O cambio forma parte dos movementos que o PSOE da Guarda está a realizar para preparar a seguinte etapa política e coincide coa necesidade de Rafa Álvarez de dedicar máis tempo ás súas responsabilidades profesionais.
O PSdeG-PSOE da Guarda informa do cambio que se producirá proximamente na composición do seu Grupo Municipal, coa incorporación de Bárbara Domínguez como nova concelleira socialista na Corporación municipal.
O relevo forma parte dos movementos organizativos e de planificación que o partido está a realizar de cara á seguinte etapa política, coa vontade de ir preparando con tempo o equipo e o proxecto socialista dos próximos anos.
Neste contexto, e coincidindo tamén coa necesidade de Rafa Álvarez de dedicar máis tempo ás súas responsabilidades profesionais, acordouse que este era un bo momento para dar paso á incorporación de Bárbara Domínguez ao traballo municipal.
Desde a Agrupación Socialista da Guarda subliñan que se trata dunha decisión falada, compartida e tomada con absoluta normalidade dentro do equipo.
“Non estamos ante unha decisión de Rafa de abandonar o proxecto, senón ante un relevo acordado dentro dunha planificación máis ampla do partido. Dáse ademais a circunstancia de que neste momento necesita dedicar máis tempo ao seu traballo, polo que ambas cuestións encaixaron á hora de tomar esta decisión”, explican desde a Executiva Local.
Os/as socialistas queren agradecer especialmente a Rafa Álvarez o traballo desenvolvido durante estes anos como concelleiro, a súa implicación e a súa permanente disposición para colaborar co grupo.
“Rafa foi unha peza importante durante todos estes anos e seguirá ocupando outro lugar dentro do proxecto socialista da Guarda. Agradecémoslle profundamente a súa dedicación, o seu compromiso e a forma na que afrontou sempre o traballo dentro do equipo”.
Pola súa banda, a incorporación de Bárbara Domínguez permitiralle integrarse de maneira directa no traballo municipal e ir asumindo novas responsabilidades dentro do Grupo Municipal.
“Bárbara forma parte do equipo co que queremos afrontar a seguinte etapa e a súa incorporación á Corporación é un paso natural dentro desa planificación. Estamos moi contentos/as de poder contar con ela e convencidos/as de que fará unha gran achega ao grupo”, sinalan.





