A Guarda 12 de marzo de 2020. A executiva do PSDeG-PSOE da Guarda presentou esta mañá no concello unha moción sobre a gratuidade da AG-57 e o tramo da AP-9 entre Tui e Puxeiros, para mellorar as comunicacións da vila coa súa cidade de referencia, Vigo.
A Secretaria Xeral da agrupación guardesa, Montserrat Magallanes explicou que “na moción solicitamos a gratuidade das dúas peaxes que nos permiten chegar con maior premura a Vigo, a do tramo da AP-9 de Tui a Puxeiros e a AG-57 do Val Miñor, asi como a finalización, dunha vez por todas, da VAC entre A Guarda e Tui”
Os socialistas esixen a gratuidade do tramo da AP-9 Tui – Vigo “xa que por traballo, estudos ou calquera outra necesidade, moita xente recorre a el para chegar antes, debido tamén a falta de seguridade no tramo gratuíto que discorre en paralelo. Este tramo da AP-9, do que esiximos a gratuidade, é o terceiro máis caro en €/km percorrido.”
Por outra banda, no caso da AG-57, que pasa polo Val Miñor “é unha vía de referencia para chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro, nun tempo razoable e de forma segura, polo que entendemos que tamén debería ser gratuíto.”
Por último, a moción tamén volve recoller a finalización, sen máis atrasos, por parte da Xunta de Galicia da Via de Alta Capacidade entre A Guarda e Tui, “unha demanda histórica da nosa agrupación, como pilar do desenvolvemento social e económico da nosa vila e contorna. Levamos máis de dez anos reclamándolle á Xunta de Nuñez Feijoo que remate dunha vez esta infraestrutura”
Ningún comentario:
Publicar un comentario