martes, 24 de novembro de 2026

O PSDeG-PSOE da Guarda agradece a multitudinaria participación veciñal no seu tradicional Magosto Socialista

 A celebración, que serviu tamén para a presentación de Fátima Rodríguez como candidata socialista á Alcaldía da Guarda, reuniu a numerosos veciños e veciñas nunha xornada marcada pola ilusión, a convivencia e o compromiso co futuro do municipio.

O PSdeG-PSOE da Guarda quere expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as persoas que participaron este pasado domingo no tradicional Magosto Socialista, unha celebración que contou cunha extraordinaria acollida por parte da veciñanza e que se converteu nunha xornada especialmente emotiva para a agrupación local.

O encontro, que reuniu a numerosos guardeses e guardesas de todas as idades, combinou o ambiente festivo propio desta celebración con un dos momentos máis significativos da xornada: a presentación pública de Fátima Rodríguez como candidata socialista á Alcaldía da Guarda para as eleccións municipais de 2027.

Durante a súa intervención, Rodríguez agradeceu a confianza depositada nela pola agrupación socialista, que a elixiu por unanimidade para encabezar a candidatura, e manifestou a ilusión e a responsabilidade coa que afronta esta nova etapa.

A candidata reivindicou a súa experiencia profesional e política, a súa capacidade de traballo e o compromiso que mantén coa Guarda desde a súa incorporación á política municipal en 2019. Así mesmo, puxo en valor o labor desenvolvido polo Grupo Municipal Socialista durante os últimos anos, destacando unha oposición baseada non só na fiscalización da acción de goberno, senón tamén na presentación de propostas e na procura de solucións para a veciñanza.

Rodríguez aproveitou tamén a ocasión para compartir algunhas das principais liñas estratéxicas do proxecto que pretende impulsar para A Guarda, centradas en tres grandes prioridades: facilitar o acceso á vivenda e favorecer a fixación de poboación, mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza e promover o desenvolvemento económico local e a creación de oportunidades.

A candidata destacou igualmente a importancia do equipo que se está conformando para esta nova etapa, integrado por persoas con diferentes perfís e experiencias, pero cun obxectivo común: traballar para mellorar o presente e o futuro da Guarda.

Na súa intervención, Rodríguez deixou tamén unha reflexión sobre a súa maneira de entender a política: “Para min o éxito en política non sería chegar á Alcaldía. O éxito sería conseguir que, despois de pasar por ela, A Guarda estivese moito mellor”.