xoves, 14 de maio de 2026

O PSOE da Guarda propón ampliar a apertura dos baños públicos do litoral e instalar un aseo autolimpable no porto.

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentará no próximo pleno unha moción para mellorar os servizos públicos de aseos nas praias e no porto.

A iniciativa inclúe dúas propostas principais: a instalación dun baño público autolimpable na zona do porto e a ampliación do período de apertura dos baños públicos situados na praia do Muíño e da Area Grande.

Baño da praia da Area Grande

Desde o PSOE lembran que A Guarda vive desde hai anos unha notable desestacionalización do turismo vinculada ao incremento de peregrinos e peregrinas do Camiño Portugués da Costa, facendo que exista movemento de visitantes durante boa parte do ano e non unicamente nos meses de verán.

Os/as socialistas sinalan que os baños públicos do Muíño e Area Grande permanecen pechados gran parte do ano pese a atoparse en zonas de paso habitual de persoas que pasean, practican deporte ou realizan o Camiño de Santiago.

Por outra banda, o Grupo Municipal Socialista considera necesaria a instalación dun aseo autolimpable na zona do porto, un espazo cun importante movemento social, turístico e hostaleiro, especialmente durante fins de semana e períodos de maior afluencia.

A proposta inclúe tamén unha petición relativa á apertura dos baños públicos do Muíño e Area Grande entre os meses de marzo a outubro, ademais de estudar fórmulas de mantemento e limpeza que garantan o correcto funcionamento destes servizos.

“Falamos de limpeza e atención á veciñanza, pero tamén de ofrecer unha mellor atención ás persoas que visitan A Guarda ao longo do ano”, sinalan desde o PSOE da Guarda.


Ningún comentario:

Publicar un comentario