martes, 14 de xullo de 2026

O PP volve apropiarse do traballo alleo: Carrero inaugura un proxecto que os gobernos socialistas fixeron posible

Se hoxe a Guarda conta cun moderno edificio para as súas asociacións non é grazas a Roberto Á. Carrero nin ao Partido Popular. É grazas ao compromiso, á visión e ao traballo dos gobernos socialistas, que decidiron recuperar un inmoble que o PP deixara completamente abandonado.

A colocación dunha placa co nome do alcalde Roberto Á. Carrero no antigo colexio Sinde é a mellor mostra dunha forma de facer política á que, por desgraza, xa nos ten acostumados: apropiarse de actuacións que non impulsou, non planificou e para as que non tivo que buscar financiación, intentando borrar da memoria colectiva o traballo realizado durante anos polos gobernos socialistas.


Placa no Antigo Sinde

Cómpre lembrar que durante o último goberno popular, con Celso Rodríguez Fariñas formando parte do executivo, o antigo Sinde foi desaloxado alegando o seu suposto estado ruinoso. As asociacións foron expulsadas e o edificio quedou abandonado durante anos, mentres incluso se estendían rumores sobre unha posible venda do inmoble para intereses privados. Esa era a única proposta do Partido Popular para este espazo: abandonalo, deixalo deteriorarse e desprenderse del.

Foron os gobernos socialistas os que decidiron facer exactamente o contrario. O primeiro foi comprobar, mediante informes técnicos independentes, que o edificio podía recuperarse. Despois chegou o investimento, a rehabilitación progresiva dos espazos, o traslado das asociacións, a creación de aulas de formación e a posta en valor dun inmoble público que hoxe presta un enorme servizo á veciñanza.

Ese traballo non foi froito da casualidade. Foi unha aposta política sostida durante anos. Tanto é así que o goberno socialista deixou redactado o proxecto de rehabilitación integral do bloque agora inaugurado e conseguiu o financiamento da Deputación de Pontevedra para facelo realidade. É dicir, cando Carrero chegou á Alcaldía atopouse un proxecto pensado, redactado e financiado. O único que tivo que facer foi executalo.

Antigo Sinde reformado

Desde o Grupo Municipal Socialista alegrámonos de que este espazo estea finalmente ao servizo das asociacións, porque ese foi sempre o noso obxectivo. Pero tamén defendemos que a política debe exercerse con honestidade. Inaugurar unha obra é lexítimo; apropiarse do traballo alleo non o é.

Porque, por moitas placas que se coloquen, hai algo que non se pode cambiar: quen abandonou este edificio foi o Partido Popular, e quen o recuperou para a Guarda foron os gobernos socialistas.

 

mércores, 8 de xullo de 2026

O PSOE da Guarda acusa a Carrero de incumprir un acordo plenario unánime e de afogar economicamente ao tecido asociativo

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda denuncia o novo incumprimento do alcalde, Roberto Carrero, despois de que transcorrido xa o primeiro semestre de 2026 o Concello continúe sen publicar a convocatoria anual das subvencións municipais por concorrencia competitiva, malia existir un acordo plenario aprobado por unanimidade para que estas axudas se convocasen antes do 30 de xuño.

A moción, presentada polo PSOE no pleno de novembro de 2025 e apoiada por todos os grupos políticos, buscaba precisamente evitar os continuos atrasos que estaban a prexudicar ás asociacións culturais, deportivas e sociais da Guarda, obrigándoas a desenvolver a súa actividade sen saber se contarían co respaldo económico do Concello.

Asociación Cultural Alfombras da Guarda en Avelino Vicente

"Carrero non só incumpre os compromisos que adquire coa oposición; incumpre tamén os acordos aprobados polo Pleno, que representa a vontade de toda a Corporación", sinala a voceira socialista, Fátima Rodríguez.

O PSOE lembra ademais que a situación é aínda máis grave porque as subvencións correspondentes ao exercicio 2025, convocadas xa con meses de atraso, foron xustificadas polas entidades hai xa varios meses e, a día de hoxe, seguen sen ser abonadas polo Concello. Esta circunstancia está a provocar importantes problemas de liquidez a asociacións que, en moitos casos, tiveron que adiantar recursos propios para desenvolver actividades de interese xeral.

"Estamos falando de colectivos que dinamizan a vida cultural, deportiva e social da Guarda. O Concello esíxelles cumprir prazos e obrigas administrativas, pero logo é o propio goberno municipal o que incumpre sistematicamente cos seus compromisos", denuncia Rodríguez.

Reunion de asociacións para a III Mostra Asociativa

Para os socialistas, esta forma de actuar evidencia "unha absoluta falta de planificación e de respecto polo tecido asociativo". Consideran que Carrero converteu nunha práctica habitual gobernar tarde e mal, trasladando ás asociacións as consecuencias da súa incapacidade para xestionar.

O Grupo Municipal Socialista esixe ao alcalde que publique de maneira inmediata a convocatoria de subvencións de 2026 e que proceda sen máis demora ao pagamento das axudas de 2025 xa xustificadas, evitando que as asociacións da Guarda continúen financiando co seu propio esforzo económico unha ineficacia que é responsabilidade exclusiva do goberno municipal.