O Grupo Municipal Socialista da Guarda denuncia o novo incumprimento do alcalde, Roberto Carrero, despois de que transcorrido xa o primeiro semestre de 2026 o Concello continúe sen publicar a convocatoria anual das subvencións municipais por concorrencia competitiva, malia existir un acordo plenario aprobado por unanimidade para que estas axudas se convocasen antes do 30 de xuño.
A moción, presentada polo PSOE no pleno de novembro de 2025 e apoiada por todos os grupos políticos, buscaba precisamente evitar os continuos atrasos que estaban a prexudicar ás asociacións culturais, deportivas e sociais da Guarda, obrigándoas a desenvolver a súa actividade sen saber se contarían co respaldo económico do Concello.
Asociación Cultural Alfombras da Guarda en Avelino Vicente
"Carrero non só incumpre os compromisos que adquire coa oposición; incumpre tamén os acordos aprobados polo Pleno, que representa a vontade de toda a Corporación", sinala a voceira socialista, Fátima Rodríguez.
O PSOE lembra ademais que a situación é aínda máis grave porque as subvencións correspondentes ao exercicio 2025, convocadas xa con meses de atraso, foron xustificadas polas entidades hai xa varios meses e, a día de hoxe, seguen sen ser abonadas polo Concello. Esta circunstancia está a provocar importantes problemas de liquidez a asociacións que, en moitos casos, tiveron que adiantar recursos propios para desenvolver actividades de interese xeral.
"Estamos falando de colectivos que dinamizan a vida cultural, deportiva e social da Guarda. O Concello esíxelles cumprir prazos e obrigas administrativas, pero logo é o propio goberno municipal o que incumpre sistematicamente cos seus compromisos", denuncia Rodríguez.
Reunion de asociacións para a III Mostra Asociativa
Para os socialistas, esta forma de actuar evidencia "unha absoluta falta de planificación e de respecto polo tecido asociativo". Consideran que Carrero converteu nunha práctica habitual gobernar tarde e mal, trasladando ás asociacións as consecuencias da súa incapacidade para xestionar.
O Grupo Municipal Socialista esixe ao alcalde que publique de maneira inmediata a convocatoria de subvencións de 2026 e que proceda sen máis demora ao pagamento das axudas de 2025 xa xustificadas, evitando que as asociacións da Guarda continúen financiando co seu propio esforzo económico unha ineficacia que é responsabilidade exclusiva do goberno municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario