Amosando publicacións coa etiqueta servizos municipais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta servizos municipais. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de maio de 2026

O PSOE da Guarda consigue que se amplíe a apertura dos baños públicos do litoral e a instalación dun aseo autolimpable no porto

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentou no pleno de maio unha moción para mellorar os servizos públicos de aseos nas praias e no porto, que foi aprobada por unanimidade.

A iniciativa incluía dúas propostas principais: a instalación dun baño público autolimpable na zona do porto e a ampliación do período de apertura dos baños públicos situados na praia do Muíño e da Area Grande.


Desde o PSOE da Guarda valoran positivamente o apoio unánime da corporación, pero lembran a Roberto A. Carrero que “non abonda con votar a favor; agora hai que cumprir os acordos aprobados polo pleno”.

O grupo socialista advirte ademais de que “o goberno municipal está empezando a acostumarse a apoiar mocións da oposición que logo non executa”, polo que aseguran que estarán “vixiantes para que estas medidas non queden nun simple titular e se convertan nunha realidade para a veciñanza e para as persoas que visitan A Guarda”.


xoves, 14 de maio de 2026

O PSOE da Guarda propón ampliar a apertura dos baños públicos do litoral e instalar un aseo autolimpable no porto.

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentará no próximo pleno unha moción para mellorar os servizos públicos de aseos nas praias e no porto.

A iniciativa inclúe dúas propostas principais: a instalación dun baño público autolimpable na zona do porto e a ampliación do período de apertura dos baños públicos situados na praia do Muíño e da Area Grande.

Baño da praia da Area Grande

Desde o PSOE lembran que A Guarda vive desde hai anos unha notable desestacionalización do turismo vinculada ao incremento de peregrinos e peregrinas do Camiño Portugués da Costa, facendo que exista movemento de visitantes durante boa parte do ano e non unicamente nos meses de verán.

Os/as socialistas sinalan que os baños públicos do Muíño e Area Grande permanecen pechados gran parte do ano pese a atoparse en zonas de paso habitual de persoas que pasean, practican deporte ou realizan o Camiño de Santiago.

Por outra banda, o Grupo Municipal Socialista considera necesaria a instalación dun aseo autolimpable na zona do porto, un espazo cun importante movemento social, turístico e hostaleiro, especialmente durante fins de semana e períodos de maior afluencia.

A proposta inclúe tamén unha petición relativa á apertura dos baños públicos do Muíño e Area Grande entre os meses de marzo a outubro, ademais de estudar fórmulas de mantemento e limpeza que garantan o correcto funcionamento destes servizos.

“Falamos de limpeza e atención á veciñanza, pero tamén de ofrecer unha mellor atención ás persoas que visitan A Guarda ao longo do ano”, sinalan desde o PSOE da Guarda.


luns, 19 de xaneiro de 2026

Dúas novas mocións do PSOE da Guarda para responder a demandas veciñais.

O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentará no próximo pleno ordinario dúas mocións que abordan cuestións de relevancia para a veciñanza: a transparencia na facturación do abastecemento de auga e a seguridade peonil nun tramo da rúa Donantes de Sangre.

A primeira das iniciativas esixe o cumprimento da normativa vixente na facturación do servizo municipal de abastecemento de auga, logo de detectar que, desde que a recadación foi asumida pola ORAL da Deputación de Pontevedra, os recibos que emiten as entidades bancarias deixaron de incluír información básica sobre os consumos realizados. Esta carencia impide á cidadanía comprobar os datos facturados e dificulta calquera posibilidade de control ou reclamación, xerando unha situación de indefensión que resulta inaceptable nun servizo público básico. A moción insta a corrixir de maneira inmediata esta práctica e garantir unha facturación clara, detallada e conforme ao que establece a normativa municipal.

A segunda moción pon o foco na necesidade de dotar de beirarrúas o tramo final da rúa Donantes de Sangre. A falta de continuidade das beirarrúas obriga a camiñar polo arcén, que nalgúns puntos apenas alcanza os 40 centímetros, o que supón un alto risco, especialmente para persoas maiores, persoas con mobilidade reducida, usuarias de cadeiras de rodas, familias con carriños de bebés e estudantes que utilizan as paradas do transporte escolar. Con esta moción trátase de apoiar unha reclamación que leva meses na rúa grazas a unha iniciativa veciñal que está recollendo firmas para conseguir mellorar a seguridade peonil na zona.

Desde o Grupo Municipal Socialista sinalan que estas dúas mocións volven poñer de manifesto o contraste entre o traballo propositivo da oposición e a falta de contido dos últimos plenos municipais, nos que o equipo de goberno non está a levar asuntos de relevancia para o debate e a mellora da calidade de vida da veciñanza. “Mentres o goberno local presenta plenos baleiros de iniciativas, o PSOE da Guarda segue trasladando ao pleno problemas reais e demandas concretas da cidadanía, con propostas rigorosas e viables”, subliñan.

Os/as socialistas agardan contar co apoio do resto da corporación para sacar adiante ambas iniciativas, que consideran fundamentais para avanzar nun Concello máis transparente, accesible e seguro para todas e todos.







mércores, 11 de xuño de 2025

O PSOE da Guarda abstense na votación sobre a licitación da piscina pola falta de garantías e transparencia do goberno local.

O Grupo Municipal Socialista da Guarda decidiu absterse na votación da proposta do goberno local para licitar novamente a obra de reforma da piscina municipal, ante a existencia dun informe desfavorable da intervención municipal, que alerta de riscos económicos graves para o Concello.

Desde o PSOE explican que, como forza política responsable, non poden apoiar unha proposta que inclúe o levantamento dun reparo suspensivo de intervención, cando os propios informes técnicos indican que non está garantida a financiación total da obra nin os prazos que esixe a subvención europea do millón e medio de euros.

Exterior da piscina municipal

Pero ademais, denuncian con total claridade que o goberno local mentiu descaradamente aos grupos da oposición cando se lles preguntou como pensaban cubrir o sobrecusto de máis de medio millón de euros que supuxo a revisión do proxecto da piscina.

"A resposta que se nos deu foi que ese diñeiro viría do Fondo de Cooperación Local da Xunta. Pero agora, grazas ao informe de intervención, descubrimos que iso non era certo: ese diñeiro non está concedido, non hai resolución firme, e o único que fixeron foi presentar unha solicitude. E presentar unha solicitude non é o mesmo que ter os cartos."

"Nós non estamos aquí para validar chapuzas nin improvisacións. E tampouco para acabar nun xulgado dentro duns anos por levantar un reparo de intervención que claramente advirte de que este procedemento non cumpre os requisitos. A responsabilidade política, e se é o caso tamén legal, será exclusivamente do equipo de goberno", sinalan desde o Grupo Socialista.

A portavoz socialista, Fátima Rodríguez, insiste en que a abstención non foi en ningún caso un freo á obra da piscina, que consideran necesaria e urxente para A Guarda. "A nosa abstención foi unha forma de dicir 'si' ao proxecto pero 'non' a esta forma de gobernar. A veciñanza merece obras ben feitas, ben financiadas e sen riscos para as contas municipais."

Desde o PSOE lembran, ademais, que todo este proceso podería terse evitado se o goberno local tivese actuado con máis antelación e responsabilidade: "Se se puxeran mans á obra cando tocaba, e se xestionasen as cousas con planificación e rigor, hoxe non estariamos nesta situación. Pero a improvisación e a falta de seriedade teñen consecuencias, e lamentablemente quen paga é A Guarda. Por non falar da inxente cantidade de plenos extraordinarios que están a convocar, co gasto que iso supón para o Concello".

O outro grupo da oposición tamén decidiu absterse, deixando en evidencia o illamento do goberno local nesta votación clave, e o malestar xeneralizado pola forma na que se está a xestionar un proxecto que debera ser motivo de consenso, non de polémica.