Se hoxe a Guarda conta cun moderno edificio para as súas asociacións non é grazas a Roberto Á. Carrero nin ao Partido Popular. É grazas ao compromiso, á visión e ao traballo dos gobernos socialistas, que decidiron recuperar un inmoble que o PP deixara completamente abandonado.
A colocación dunha placa co nome do alcalde Roberto Á. Carrero no antigo colexio Sinde é a mellor mostra dunha forma de facer política á que, por desgraza, xa nos ten acostumados: apropiarse de actuacións que non impulsou, non planificou e para as que non tivo que buscar financiación, intentando borrar da memoria colectiva o traballo realizado durante anos polos gobernos socialistas.
Placa no Antigo Sinde
Cómpre lembrar que durante o último goberno popular, con Celso Rodríguez Fariñas formando parte do executivo, o antigo Sinde foi desaloxado alegando o seu suposto estado ruinoso. As asociacións foron expulsadas e o edificio quedou abandonado durante anos, mentres incluso se estendían rumores sobre unha posible venda do inmoble para intereses privados. Esa era a única proposta do Partido Popular para este espazo: abandonalo, deixalo deteriorarse e desprenderse del.
Foron os gobernos socialistas os que decidiron facer exactamente o contrario. O primeiro foi comprobar, mediante informes técnicos independentes, que o edificio podía recuperarse. Despois chegou o investimento, a rehabilitación progresiva dos espazos, o traslado das asociacións, a creación de aulas de formación e a posta en valor dun inmoble público que hoxe presta un enorme servizo á veciñanza.
Ese traballo non foi froito da casualidade. Foi unha aposta política sostida durante anos. Tanto é así que o goberno socialista deixou redactado o proxecto de rehabilitación integral do bloque agora inaugurado e conseguiu o financiamento da Deputación de Pontevedra para facelo realidade. É dicir, cando Carrero chegou á Alcaldía atopouse un proxecto pensado, redactado e financiado. O único que tivo que facer foi executalo.Antigo Sinde reformado
Desde o Grupo Municipal Socialista alegrámonos de que este espazo estea finalmente ao servizo das asociacións, porque ese foi sempre o noso obxectivo. Pero tamén defendemos que a política debe exercerse con honestidade. Inaugurar unha obra é lexítimo; apropiarse do traballo alleo non o é.
Porque, por moitas placas que se coloquen, hai algo que non se pode cambiar: quen abandonou este edificio foi o Partido Popular, e quen o recuperou para a Guarda foron os gobernos socialistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario