Amosando publicacións coa etiqueta ferri. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ferri. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de abril de 2024

Roberto A. Carrero, un alcalde ausente que non fai o traballo que se espera del

Ante dúas cuestións lanzadas pola portavoz do Grupo Municipal Socialista durante o punto de Rogos e Preguntas do último pleno, o Alcalde evadiu de xeito directo a súa responsabilidade como rexidor e demostrou o pouco que lle importan o noso pobo e a súa cidadanía.

Unha das cuestións estaba relacionada co ferri. Pedimos información sobre cando íamos a ter de novo conexión con Caminha, e que pasaba co pantalán de atraque que aínda non chegou a instalarse, cando el mesmo nos asegurou nunha reunión mantida con nós en novembro de 2023, que o pantalán estaría instalado nunhas semanas.

Rampa do Ferry - Alto non pasar
A outra cuestión estaba relacionada coa Estación Marítima da Pasaxe. Queremos recordar que a Estación Marítima é un edificio que pertence a Portos de Galicia e que inicialmente estaba cedido ao Concello da Guarda ata xuño de 2029.

O anterior equipo de goberno sacou a última licitación para a explotación da cafetería da Estación Marítima en marzo de 2022, e á mesma presentáranse dúas empresas locais interesadas, pero pouco despois de saír a licitación, Portos de Galicia decidiu rescindir a concesión alegando cuestións normativas, e tivo que paralizarse o proceso posto que o edificio deixaba de estar cedido ao Concello.

Un ano despois do cese da concesión, durante unha visita á Guarda da Responsable de Portos de Galicia, e ante a pregunta do noso Concelleiro Rafa Alvarez de que tiñan previsto facer coa Estación Marítima, comentou que estaban perfilando un proxecto para ese edificio, pero que nese momento non podían darlle ningunha información ao respecto.

Dado que xa pasou un ano desa conversa, durante o pleno, tamén lle preguntamos ao Alcalde se tiña algunha noticia nova sobre este tema.

A súa resposta para estas dúas preguntas foi a mesma: “Para sabelo poden preguntarlle directamente a Portos de Galicia, porque son temas que non dependen do Concello”.

Cando lle comentamos que o normal sería que o alcalde estivera informado daqueles asuntos, que aínda sendo competencia doutras administracións, afectan á nosa cidadanía, volveu a insistir no mesmo: “Diríxase vostede á administración responsable dese tema”.

Ante a nosa sorpresa, volvemos a insistir preguntándolle se lle diría o mesmo a un/ha cidadán/a que lle fixera a consulta, e insistiu en que lle daría a mesma resposta que a nós. Que o/a animaría e axudaría a presentar unha instancia a través do Portelo Único dirixida a Portos de Galicia. Alucinante, non?

Dado que a nós si que nos preocupa ter informada á cidadanía, e vendo que ao Alcalde parece non importarlle nin a conexión con Caminha nin que a estación Marítima se caia a pedazos, o luns día 8 de abril, desde o Grupo Municipal Socialista da Guarda, presentamos unha instancia dirixida a Portos de Galicia solicitando que nos dean resposta e aclaren as nosas dúbidas en relación a estes temas.

Nós, despois da sorprendente resposta de Carrero no pleno, sacamos a mesma conclusión á que levamos chegando durante todos estes meses de goberno: A Guarda ten un alcalde ausente que non fai o traballo que se espera del.


mércores, 16 de febreiro de 2022

Leticia Gallego urxe á Xunta a arranxar o problema de transporte entre A Guarda e Caminha para dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa

 Censura o “importante quebranto e confusión” que supón a inactividade da liña do ferri que une os dous concellos e denuncia a proliferación de “publicacións contraditorias” que “formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial”

A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe A Guarda, xunto ao seu a alcalde, Antonio Lomba, para presentar unha batería de iniciativas para urxir á Xunta a resolver o problema de transporte entre o concello guardés e o municipio portugués de Caminha co principal obxectivo de dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no seu paso polo esteiro do Miño.

Concellei@s do GMS con Leticia Gallego

“O transbordador que une as dúas beiras do río atópase inactivo e isto impide a peregrinas e peregrinos cruzar o esteiro en transporte regular”, alertou a socialista, quen incidiu no “importante quebranto e confusión” que isto supón, ao que se suma a “desinformación” e as “publicacións contraditorias” sobre a ruta Xacobea.

Ao fío disto, Gallego lamentou que, “malia que a web oficial do Camiño de Santiago sinala que o Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira de A Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura, varias organizacións e entidades portuguesas formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial, recoñecida e promovida pola Xunta”.

Así, destacou, “algunhas publicacións indícanlles ás peregrinas e peregrinos que percorran case 30 quilómetros máis para cruzar o río a través da ponte que une Vilanova de Cerveira e Tomiño para logo chegar ata A Guarda, e noutras mesmo propoñen continuar o itinerario ata Valença do Minho para enlazar dende alí co Camiño Portugués, o cal é moito máis grave xa que anula o percorrido pola costa atlántica galega que transcorre polos municipios de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán”.

“Cómpre buscar unha solución a curto prazo para arranxar esta problemática no transporte de pasaxeiros e pasaxeiras entre ambos municipios, polo que pedimos á Xunta que se reúna cos alcaldes afectados para que poidan trasladarlles de primeira man a problemática que están a vivir”, subliñou a responsable socialista.

Por último, Gallego pediu ao goberno galego que “se manifeste e tome medidas” en relación ás publicacións que difunden itinerarios “non oficiais” sobre o Camiño Portugués da Costa, xa que isto “implica un enorme prexuízo” para a ruta Xacobea e, nomeadamente, para os municipios do Baixo Miño polos que transcorre.

Enlace a iniciativa parlamentaria