luns, 5 de xullo de 2021

O Partido Popular da Guarda incita ao goberno local a icumprir a lei de contratos.

 O portavoz do Partido Popular da Guarda, Roberto Carrero, insinúa que o equipo de goberno debería incumplir a lei de contratos para beneficiar a unha empresa da localidade.

Descoñecemos se é por ignorancia demagoxia ou hipocrisía que o portavoz do Partido Popular da Guarda lamenta que se cumpra de forma estrita o procedemento de adxudicación na licitación do campamento urbano da Guarda. Procedemento guiado e fiscalizado en todo momento polos servizos técnicos do concello e que rematou coa adxudicación do contrato á empresa que fixo a mellor oferta.

Nada nos houbera gustado máis ao equipo de goberno que unha empresa local se quedara con esta licitación, pero, por desgracia, nin sequera había ningunha que participara no concurso. Esperamos que por parte da empresa adxudicataria contrate a persoas da localidade, dado que temos persoas moi competentes e acreditadas para traballar neste ámbito.

Sr. Carrero, non se pode adxudicar a dedo un contrato de servizos que sae a licitación por 48.884 €, tampouco se podería se este contrato saíra por un ano, xa que o seu custo sería de 24.442 €. Por se vostede non o sabe o importe dun contrato menor de servizos para poder ser adxudicado mediante unha adxudicación directa é de 15.000 € + IVA, o que fan 18.150 €. Tamén lle informo que para que esa adxudicación sexa correcta débense presentar tres orzamentos. Non confunda a poboación nin incite ao equipo de goberno a incumprir a lei de contratos.

Mire Sr. Roberto Carrero, este ano presumindo que moitas familias podían ter máis necesidade de conciliación da vida familiar e laboral por motivo da pandemia da COVID-19 o equipo de goberno do concello da Guarda decidiu facer un esforzo no campamento de verán, e como vostede debería saber aumentou o número máximo de participantes a 60. Seguro que vostede o ignoraba, porque entón non lle preocupaba, pero no último campamento do 2019 o número máximo de participantes era de 40. Por este motivo o campamento é mais custoso que anos atrás e non se pode facer unha adxudicación directa. 

Non sexa mentireiro dicindo que preferimos adxudicar a empresas de fora os traballos do concello, non intente facernos parecer tan parvos a nós e manipulable ao resto da poboación, supoño que ninguén con un pouco de sentidiño se lle ocorrerá sequera pensalo.

Vostede xa está en campaña e parece que o único que quere é embarrar o escenario político con falsedades para conseguir un puñado de votos. Que lle pasa? Non consigue facer oposición a nosa xestión simplemente contando a verdade ou facendo propostas? ten que desacreditarnos con mentiras?  Nunca escoitou falar da política en positivo?  Espero que os nosos veciños e veciñas respondan as súas descalificacións persoais aos responsables municipais coa indiferencia que se merece.

Por certo, dicirlle tamén, que a Xunta do Sr. Feijoo non lle concedeu A Guarda a subvención para estes campamentos e, polo tanto, teñen que financiarse con fondos propios do concello. Por isto si que podería vostede protestar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario