luns, 4 de maio de 2026

O PSdeG-PSOE da Guarda pide explicacións pola intención do goberno local de adquirir a casa de Don Eloypor preto de 800.000 euros

O Grupo Municipal Socialista da Guarda manifesta a súa preocupación ante as informacións coñecidas nos últimos días sobre a intención do goberno local de adquirir a coñecida como casa de Don Eloy por unha cantidade que roldaría os 800.000 euros.

 

Dende o PSdeG-PSOE consideramos que, máis alá do atractivo que pode supoñer a recuperación dun inmoble singular do noso patrimonio, é imprescindible actuar con responsabilidade e transparencia cando se trata de investimentos desta magnitude, especialmente nun concello cunha capacidade económica limitada como é o da Guarda.



 

Á adquisición do inmoble habería que engadir, necesariamente, o elevado custo da súa rehabilitación. Cómpre lembrar que se trata dunha edificación suxeita ás restricións de Patrimonio, o que implica intervencións complexas, custosas e prolongadas no tempo, co obxectivo de conservar fielmente os seus elementos orixinais.

 

Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista xa solicitou unha reunión co equipo de goberno co obxectivo de coñecer de primeira man en que punto se atopa esta operación, cales son os plans previstos para o inmoble e como se pretende financiar tanto a súa adquisición como a súa posterior rehabilitación.

 

Neste sentido, o PSdeG-PSOE pregúntase:

Cal é o proxecto concreto para este inmoble e que uso se lle pretende dar? 

Que retorno real terá para a veciñanza da Guarda? 

 

A día de hoxe, non consta unha planificación clara nin un estudo que xustifique o investimento, nin tampouco se coñece como se financiaría tanto a compra como a rehabilitación.

 

Ademais, resulta chamativo que o Concello xa teña realizado un investimento de arredor de 1.000 euros na redacción dun proxecto para a creación dun parque urbano neste espazo, sen que previamente se teña explicado o conxunto da actuación nin o seu encaixe dentro das prioridades municipais.

 

Dende o PSdeG-PSOE lembramos que o Concello da Guarda xa dispón de dúas casas indianas en propiedade, como é o Centro Cultural e a sede do Concello, polo que resulta aínda máis necesario aclarar que necesidades se pretenden cubrir con esta nova adquisición.

 

Nun contexto no que existen múltiples necesidades urxentes na vila: mantemento de espazos públicos, mellora de servizos básicos ou investimentos en infraestruturas, consideramos imprescindible abrir un debate serio sobre as prioridades reais do municipio.

Por todo isto, instamos ao goberno local a ofrecer explicacións claras, detalladas e públicas sobre esta operación, así como a garantir que calquera decisión deste tipo responda ao interese xeral da veciñanza e a unha planificación rigorosa e sostible no tempo.

 

A cidadanía debe coñecer a que se van a destinar os seus cartos, e sobre todo a non ser vítima da falla de planificación do actual goberno.


Ningún comentario:

Publicar un comentario