venres, 16 de xullo de 2021

O pleno sobre o acceso sur do porto da Guarda evidencia o descoñecemento do BNG sobre o proxecto e a súa tramitación

A Guarda a 15 de xullo de 2021. Na mañá de hoxe celebrouse un pleno extraordinario no concello da Guarda para debater unha moción sobre o acceso sur ao porto da Guarda cunha actuación moi desafortunada por parte do BNG que evidenciou a súa falta de coñecemento sobre o proxecto e a súa tramitación. Se foi inconsistente e falta de argumentos a exposición da moción aínda foi peor a réplica.


Para entender a situación actual do proxecto hai que dicir que para esta actuación, nun primeiro momento, contempláronse tres alternativas de trazado posibles e que o proxecto redactouse tomando como referencia a alternativa 2

A alternativa de trazado 2, pola que se inclinaron dende o principio concello e deputación é a mellor valorada polos proxectistas nun análise multicriterio, ponderando, entre outros factores, o trazado, a funcionalidade e permeabilidade, a afección ao medio humano, o impacto medioambiental e o presuposto. Esta  alternativa, que discorre a media ladeira, é compartida polo grupo socialista xa que non produce afección sobre os terreos das vivendas construídas, nin sobre o litoral e sobre todo porque permitirá manter como principal uso da senda litoral o peonil e ciclista, reducindo o tráfico de coches.

O apartado resolutivo da moción presentada para pleno evidencia que o BNG non entende moi ben os procedementos. Propón iniciar inmediatamente os trámites para conseguir as autorizacións para o trazado 3. Aínda non se decataron, despois de anos no concello, que para pedir autorizacións hai que ter redactado un proxecto e, nestes momentos, o único proxecto redactado que hai é o do trazado 2.

O proxecto do acceso sur do porto da Guarda foi redactado pola Deputación, a solicitude do alcalde, Antonio Lomba, no ano 2018. A propia administración provincial está a facerse cargo da tramitación diante dos diferentes organismos para a obtención dos informes sectoriais necesarios para poder executar a obra, como a Dirección Xeral de Patrimoio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, entre outros.. 

Neste ano 2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable ao proxecto sen dar a posibilidade aos proxectistas e aos técnicos da Deputación a defender as solucións adoptadas. En vista deste informe mantívose unha reunión entre responsables de patrimonio, técnicos da deputación e o alcalde da Guarda para poñer sobre a mesa as cuestións que tiña que abordar e modificar o proxecto para poder obter un informe favorable.

Na actualidade o equipo redactor do documento está traballando coas suxestións feitas dende patrimonio para mellorar o proxecto dende o punto de vista de impacto na paisaxe cultural, para poder así conseguir o visto bo de patrimonio e continuar co procedemento. Hai que conseguir o informe favorable para este trazado porque isto supón axilizar a tramitación, dado que xa conta cos demais informes sectoriais a favor. Se houbera que cambiar o trazado habería que redactar outro proxecto e empezar a tramitación dende o principio o que implicaría tirar un proceso de anos ao lixo. De novo o BNG non se decata de que defender a alternativa 2 é viable, é máis rápido e resulta máis razoable que empezar a redactar un proxecto de novo.

O BNG non estudou nin coñece o proxecto do acceso sur do porto da Guarda. Polas afirmacións que fixeron no pleno non se decataron de que a nova estrada non leva carril bici, o proxecto redactado contempla unha senda peonil de grava de 2,5 m. Eles din que a alternativa 3 é máis viable cando a deputación e os propios proxectistas, din que é a alternativa 2, igual saben eles máis que os propios técnicos. A alternativa 3 é 450.000 € máis barata pero para executala hai que demoler 600 metros de senda litoral que teñen un valor superior a ese, o que aforramos por un lado tirámolo por outro. Menten cando din que a súa opción é a máis rápida. Empezar de novo o proxecto sería a peor solución de todas porque dilataría a tramitación un mínimo de 3 anos. Para o grupo socialista este sería o último recurso, primeiro hai que intentar convencer a patrimonio de que a alternativa 2 pode ser viable.

Para o grupo socialista o acceso sur do porto da Guarda é unha obra prioritaria. É fundamental para que, xunto con outras actuacións, se reactive o noso porto. Tamén é moi importante para eliminar tránsito de vehículos polas rúas do centro da vila e poder ter así unhas rúas máis humanizadas, ofrecendo a vez un bo acceso rodado á principal zona de restauración da localidade. O que necesitamos é que a Xunta de Galicia se implique tamén neste proxecto, non pode deixar de lado unha infraestrutura da que depende o futuro do porto da Guarda.


luns, 5 de xullo de 2021

O Partido Popular da Guarda incita ao goberno local a icumprir a lei de contratos.

 O portavoz do Partido Popular da Guarda, Roberto Carrero, insinúa que o equipo de goberno debería incumplir a lei de contratos para beneficiar a unha empresa da localidade.

Descoñecemos se é por ignorancia demagoxia ou hipocrisía que o portavoz do Partido Popular da Guarda lamenta que se cumpra de forma estrita o procedemento de adxudicación na licitación do campamento urbano da Guarda. Procedemento guiado e fiscalizado en todo momento polos servizos técnicos do concello e que rematou coa adxudicación do contrato á empresa que fixo a mellor oferta.

Nada nos houbera gustado máis ao equipo de goberno que unha empresa local se quedara con esta licitación, pero, por desgracia, nin sequera había ningunha que participara no concurso. Esperamos que por parte da empresa adxudicataria contrate a persoas da localidade, dado que temos persoas moi competentes e acreditadas para traballar neste ámbito.

Sr. Carrero, non se pode adxudicar a dedo un contrato de servizos que sae a licitación por 48.884 €, tampouco se podería se este contrato saíra por un ano, xa que o seu custo sería de 24.442 €. Por se vostede non o sabe o importe dun contrato menor de servizos para poder ser adxudicado mediante unha adxudicación directa é de 15.000 € + IVA, o que fan 18.150 €. Tamén lle informo que para que esa adxudicación sexa correcta débense presentar tres orzamentos. Non confunda a poboación nin incite ao equipo de goberno a incumprir a lei de contratos.

Mire Sr. Roberto Carrero, este ano presumindo que moitas familias podían ter máis necesidade de conciliación da vida familiar e laboral por motivo da pandemia da COVID-19 o equipo de goberno do concello da Guarda decidiu facer un esforzo no campamento de verán, e como vostede debería saber aumentou o número máximo de participantes a 60. Seguro que vostede o ignoraba, porque entón non lle preocupaba, pero no último campamento do 2019 o número máximo de participantes era de 40. Por este motivo o campamento é mais custoso que anos atrás e non se pode facer unha adxudicación directa. 

Non sexa mentireiro dicindo que preferimos adxudicar a empresas de fora os traballos do concello, non intente facernos parecer tan parvos a nós e manipulable ao resto da poboación, supoño que ninguén con un pouco de sentidiño se lle ocorrerá sequera pensalo.

Vostede xa está en campaña e parece que o único que quere é embarrar o escenario político con falsedades para conseguir un puñado de votos. Que lle pasa? Non consigue facer oposición a nosa xestión simplemente contando a verdade ou facendo propostas? ten que desacreditarnos con mentiras?  Nunca escoitou falar da política en positivo?  Espero que os nosos veciños e veciñas respondan as súas descalificacións persoais aos responsables municipais coa indiferencia que se merece.

Por certo, dicirlle tamén, que a Xunta do Sr. Feijoo non lle concedeu A Guarda a subvención para estes campamentos e, polo tanto, teñen que financiarse con fondos propios do concello. Por isto si que podería vostede protestar.


martes, 16 de marzo de 2021

O grupo Socialista lamenta o veto da Xunta á construción do Acceso Sur ao Porto da Guarda

Leticia Gallego critica o “agravio” do goberno galego cos concellos doutra cor política trala confirmación por parte de Portos de Galicia da súa negativa a un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio

Os socialistas da Guarda mostramos a nosa indignación polo abandono ao que nos ten sometido a Xunta de Galicia. A Guarda necesita desta infraestrutura para o seu desenvolvemento e mellora da súa calidade de vida. Feijoo está mostrando unha falta total de sensibilidade cos problemas da nosa localidade


Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021. A deputada socialista por Pontevedra, Leticia Gallego, vén de lamentar o veto da Xunta de Galicia á construción do acceso sur ao Porto da Guarda. Fíxoo, hoxe, trala presentación dunha pregunta á presidenta de Portos de Galicia, quen confirmou que o goberno galego non desenvolverá un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio.

Gallego criticou o “agravio” do goberno galego cos municipios doutra cor política ao paralizar o desenvolvemento de diferentes infraestruturas, como é o caso do acceso sur ao Porto da Guarda. “Que non se realice este proxecto a quen prexudica é, principalmente, aos mariñeiros, as redeiras e á veciñanza da Guarda”, sentenciou a socialista.

“A Guarda ten un porto pesqueiro que, na actualidade, carece dunha vía de comunicación aceptable coa estrada PO-552”, sinalou a socialista, quen incidiu en que “isto dificulta moito o tráfico de vehículos, especialmente, os pesados”.

Así, lembrou que a necesidade de mellorar a comunicación do porto “xa vén de vello”, xa que o PXOM de 1993 “contemplaba un novo acceso ao Porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro” cando, “ademais da pesca e do traballo das redeiras, existen outras actividades importantes para o tecido económico da vila”.

De feito, a socialista destacou que o proxecto ten o aval de diversas asociacións guardesas como ORPAGU, Piueiro, Alagua ou a Confraría de Pescadores, ademais de que conta co impulso do propio Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra.

Gallego sinalou que o custe da infraestrutura, que suporía un investimento aproximado de 2,4 millóns de euros, “debe ser asumido conxuntamente” pola administración municipal e pola Xunta de Galicia. Ademais, incidiu na “necesaria colaboración da administración autonómica” cando a obra precisa un declaración de interese supramunicipal por non estar prevista no PXOM.

Por último, a responsable socialista subliñou a importancia desta infraestrutura, tendo en conta que “a actividade pesqueira e marisqueira na Guarda non vai ir a menos”, senón que “a previsión é que no futuro aumente a actividade económica do porto dado as grandes posibilidades que ofrece tanto a nivel comercial como turístico”.



sábado, 13 de marzo de 2021

O PsdeG-PSOE da Guarda levará a pleno a gratuidade dos peaxes de Puxeiros na AP-9 e a AG-57 do Val Miñor.

A Guarda 12 de marzo de 2020. A executiva do PSDeG-PSOE da Guarda presentou esta mañá no concello unha moción sobre a gratuidade da AG-57 e o tramo da AP-9 entre Tui e Puxeiros, para mellorar as comunicacións da vila coa súa cidade de referencia, Vigo.

A Secretaria Xeral da agrupación guardesa, Montserrat Magallanes explicou que “na moción solicitamos a gratuidade das dúas peaxes que nos permiten chegar con maior premura a Vigo, a do tramo da AP-9 de Tui a Puxeiros e a AG-57 do Val Miñor, asi como a finalización, dunha vez por todas, da VAC entre A Guarda e Tui”

Os socialistas esixen a gratuidade do tramo da AP-9 Tui – Vigo “xa que por traballo, estudos ou calquera outra necesidade, moita xente recorre a el para chegar antes, debido tamén a falta de seguridade no tramo gratuíto que discorre en paralelo. Este tramo da AP-9, do que esiximos a gratuidade, é o terceiro máis caro en €/km percorrido.”

Por outra banda, no caso da AG-57, que pasa polo Val Miñor “é unha vía de referencia para chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro, nun tempo razoable e de forma segura, polo que entendemos que tamén debería ser gratuíto.”

Por último, a moción tamén volve recoller a finalización, sen máis atrasos, por parte da Xunta de Galicia da Via de Alta Capacidade entre A Guarda e Tui, “unha demanda histórica da nosa agrupación, como pilar do desenvolvemento social e económico da nosa vila e contorna. Levamos máis de dez anos reclamándolle á Xunta de Nuñez Feijoo que remate dunha vez esta infraestrutura”

Enlace a moción


xoves, 18 de febreiro de 2021

Os socialistas demándanlle a Xunta o Acceso Sur ao Porto da Guarda

A instancia do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o Grupo Parlamentario Socialista presenta unha proposición non de lei esixir a Xunta a execución do acceso sur ao Porto da Guarda

A Guarda 18 de febreiro de 2021. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibe na zona portuaria da localidade a deputada Leticia Gallego, para anunciar a presentación da iniciativa parlamentaria que vai a defender a construción dunha infraestrutura fundamental para o futuro da vila e do seu porto, un novo acceso sur ao porto da Guarda.


