mércores, 16 de febreiro de 2022

Leticia Gallego urxe á Xunta a arranxar o problema de transporte entre A Guarda e Caminha para dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa

 Censura o “importante quebranto e confusión” que supón a inactividade da liña do ferri que une os dous concellos e denuncia a proliferación de “publicacións contraditorias” que “formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial”

A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe A Guarda, xunto ao seu a alcalde, Antonio Lomba, para presentar unha batería de iniciativas para urxir á Xunta a resolver o problema de transporte entre o concello guardés e o municipio portugués de Caminha co principal obxectivo de dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no seu paso polo esteiro do Miño.

Concellei@s do GMS con Leticia Gallego

“O transbordador que une as dúas beiras do río atópase inactivo e isto impide a peregrinas e peregrinos cruzar o esteiro en transporte regular”, alertou a socialista, quen incidiu no “importante quebranto e confusión” que isto supón, ao que se suma a “desinformación” e as “publicacións contraditorias” sobre a ruta Xacobea.

Ao fío disto, Gallego lamentou que, “malia que a web oficial do Camiño de Santiago sinala que o Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira de A Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura, varias organizacións e entidades portuguesas formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial, recoñecida e promovida pola Xunta”.

Así, destacou, “algunhas publicacións indícanlles ás peregrinas e peregrinos que percorran case 30 quilómetros máis para cruzar o río a través da ponte que une Vilanova de Cerveira e Tomiño para logo chegar ata A Guarda, e noutras mesmo propoñen continuar o itinerario ata Valença do Minho para enlazar dende alí co Camiño Portugués, o cal é moito máis grave xa que anula o percorrido pola costa atlántica galega que transcorre polos municipios de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán”.

“Cómpre buscar unha solución a curto prazo para arranxar esta problemática no transporte de pasaxeiros e pasaxeiras entre ambos municipios, polo que pedimos á Xunta que se reúna cos alcaldes afectados para que poidan trasladarlles de primeira man a problemática que están a vivir”, subliñou a responsable socialista.

Por último, Gallego pediu ao goberno galego que “se manifeste e tome medidas” en relación ás publicacións que difunden itinerarios “non oficiais” sobre o Camiño Portugués da Costa, xa que isto “implica un enorme prexuízo” para a ruta Xacobea e, nomeadamente, para os municipios do Baixo Miño polos que transcorre.

Enlace a iniciativa parlamentaria




domingo, 14 de novembro de 2021

E falso que os populares da Guarda conseguiran a substitución da carpintería exterior do CEIP A Sangriña

Tamén é falso que conseguiran, como se anunciou fai uns días, o Centro Integrado de Saúde (CIS) para A Guarda.

A Guarda 13 de novembro de 2021. Dende o equipo de goberno no se pretende crear polémica nin descualificar a ninguén, como ven facendo o portavoz local do partido popular. Creemos que non é necesario embarrar o escenario político local como está facendo Roberto Carrero coa axuda da Xunta de Galicia no que parece unha precampaña electoral para as municipais, a pesar de que estamos a ano e medio das próximas eleccións. Defendemos unha política constructiva, en positivo, na que as enerxías se gasten en facer cousas para os veciños e veciñas.


Neste caso simplemente queremos informar á cidadanía da Guarda da realidade sobre as dúas noticias que referimos no encabezamento desta nota e que puidemos leer nos últimos días nos medios de comunicación. En ambas o PP da Guarda atribúese logros que non lles corresponden.

Respecto da carpintería exterior do CEIP A Sangriña, aclarar, en primeiro lugar, que é unha obriga da consellería de Educación facer as obras estruturais necesarias para manter os centros de ensino en perfecto estado. Esa carpintería xa se tiña que haber cambiado fai anos cando llo demandaron dende a dirección do centro. Dende entón solicitouse a delegación provincial de educación o cambio da carpintería moitas veces. Ademais das distintas direccións do centro, pedíronllo as ANPAS, o alcalde da Guarda, responsables de educación municipais e polo visto tamén o partido popular fixo xestións. Haberá pois que atribuír a tenacidade e preseveranza de todos e todas que por fin se cambien as ventás do centro. Por certo este anuncio do cambio de ventás non é novidade, xa se coñecía dende mediados de 2020. Se temos algo que criticar neste caso é a falta de respecto institucional do delegado na maneira de anuncialo. Sr. Cesar Pérez, dicímosllo con todo o cariño, está moi feo e resulta pouco elegante anuncialo (ou permitir que se anuncie) como se fora un logro do PP local. 

Algo parecido sucedeu fai uns días co anuncio do Centro integrado de Saúde da Guarda. Neste caso xa manifestamos a nosa sorpresa pola significación que ten este anuncio en canto a que é un recoñecemento por parte da Xunta de Galicia de que a situación da Atención Primaria na Guarda está mal e ten moito que mellorar. Iso si, o prioritario a día de hoxe segue sendo a dotación de persoal á atención primaria. Non tería ningún sentido unha mellora das infraestruturas sanitarias se non mellora o servizo. 

Neste senso, en vista das noticias que aparecían nos medios, o alcalde declarou: “xa me puxen en contacto co conselleiro de sanidade, en primeiro lugar para expresarlle a miña desconformidade pola maneira de anunciar o CIS, e para dicirlle que deberían ter máis respecto institucional, este tipo de anuncios non se fan aos partidos políticos fanse aos responsables dos gobernos municipais ou ao propio sector, e en segundo lugar para poñer unha reunión de traballo e ofrecer toda a colaboración do concello para empezar a traballar neste proxecto”.

O conselleiro trasladou ao alcalde que este CIS estaba incluído no “Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria” da Xunta de Galicia, na que se prevé a posta en marcha de outros moitos centros de saúde por toda Galicia. Por certo, un plan feito con criterios técnicos e asistenciais, segundo palabras da propia Xunta. Nada que ver con que o conseguiron os populares da Guarda. Neste caso hai demandas de mellora do Centro de Saúde do persoal sanitario, de partidos políticos que levaron a situación do centro de saúde ao parlamento, do equipo de goberno, dalgún particular que recolleu máis de 3.000 sinaturas no seu momento e ata das plataformas pola mellora da atención primaria.

Creemos que a cidadanía da Guarda debe estar informada, isto é parte da obriga dun equipo de goberno e así o seguiremos facendo as veces que faga falta.


venres, 16 de xullo de 2021

O pleno sobre o acceso sur do porto da Guarda evidencia o descoñecemento do BNG sobre o proxecto e a súa tramitación

A Guarda a 15 de xullo de 2021. Na mañá de hoxe celebrouse un pleno extraordinario no concello da Guarda para debater unha moción sobre o acceso sur ao porto da Guarda cunha actuación moi desafortunada por parte do BNG que evidenciou a súa falta de coñecemento sobre o proxecto e a súa tramitación. Se foi inconsistente e falta de argumentos a exposición da moción aínda foi peor a réplica.


Para entender a situación actual do proxecto hai que dicir que para esta actuación, nun primeiro momento, contempláronse tres alternativas de trazado posibles e que o proxecto redactouse tomando como referencia a alternativa 2

A alternativa de trazado 2, pola que se inclinaron dende o principio concello e deputación é a mellor valorada polos proxectistas nun análise multicriterio, ponderando, entre outros factores, o trazado, a funcionalidade e permeabilidade, a afección ao medio humano, o impacto medioambiental e o presuposto. Esta  alternativa, que discorre a media ladeira, é compartida polo grupo socialista xa que non produce afección sobre os terreos das vivendas construídas, nin sobre o litoral e sobre todo porque permitirá manter como principal uso da senda litoral o peonil e ciclista, reducindo o tráfico de coches.

O apartado resolutivo da moción presentada para pleno evidencia que o BNG non entende moi ben os procedementos. Propón iniciar inmediatamente os trámites para conseguir as autorizacións para o trazado 3. Aínda non se decataron, despois de anos no concello, que para pedir autorizacións hai que ter redactado un proxecto e, nestes momentos, o único proxecto redactado que hai é o do trazado 2.

O proxecto do acceso sur do porto da Guarda foi redactado pola Deputación, a solicitude do alcalde, Antonio Lomba, no ano 2018. A propia administración provincial está a facerse cargo da tramitación diante dos diferentes organismos para a obtención dos informes sectoriais necesarios para poder executar a obra, como a Dirección Xeral de Patrimoio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, entre outros.. 

Neste ano 2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable ao proxecto sen dar a posibilidade aos proxectistas e aos técnicos da Deputación a defender as solucións adoptadas. En vista deste informe mantívose unha reunión entre responsables de patrimonio, técnicos da deputación e o alcalde da Guarda para poñer sobre a mesa as cuestións que tiña que abordar e modificar o proxecto para poder obter un informe favorable.

Na actualidade o equipo redactor do documento está traballando coas suxestións feitas dende patrimonio para mellorar o proxecto dende o punto de vista de impacto na paisaxe cultural, para poder así conseguir o visto bo de patrimonio e continuar co procedemento. Hai que conseguir o informe favorable para este trazado porque isto supón axilizar a tramitación, dado que xa conta cos demais informes sectoriais a favor. Se houbera que cambiar o trazado habería que redactar outro proxecto e empezar a tramitación dende o principio o que implicaría tirar un proceso de anos ao lixo. De novo o BNG non se decata de que defender a alternativa 2 é viable, é máis rápido e resulta máis razoable que empezar a redactar un proxecto de novo.

O BNG non estudou nin coñece o proxecto do acceso sur do porto da Guarda. Polas afirmacións que fixeron no pleno non se decataron de que a nova estrada non leva carril bici, o proxecto redactado contempla unha senda peonil de grava de 2,5 m. Eles din que a alternativa 3 é máis viable cando a deputación e os propios proxectistas, din que é a alternativa 2, igual saben eles máis que os propios técnicos. A alternativa 3 é 450.000 € máis barata pero para executala hai que demoler 600 metros de senda litoral que teñen un valor superior a ese, o que aforramos por un lado tirámolo por outro. Menten cando din que a súa opción é a máis rápida. Empezar de novo o proxecto sería a peor solución de todas porque dilataría a tramitación un mínimo de 3 anos. Para o grupo socialista este sería o último recurso, primeiro hai que intentar convencer a patrimonio de que a alternativa 2 pode ser viable.

Para o grupo socialista o acceso sur do porto da Guarda é unha obra prioritaria. É fundamental para que, xunto con outras actuacións, se reactive o noso porto. Tamén é moi importante para eliminar tránsito de vehículos polas rúas do centro da vila e poder ter así unhas rúas máis humanizadas, ofrecendo a vez un bo acceso rodado á principal zona de restauración da localidade. O que necesitamos é que a Xunta de Galicia se implique tamén neste proxecto, non pode deixar de lado unha infraestrutura da que depende o futuro do porto da Guarda.


luns, 5 de xullo de 2021

O Partido Popular da Guarda incita ao goberno local a icumprir a lei de contratos.

 O portavoz do Partido Popular da Guarda, Roberto Carrero, insinúa que o equipo de goberno debería incumplir a lei de contratos para beneficiar a unha empresa da localidade.

Descoñecemos se é por ignorancia demagoxia ou hipocrisía que o portavoz do Partido Popular da Guarda lamenta que se cumpra de forma estrita o procedemento de adxudicación na licitación do campamento urbano da Guarda. Procedemento guiado e fiscalizado en todo momento polos servizos técnicos do concello e que rematou coa adxudicación do contrato á empresa que fixo a mellor oferta.

Nada nos houbera gustado máis ao equipo de goberno que unha empresa local se quedara con esta licitación, pero, por desgracia, nin sequera había ningunha que participara no concurso. Esperamos que por parte da empresa adxudicataria contrate a persoas da localidade, dado que temos persoas moi competentes e acreditadas para traballar neste ámbito.

Sr. Carrero, non se pode adxudicar a dedo un contrato de servizos que sae a licitación por 48.884 €, tampouco se podería se este contrato saíra por un ano, xa que o seu custo sería de 24.442 €. Por se vostede non o sabe o importe dun contrato menor de servizos para poder ser adxudicado mediante unha adxudicación directa é de 15.000 € + IVA, o que fan 18.150 €. Tamén lle informo que para que esa adxudicación sexa correcta débense presentar tres orzamentos. Non confunda a poboación nin incite ao equipo de goberno a incumprir a lei de contratos.

Mire Sr. Roberto Carrero, este ano presumindo que moitas familias podían ter máis necesidade de conciliación da vida familiar e laboral por motivo da pandemia da COVID-19 o equipo de goberno do concello da Guarda decidiu facer un esforzo no campamento de verán, e como vostede debería saber aumentou o número máximo de participantes a 60. Seguro que vostede o ignoraba, porque entón non lle preocupaba, pero no último campamento do 2019 o número máximo de participantes era de 40. Por este motivo o campamento é mais custoso que anos atrás e non se pode facer unha adxudicación directa. 

Non sexa mentireiro dicindo que preferimos adxudicar a empresas de fora os traballos do concello, non intente facernos parecer tan parvos a nós e manipulable ao resto da poboación, supoño que ninguén con un pouco de sentidiño se lle ocorrerá sequera pensalo.

Vostede xa está en campaña e parece que o único que quere é embarrar o escenario político con falsedades para conseguir un puñado de votos. Que lle pasa? Non consigue facer oposición a nosa xestión simplemente contando a verdade ou facendo propostas? ten que desacreditarnos con mentiras?  Nunca escoitou falar da política en positivo?  Espero que os nosos veciños e veciñas respondan as súas descalificacións persoais aos responsables municipais coa indiferencia que se merece.

Por certo, dicirlle tamén, que a Xunta do Sr. Feijoo non lle concedeu A Guarda a subvención para estes campamentos e, polo tanto, teñen que financiarse con fondos propios do concello. Por isto si que podería vostede protestar.


martes, 16 de marzo de 2021

O grupo Socialista lamenta o veto da Xunta á construción do Acceso Sur ao Porto da Guarda

Leticia Gallego critica o “agravio” do goberno galego cos concellos doutra cor política trala confirmación por parte de Portos de Galicia da súa negativa a un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio

Os socialistas da Guarda mostramos a nosa indignación polo abandono ao que nos ten sometido a Xunta de Galicia. A Guarda necesita desta infraestrutura para o seu desenvolvemento e mellora da súa calidade de vida. Feijoo está mostrando unha falta total de sensibilidade cos problemas da nosa localidade


Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021. A deputada socialista por Pontevedra, Leticia Gallego, vén de lamentar o veto da Xunta de Galicia á construción do acceso sur ao Porto da Guarda. Fíxoo, hoxe, trala presentación dunha pregunta á presidenta de Portos de Galicia, quen confirmou que o goberno galego non desenvolverá un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio.

Gallego criticou o “agravio” do goberno galego cos municipios doutra cor política ao paralizar o desenvolvemento de diferentes infraestruturas, como é o caso do acceso sur ao Porto da Guarda. “Que non se realice este proxecto a quen prexudica é, principalmente, aos mariñeiros, as redeiras e á veciñanza da Guarda”, sentenciou a socialista.

A Guarda ten un porto pesqueiro que, na actualidade, carece dunha vía de comunicación aceptable coa estrada PO-552”, sinalou a socialista, quen incidiu en que “isto dificulta moito o tráfico de vehículos, especialmente, os pesados”.

Así, lembrou que a necesidade de mellorar a comunicación do porto “xa vén de vello”, xa que o PXOM de 1993 “contemplaba un novo acceso ao Porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro” cando, “ademais da pesca e do traballo das redeiras, existen outras actividades importantes para o tecido económico da vila”.

De feito, a socialista destacou que o proxecto ten o aval de diversas asociacións guardesas como ORPAGU, Piueiro, Alagua ou a Confraría de Pescadores, ademais de que conta co impulso do propio Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra.

Gallego sinalou que o custe da infraestrutura, que suporía un investimento aproximado de 2,4 millóns de euros, “debe ser asumido conxuntamente” pola administración municipal e pola Xunta de Galicia. Ademais, incidiu na “necesaria colaboración da administración autonómica” cando a obra precisa un declaración de interese supramunicipal por non estar prevista no PXOM.

Por último, a responsable socialista subliñou a importancia desta infraestrutura, tendo en conta que “a actividade pesqueira e marisqueira na Guarda non vai ir a menos”, senón que “a previsión é que no futuro aumente a actividade económica do porto dado as grandes posibilidades que ofrece tanto a nivel comercial como turístico”.



sábado, 13 de marzo de 2021

O PsdeG-PSOE da Guarda levará a pleno a gratuidade dos peaxes de Puxeiros na AP-9 e a AG-57 do Val Miñor.

A Guarda 12 de marzo de 2020. A executiva do PSDeG-PSOE da Guarda presentou esta mañá no concello unha moción sobre a gratuidade da AG-57 e o tramo da AP-9 entre Tui e Puxeiros, para mellorar as comunicacións da vila coa súa cidade de referencia, Vigo.

A Secretaria Xeral da agrupación guardesa, Montserrat Magallanes explicou que “na moción solicitamos a gratuidade das dúas peaxes que nos permiten chegar con maior premura a Vigo, a do tramo da AP-9 de Tui a Puxeiros e a AG-57 do Val Miñor, asi como a finalización, dunha vez por todas, da VAC entre A Guarda e Tui”

Os socialistas esixen a gratuidade do tramo da AP-9 Tui – Vigo “xa que por traballo, estudos ou calquera outra necesidade, moita xente recorre a el para chegar antes, debido tamén a falta de seguridade no tramo gratuíto que discorre en paralelo. Este tramo da AP-9, do que esiximos a gratuidade, é o terceiro máis caro en €/km percorrido.”

Por outra banda, no caso da AG-57, que pasa polo Val Miñor “é unha vía de referencia para chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro, nun tempo razoable e de forma segura, polo que entendemos que tamén debería ser gratuíto.”

Por último, a moción tamén volve recoller a finalización, sen máis atrasos, por parte da Xunta de Galicia da Via de Alta Capacidade entre A Guarda e Tui, “unha demanda histórica da nosa agrupación, como pilar do desenvolvemento social e económico da nosa vila e contorna. Levamos máis de dez anos reclamándolle á Xunta de Nuñez Feijoo que remate dunha vez esta infraestrutura”

Enlace a moción


xoves, 18 de febreiro de 2021

Os socialistas demándanlle a Xunta o Acceso Sur ao Porto da Guarda

A instancia do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o Grupo Parlamentario Socialista presenta unha proposición non de lei esixir a Xunta a execución do acceso sur ao Porto da Guarda

A Guarda 18 de febreiro de 2021. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibe na zona portuaria da localidade a deputada Leticia Gallego, para anunciar a presentación da iniciativa parlamentaria que vai a defender a construción dunha infraestrutura fundamental para o futuro da vila e do seu porto, un novo acceso sur ao porto da Guarda.


A necesidade de mellorar a comunicación do porto xa ven de vello. No ano 1993 o PXOM xa contemplaba un novo acceso ao porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro, ao ser este, un dos motores económicos da localidade.

A rúa Concepción Arenal foi construída como principal acceso ao porto a mediados do século XX. O crecemento urbanístico arredor desta rúa converteu este acceso nunha vía urbana. Así o PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) da Guarda, redactado en 2017, recomendaba unha intervención na rúa Concepción Arenal orientada a un modelo de mobilidade sostible e segura, e vinculaba esta actuación coa execución dun novo acceso ao porto da Guarda. No plan ambas actuacións considéranse chaves para un cambio de modelo urbano. No mesmo ano 2017 o alcalde da Guarda solicita a redacción do proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda á Deputación de Pontevedra e no 2018 comezan as obras de humanización de Concepción Arenal.

No ano 2018 a Deputación de Pontevedra redacta o proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda e da comezo a súa tramitación para obter os informes sectoriais necesarios para a súa execución.

Dende 2017, Antonio Lomba ten mantido distintas reunións con responsables da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Consellería de Pesca e de Portos de Galicia para pedir apoio e financiamento para esta infraestrutura, buscando conseguir un compromiso firme dos responsables da Xunta de Galicia. 

Cabe destacar que en 2019 xurde na Guarda un movemento civil apoiado polas asociacións empresariais, culturais, deportivas e sociais, e polo propio concello, que ten como obxectivo potenciar o uso do porto, tanto para actividades profesionais como naútico deportivas, para que actúe como motor económico na localidade. As reclamacións do colectivo pretenden conseguir que se poida usar o porto durante todo o ano de forma segura e dotalo de servizos, infraestruturas de atraque e, por suposto, dun novo acceso para calquera tipo de vehículo, sobre todo vehículos pesados. Este colectivo, encabezado polo alcalde, xa lle trasladou as súas demandas á Conselleira de Pesca e a Presidenta de Portos de Galicia.

O alcalde da Guarda considera esta infraestrutura vital para o futuro da localidade e por iso non escatimará esforzos para conseguir que esta demanda, que conta co apoio de toda a sociedade guardesa, chegue a bo porto.