domingo, 18 de outubro de 2026

O PSOE da Guarda toma a iniciativa para impulsar a construción de vivenda publica no municipio

Os/as socialistas propoñen poñer á disposición da Xunta de Galicia unha parcela municipal edificable de 775 metros cadrados na que poderían construírse entre 30 e 40 vivendas públicas.

O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentou unha iniciativa para o seu debate no pleno de novembro coa que pretende dar un primeiro paso para impulsar a construción de vivenda pública no municipio. A proposta consiste en poñer á disposición da Xunta de Galicia unha parcela municipal edificable de 775 metros cadrados, situada no cruce da Avda. Santo Domingo de Guzmán coa rúa Republica Dominicana, na que se estima que poderían construírse entre 30 e 40 vivendas.

A portavoz socialista, Fátima Rodríguez, sinala que “na Guarda hai moitas persoas, especialmente xente nova, que queren quedar, formar aquí a súa familia ou desenvolver o seu proxecto de vida, pero que atopan grandes dificultades para acceder a unha vivenda”.


Fátima Rodríguez diante da parcela pública do Castelo

Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que esta realidade require medidas concretas que permitan ampliar a oferta residencial e facilitar que a veciñanza poida seguir vivindo na Guarda.

A iniciativa propón que o Concello poña este terreo á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Xunta de Galicia, para que estude a posibilidade de desenvolver nel unha promoción de vivenda pública.

A lexislación galega contempla a cesión de solo municipal ao IGVS para a promoción de vivendas protexidas de promoción pública, polo que a proposta se enmarca nos mecanismos de colaboración previstos entre administracións.

A portavoz socialista destaca que o acceso á vivenda será unha das prioridades do seu proxecto para A Guarda e defende a necesidade de impulsar medidas concretas desde xa.

“Sabemos que o problema da vivenda non se resolve dun día para outro, pero iso non pode ser unha escusa para non actuar. Os concellos tamén temos que implicarnos e propoñer solucións”, afirma.

As vivendas de promoción pública poden destinarse tanto á venda como ao alugueiro, baixo as condicións e requisitos establecidos na normativa autonómica. A modalidade concreta determinaríase nunha fase posterior, en función das características da promoción e das decisións da administración competente. “O importante agora é dar o primeiro paso e aproveitar este terreo municipal para facilitar que máis persoas e familias poidan acceder a un fogar na Guarda”, engade Rodríguez.

Os/as Socialistas da Guarda agardan que esta iniciativa conte co apoio da Corporación municipal e permita abrir unha vía de colaboración coa Xunta de Galicia para avanzar na construción de vivenda pública no municipio.