Guarda terá a posibilidade de anchear o 1º Transversal Salgueiró, unha rúa que nalgún tramo non chega aos 1,80 m de ancho.

O Partido Socialista da Guarda leva traballando moitos anos para facer realidade o ancheamento de multitude de camiños da Guarda, especialmente nas parroquias de Salcidos e Camposancos, lugares que ata fai pouco tempo concentraban a maior parte de vías da vila nas que os vehículos tiñan grandes dificultades para circular, especialmente os vehículos de emerxencia.

1º Transv. Salgueiró
Concretamente en Camposancos leváronse a cabo nestes últimos anos ancheamentos no Camiño do Cementerio, Camiño de Salgueiró, Camiño do Ferreiro, Camiño das Laxes, Camiño do Cascallar, etc.

Aínda en oposición, queremos seguir contribuíndo a que todos os veciños e veciñas da Guarda teñan as mesmas oportunidades, e para iso é necesario que, independentemente do punto da vila no que residan, podan ser asistidos/as en casos de emerxencia, ademais de reducir as posibilidades de danos nos seus vehículos.

Por iso seguimos atentos/as a aquelas oportunidades no que respecta á cesión de terreos que a veciñanza poda facer de forma voluntaria, e que teñan coma fin o ancheamento de vías públicas de difícil tránsito ou acceso.

Unha desas vías sería o 1º Transversal Salgueiró (Camposancos), que nun tramo ten un ancho que non chega aos 1,80m.

Na actualidade os propietarios de varias das parcelas que lindan co Transversal na súa parte máis estreita fixéronnos saber que estarían dispostos a ceder ao Concello da Guarda de forma gratuíta parte dos terreos da súa propiedade para realizar o ancheamento do camiño.

Dada esta boa oportunidade presentamos unha moción que esperamos sexa aprobada por unanimidade, e a través da cal o actual equipo de goberno se comprometa a iniciar as negociacións cos/as propietarios/as e, unha vez feita a cesión, levar a cabo as obras para o ancheamento desta vía.


domingo, 26 de maio de 2024

A Xunta de Galicia inicia as obras dun compromiso acadado polo anterior goberno socialista para o Castelo de Santa Cruz.

  • O equipo de goberno socialista conseguira na anterior lexislatura a colaboración da Axencia de Turismo (Xunta de Galicia) para mellorar os camiños de acceso ao Castelo de Santa Cruz, e alumear artísticamente e de forma ecoeficiente a muralla.

  • Fai uns días deuse inicio a ditas obras, e xa poden observarse máquinas traballando tanto no acceso á Porta da Vila como na parte exterior da muralla.

O anterior goberno, consciente de que o Patrimonio da Guarda era, e sigue sendo, o ben máis prezado da nosa localidade, levou a cabo durante anos unha serie de iniciativas cun obxectivo común: poñer en valor e rendibilizar o seu Patrimonio para dalo a coñecer, para conservalo e tamén para utilizalo como atractivo turístico.


Rehabilitación do acceso pola porta da vila

Un deses elementos no que se puxo especial énfase, e que ademáis está declarado Ben de Interese Cultural, foi o Castelo de Santa Cruz.

Por iso solicitouse á Axencia de Turismo de Galicia a realización de varias actuacións dirixidas a seguir poñendo en valor este ben patrimonial, firmando un convenio entre a mesma e o Concello da Guarda na anterior lexislatura.


Obras de iluminación da muralla

Alegrámonos de que a Xunta de Galicia retome esta obra que quedara pendente de facer, e xa se dera inicio ás obras que representarán cambios moi positivos para o Castelo, xa que unha vez finalizadas a muralla lucirá iluminada e se mellorarán e farán accesibles os accesos tanto pola Porta da Vila (tramo que arranca na rúa Puerto Rico e ascende entre dúas casas indianas), como pola Porta de Socorro (tramo que nace no camiño peonil da Avda. Sto. Domingo de Guzmán). 



xoves, 16 de maio de 2024

Roberto Carrero está molesto porque a oposición airea os seus pouco acertados movementos na xestión dos fondos

  •  Roberto Carrero está molesto porque a oposición airea os seus pouco acertados movementos na xestión dos fondos.
  • A cantidade de cartos que tiña na súa man para desbloquear a obra da senda arredor do Tegra, foi dirixida a outras actuacións que non son, desde logo, urxentes.

Roberto Carrero amósase moi molesto cos partidos da oposición simplemente por contar a verdade do que fixo o seu goberno, e que non foi, nin máis nin menos, que renunciar ao diñeiro que tiñan xa na man para desbloquear a obra da senda arredor do Trega.

Fala de que somos responsables de que esta obra non estea feita tras dúas lexislaturas…iso si que é unha tomadura de pelo pola súa parte.

Circunvalación ao Trega, estado actual
Aos/ás socialistas só nos faltou poñernos de xeonllos e suplicar á Xunta que asumise a obra, que recordemos, é quen ten que facela, xa que a estrada é propiedade súa. Chegamos incluso a presentar en 2020 un anteproxecto de senda para ver se, facilitándolles o traballo, entraban en razón e por fin escoitaban as peticións da cidadanía guardesa.

Se para Carrero facer iso, ou buscar financiación por outras vías para iniciar a obra, é unha “actitude belicosa”, é que non entendeu nada.

Destinar eses cartos do Plan de Turismo a iniciar o proxecto da senda era, sobre todo, unha declaración de intencións pola nosa parte. Demostramos que a pesar de que a Xunta desoíse durante anos as necesidades da cidadanía guardesa, o equipo de goberno socialista quería buscar a toda costa sacar o proxecto da senda adiante, fora como fose.

A verdade é que, analizando polo miúdo o traballo de Carrero durante o tempo que leva no goberno, vemos bastante difícil que poda conseguir nesta lexislatura que a Xunta financie este proxecto. E se o consegue, máis ben será mérito da ben instaurada “política de amiguismos” do PP ou da matraca que levamos dando nós co tema desde fai anos, e xa non tanto da súa xestión.

Pero ollo, que non se engane o actual alcalde, non crea que todos/as somos da súa mesma condición. A nós xamais nos vai a “doer” que se faga esta obra, aínda que sexa o mesmo Satanás quen se encargue de facela, porque confrontacións políticas aparte, o que nós queremos é o ben da Guarda e o estamos demostrando a través do noso apoio ao seu equipo de goberno en todo o que consideramos bo para este pobo.

Cousa que, por certo, vostedes non fixeron estando en oposición: Votando en contra da reforma do pavillón, da humanización de Concepción Arenal, dunha subvención da Deputación para dinamización do comercio, etc. Eran vostedes unha mala oposición e agora son un mal goberno. 


mércores, 15 de maio de 2024

A senda arredor do Trega, cada vez máis lonxe de ser unha realidade.

  •  Ante a inacción da Xunta de Galicia, o anterior goberno socialista reservara unha partida económica do Plan de Turismo (PSTD) para dar inicio á senda arredor do Trega.
  • Agora, os Populares, deciden eliminar as actuacións na senda, e destinan ese diñeiro á creación dun aparcamento disuasorio no Museo do Mar e a conectar a senda Litoral coa das Cetáreas.

A través desta nota de prensa, desde o Grupo Municipal Socialista, queremos facer unha serie de aclaracións en relación á situación da senda arredor do Trega.

No Plan de Turismo, a través do que acadamos 1.000.000€ para diversas actuacións en materia de turismo, destinábase unha cantidade de diñeiro para dar inicio á senda arredor do Trega.

recreación da senda arredor do Trega
Dediciuse apostar por esta actuación porque a Xunta de Galicia, ente a quen realmente lle compete levar a cabo esta obra, leva incumplindo ao longo dos últimos anos e de forma reiterada, as súas promesas de construíla.

Xa en 2018 o Director Xeral de Infraestruturas de Xunta, aseguráballe a Antonio Lomba que sacarían unha liña de subvencións para sendas que nunca chegou a publicarse. En 2020 a Conselleira de Infraestruturas (Ethel Vázquez) comprometíase tamén, neste caso, a valorar incluír a nosa senda nun Plan de Sendas do Baixo Miño a través de fondos europeos (FEDER 2021-2027), promesa que volveu a incumprirse.

En vista dos antecedentes, os socialistas decidiron reservar unha partida orzamentaria para a senda dentro do Plan de Turismo, para desta forma, dar inicio ás obras e forzar á Xunta de Galicia a destinar fondos para a mesma, replicando a mesma estratexia que se seguira coa reforma do Pavillón Municipal, para o que ao principio a Xunta non quixo destinar nin un euro, e logo, unha vez o Concello e a Deputación puxeron fondos, viuse obrigada a facelo.

O Partido Popular publicaba unha nota de prensa en novembro de 2023 sacando peito porque Ethel Vázquez tamén lles prometera a eles/as incluir a senda nos próximos fondos FEDER (sónanos esa resposta…), o que polo de pronto nos di que, como mínimo, ata despois de 2027 a Xunta non prevé en ningún caso, abordar esta obra…se é que realmente a inclúe, cousa que, visto o visto, xa dubidamos.

E agora, observamos estupefactos/as como desde o Concello se decide que a cantidade coa que se pretendía dar inicio a esta obra, crucial para A Guarda e Camposancos tanto a nivel turístico como a nivel de seguridade viaria, se vai a destinar a facer unha obra que desde logo non ten a urxencia nin a importancia que pode ter a da senda arredor do Trega.

Preto de cumprirse un ano deste novo goberno, non deixamos de asombrarnos coa falta de consideración cara á cidadanía e o pouco sentido común que aplican ás súas políticas.