A Guarda a 15 de xullo de 2021. Na mañá de hoxe celebrouse un pleno extraordinario no concello da Guarda para debater unha moción sobre o acceso sur ao porto da Guarda cunha actuación moi desafortunada por parte do BNG que evidenciou a súa falta de coñecemento sobre o proxecto e a súa tramitación. Se foi inconsistente e falta de argumentos a exposición da moción aínda foi peor a réplica.
Para entender a situación actual do proxecto hai que dicir que para esta actuación, nun primeiro momento, contempláronse tres alternativas de trazado posibles e que o proxecto redactouse tomando como referencia a alternativa 2
A alternativa de trazado 2, pola que se inclinaron dende o principio concello e deputación é a mellor valorada polos proxectistas nun análise multicriterio, ponderando, entre outros factores, o trazado, a funcionalidade e permeabilidade, a afección ao medio humano, o impacto medioambiental e o presuposto. Esta alternativa, que discorre a media ladeira, é compartida polo grupo socialista xa que non produce afección sobre os terreos das vivendas construídas, nin sobre o litoral e sobre todo porque permitirá manter como principal uso da senda litoral o peonil e ciclista, reducindo o tráfico de coches.
O apartado resolutivo da moción presentada para pleno evidencia que o BNG non entende moi ben os procedementos. Propón iniciar inmediatamente os trámites para conseguir as autorizacións para o trazado 3. Aínda non se decataron, despois de anos no concello, que para pedir autorizacións hai que ter redactado un proxecto e, nestes momentos, o único proxecto redactado que hai é o do trazado 2.
O proxecto do acceso sur do porto da Guarda foi redactado pola Deputación, a solicitude do alcalde, Antonio Lomba, no ano 2018. A propia administración provincial está a facerse cargo da tramitación diante dos diferentes organismos para a obtención dos informes sectoriais necesarios para poder executar a obra, como a Dirección Xeral de Patrimoio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, entre outros..
Neste ano 2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable ao proxecto sen dar a posibilidade aos proxectistas e aos técnicos da Deputación a defender as solucións adoptadas. En vista deste informe mantívose unha reunión entre responsables de patrimonio, técnicos da deputación e o alcalde da Guarda para poñer sobre a mesa as cuestións que tiña que abordar e modificar o proxecto para poder obter un informe favorable.
Na actualidade o equipo redactor do documento está traballando coas suxestións feitas dende patrimonio para mellorar o proxecto dende o punto de vista de impacto na paisaxe cultural, para poder así conseguir o visto bo de patrimonio e continuar co procedemento. Hai que conseguir o informe favorable para este trazado porque isto supón axilizar a tramitación, dado que xa conta cos demais informes sectoriais a favor. Se houbera que cambiar o trazado habería que redactar outro proxecto e empezar a tramitación dende o principio o que implicaría tirar un proceso de anos ao lixo. De novo o BNG non se decata de que defender a alternativa 2 é viable, é máis rápido e resulta máis razoable que empezar a redactar un proxecto de novo.
O BNG non estudou nin coñece o proxecto do acceso sur do porto da Guarda. Polas afirmacións que fixeron no pleno non se decataron de que a nova estrada non leva carril bici, o proxecto redactado contempla unha senda peonil de grava de 2,5 m. Eles din que a alternativa 3 é máis viable cando a deputación e os propios proxectistas, din que é a alternativa 2, igual saben eles máis que os propios técnicos. A alternativa 3 é 450.000 € máis barata pero para executala hai que demoler 600 metros de senda litoral que teñen un valor superior a ese, o que aforramos por un lado tirámolo por outro. Menten cando din que a súa opción é a máis rápida. Empezar de novo o proxecto sería a peor solución de todas porque dilataría a tramitación un mínimo de 3 anos. Para o grupo socialista este sería o último recurso, primeiro hai que intentar convencer a patrimonio de que a alternativa 2 pode ser viable.
Para o grupo socialista o acceso sur do porto da Guarda é unha obra prioritaria. É fundamental para que, xunto con outras actuacións, se reactive o noso porto. Tamén é moi importante para eliminar tránsito de vehículos polas rúas do centro da vila e poder ter así unhas rúas máis humanizadas, ofrecendo a vez un bo acceso rodado á principal zona de restauración da localidade. O que necesitamos é que a Xunta de Galicia se implique tamén neste proxecto, non pode deixar de lado unha infraestrutura da que depende o futuro do porto da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario