venres, 29 de maio de 2026

O PSOE da Guarda consigue que se amplíe a apertura dos baños públicos do litoral e a instalación dun aseo autolimpable no porto

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentou no pleno de maio unha moción para mellorar os servizos públicos de aseos nas praias e no porto, que foi aprobada por unanimidade.

A iniciativa incluía dúas propostas principais: a instalación dun baño público autolimpable na zona do porto e a ampliación do período de apertura dos baños públicos situados na praia do Muíño e da Area Grande.


Desde o PSOE da Guarda valoran positivamente o apoio unánime da corporación, pero lembran a Roberto A. Carrero que “non abonda con votar a favor; agora hai que cumprir os acordos aprobados polo pleno”.

O grupo socialista advirte ademais de que “o goberno municipal está empezando a acostumarse a apoiar mocións da oposición que logo non executa”, polo que aseguran que estarán “vixiantes para que estas medidas non queden nun simple titular e se convertan nunha realidade para a veciñanza e para as persoas que visitan A Guarda”.


xoves, 14 de maio de 2026

O PSOE da Guarda propón ampliar a apertura dos baños públicos do litoral e instalar un aseo autolimpable no porto.

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentará no próximo pleno unha moción para mellorar os servizos públicos de aseos nas praias e no porto.

A iniciativa inclúe dúas propostas principais: a instalación dun baño público autolimpable na zona do porto e a ampliación do período de apertura dos baños públicos situados na praia do Muíño e da Area Grande.

Baño da praia da Area Grande

Desde o PSOE lembran que A Guarda vive desde hai anos unha notable desestacionalización do turismo vinculada ao incremento de peregrinos e peregrinas do Camiño Portugués da Costa, facendo que exista movemento de visitantes durante boa parte do ano e non unicamente nos meses de verán.

Os/as socialistas sinalan que os baños públicos do Muíño e Area Grande permanecen pechados gran parte do ano pese a atoparse en zonas de paso habitual de persoas que pasean, practican deporte ou realizan o Camiño de Santiago.

Por outra banda, o Grupo Municipal Socialista considera necesaria a instalación dun aseo autolimpable na zona do porto, un espazo cun importante movemento social, turístico e hostaleiro, especialmente durante fins de semana e períodos de maior afluencia.

A proposta inclúe tamén unha petición relativa á apertura dos baños públicos do Muíño e Area Grande entre os meses de marzo a outubro, ademais de estudar fórmulas de mantemento e limpeza que garantan o correcto funcionamento destes servizos.

“Falamos de limpeza e atención á veciñanza, pero tamén de ofrecer unha mellor atención ás persoas que visitan A Guarda ao longo do ano”, sinalan desde o PSOE da Guarda.


luns, 4 de maio de 2026

O PSdeG-PSOE da Guarda pide explicacións pola intención do goberno local de adquirir a casa de Don Eloypor preto de 800.000 euros

O Grupo Municipal Socialista da Guarda manifesta a súa preocupación ante as informacións coñecidas nos últimos días sobre a intención do goberno local de adquirir a coñecida como casa de Don  Eloy por unha cantidade que roldaría os 800.000 euros.

 

Dende o PSdeG-PSOE consideramos que, máis alá do atractivo que pode supoñer a recuperación dun inmoble singular do noso patrimonio, é imprescindible actuar con responsabilidade e transparencia cando se trata de investimentos desta magnitude, especialmente nun concello cunha capacidade económica limitada como é o da Guarda.



 

Á adquisición do inmoble habería que engadir, necesariamente, o elevado custo da súa rehabilitación. Cómpre lembrar que se trata dunha edificación suxeita ás restricións de Patrimonio, o que implica intervencións complexas, custosas e prolongadas no tempo, co obxectivo de conservar fielmente os seus elementos orixinais.

 

Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista xa solicitou unha reunión co equipo de goberno co obxectivo de coñecer de primeira man en que punto se atopa esta operación, cales son os plans previstos para o inmoble e como se pretende financiar tanto a súa adquisición como a súa posterior rehabilitación.

 

Neste sentido, o PSdeG-PSOE pregúntase:

Cal é o proxecto concreto para este inmoble e que uso se lle pretende dar? 

Que retorno real terá para a veciñanza da Guarda? 

 

A día de hoxe, non consta unha planificación clara nin un estudo que xustifique o investimento, nin tampouco se coñece como se financiaría tanto a compra como a rehabilitación.

 

Ademais, resulta chamativo que o Concello xa teña realizado un investimento de arredor de 1.000 euros na redacción dun proxecto para a creación dun parque urbano neste espazo, sen que previamente se teña explicado o conxunto da actuación nin o seu encaixe dentro das prioridades municipais.

 

Dende o PSdeG-PSOE lembramos que o Concello da Guarda xa dispón de dúas casas indianas en propiedade, como é o Centro Cultural e a sede do Concello, polo que resulta aínda máis necesario aclarar que necesidades se pretenden cubrir con esta nova adquisición.

 

Nun contexto no que existen múltiples necesidades urxentes na vila: mantemento de espazos públicos, mellora de servizos básicos ou investimentos en infraestruturas, consideramos imprescindible abrir un debate serio sobre as prioridades reais do municipio.

Por todo isto, instamos ao goberno local a ofrecer explicacións claras, detalladas e públicas sobre esta operación, así como a garantir que calquera decisión deste tipo responda ao interese xeral da veciñanza e a unha planificación rigorosa e sostible no tempo.

 

A cidadanía debe coñecer a que se van a destinar os seus cartos, e sobre todo a non ser vítima da falla de planificación do actual goberno.