A necesidade de mellorar a comunicación do porto xa ven de vello. No ano 1993 o PXOM xa contemplaba un novo acceso ao porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro, ao ser este, un dos motores económicos da localidade.

A rúa Concepción Arenal foi construída como principal acceso ao porto a mediados do século XX. O crecemento urbanístico arredor desta rúa converteu este acceso nunha vía urbana. Así o PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) da Guarda, redactado en 2017, recomendaba unha intervención na rúa Concepción Arenal orientada a un modelo de mobilidade sostible e segura, e vinculaba esta actuación coa execución dun novo acceso ao porto da Guarda. No plan ambas actuacións considéranse chaves para un cambio de modelo urbano. No mesmo ano 2017 o alcalde da Guarda solicita a redacción do proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda á Deputación de Pontevedra e no 2018 comezan as obras de humanización de Concepción Arenal.

No ano 2018 a Deputación de Pontevedra redacta o proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda e da comezo a súa tramitación para obter os informes sectoriais necesarios para a súa execución.

Dende 2017, Antonio Lomba ten mantido distintas reunións con responsables da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Consellería de Pesca e de Portos de Galicia para pedir apoio e financiamento para esta infraestrutura, buscando conseguir un compromiso firme dos responsables da Xunta de Galicia. 

Cabe destacar que en 2019 xurde na Guarda un movemento civil apoiado polas asociacións empresariais, culturais, deportivas e sociais, e polo propio concello, que ten como obxectivo potenciar o uso do porto, tanto para actividades profesionais como naútico deportivas, para que actúe como motor económico na localidade. As reclamacións do colectivo pretenden conseguir que se poida usar o porto durante todo o ano de forma segura e dotalo de servizos, infraestruturas de atraque e, por suposto, dun novo acceso para calquera tipo de vehículo, sobre todo vehículos pesados. Este colectivo, encabezado polo alcalde, xa lle trasladou as súas demandas á Conselleira de Pesca e a Presidenta de Portos de Galicia.

O alcalde da Guarda considera esta infraestrutura vital para o futuro da localidade e por iso non escatimará esforzos para conseguir que esta demanda, que conta co apoio de toda a sociedade guardesa, chegue a bo porto.




domingo, 7 de febreiro de 2021

O grupo Socialista reúnese cos palangreiros da Guarda e comprométese a trasladar a súa situación ao ministerio

Santiago, 6 de febreiro de 2021. A voceira de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Otero, mantivo unha xuntanza de traballo cos palangreiros de superficie da Guarda en compañía do alcalde desta localidade, Antonio Lomba, para escoitar de primeira man as necesidades do sector e para coñecer a problemática relacionada coa pesca e comercialización do maraxo. No encontro participou tamén a deputada socialista por Pontevedra Leticia Gallego.


A reunión serviu para que os palangreiros representados polas asociacións, ORPAGU e a Asociación de Palangreros Guardeses, puidesen trasladar a situación na que se atopan ao Grupo Parlamentario Socialista, do que obtiveron o seu apoio e o compromiso de levar as súas “inquedanzas e necesidades” ao Ministerio.

Ademais, as deputadas socialistas aseguraron aos representantes do sector que seguirán en contacto con eles para coñecer a súa opinión nos distintos momentos.

Finalmente, a voceira de Pesca do PSdeG no Parlamento galego valorou os esforzos desta flota, dedicada á captura do marraxo de cara ao cumprimento da normativa internacional.

sábado, 19 de outubro de 2019

Comunicado do alcalde da Guarda e o GMS con motivo da ruptura do acordo de goberno. (15/10/2019)



Despois das eleccións municipais de maio de 2019 o PSOE e BNG asinamos un acordo para gobernar xuntos a lexislatura 2019-2023. Este acordo (14/06/2019) permitiría ter un goberno de progreso na Guarda formado por 10 concelleiros

Dende o principio o regulación do tráfico por Concepción Arenal representou un punto crítico no acordo de goberno. Para solventar as diferencias respecto desta cuestión os dous grupos acordaron respectar as indicacións do Plan de Mobilidade do concello da Guarda e así o fixemos constar no texto acordo.

Nas primeiras reunións da comisión de seguimento do pacto de goberno formada por 6 concelleiros, 3 de cada grupo, celebradas os días 12, 23 e 24 de xullo, matizouse e concretouse, entre outras cousas, a regulación do tráfico e a sinalización da rúa Concepción Arenal:

Será unha rúa de preferencia peonil nos lugares onde os peóns convivan cos vehículos

Habilítase un sentido único de circulación entre a rúa Galicia e a rúa Tomiño.

Posibilítase o acceso a Concepción Arenal e Domínguez Fontela dende a rúa Ourense e Manuel Álvarez.

Facilítase o transito dos vehículos pesados. Así, os camións e autobuses poderán acceder ao porto a través da Praza de Avelino Vicente e poderán subir por Concepción Arenal dende o Porto ata a rúa Galicia directamente.

Deixase, como estaba previsto, o dobre sentido de circulación entre o porto e a rúa Enrique María Sexto.

A partir deste momento entendíamos que estaban completamente solventadas as diferencias de criterio respecto ao funcionamento da rúa Concepción Arenal. Sen embargo, aos poucos días da última reunión de xullo, instalaron unha sinalización provisional que non se correspondía coa que habíamos acordado. Mais que regular o tráfico o que facía era prohibir a circulación nun importante tramo da rúa transformándoa en peonil.


Visto este cambio de criterio falamos co BNG en distintas ocasións para pedirlle explicacións. Dado que non conseguimos que o BNG reconsiderara a súa nova postura e retomara o acordo de goberno, dirixinme a Deputación de Pontevedra para solicitar a paralización da colocación da sinalización definitiva co obxecto de evitar máis confusión e gastos innecesarios.


Dende a paralización da colocación da sinalización, no mes de agosto, ata a última semana de setembro, cando se celebrou o pleno no que se debateu a problemática da rúa, seguimos intentando ter achegamentos para salvar o acordo de Goberno. Unha das xuntanzas importantes neste tempo foi a que tivemos o día 2 de setembro na Deputación, onde, ademais de representantes dos dous grupos municipais, estaba o deputado de Infraestruturas e o equipo técnico que fixo o seguimento da obra e o modificado do proxecto. Nesta xuntanza os técnicos pedíronlle ao portavoz do BNG que reconsiderara o seu posicionamento, avalando así a proposta recollida no acordo de goberno, que cumpría cos criterios do plan de Mobilidade.


Durante o mes de setembro seguimos tendo contactos pero, visto que o BNG insistía en facer pública a súa postura e a discrepancia dentro do equipo de goberno, o 24 de setembro, solicitamos formalmente a Deputación a sinalización definitiva que habíamos acordado. Así o publicamos nunha nota de prensa, para informar aos veciños de que non compartíamos o cambio de posicionamento do BNG e adiantando a que ia a ser a nosa postura no pleno


No pleno extraordinario do 30 de setembro, con un punto único sobre Concepción Arenal, fíxose pública a discrepancia dos dous grupos e a intención do BNG de non dar cumprimento ao acordo de goberno. Tamén nese pleno expresei a miña firme resolución e a do Grupo Municipal Socialista de cumprir co pactado e expliquei alí mesmo como iba a ser o funcionamento de Concepción Arenal.


No mesmo pleno o portavoz do BNG fixo referencias a peonalización doutras rúas mostrando a súa intención de non respectar o plan de Mobilidade ao que se fai referencia no acordo de goberno.


Nestes últimos días, aínda cando mantiñamos canles de comunicación, sucedéronse distintas declaracións do BNG descalificando ao alcalde da Guarda, acusándome de irresponsable, provocador e mesmo criticando a falta de información.


A este respecto quero dicir que en todo momento intentei manter o acordo de goberno Que solo fixen uso das miñas atribucións como alcalde cando o BNG incumpriu o acordado. Que actuei sempre en defensa dos dereitos dos veciños e dos compromisos que adquirín con eles ao asinar o acordo de goberno.


Non é de recibo a falta de lealdade e respecto do BNG con este alcalde e a institución municipal que represento. As discrepancias dun goberno deben resolverse coa cesión de ambas partes e sempre arredor dunha mesa, non ventilándoas nos medios de comunicación. Sempre actuei coa máxima responsabilidade e mesura, sempre estiven aberto ao diálogo, sempre informei con antelación aos nosos socios de goberno de todos os pasos que fun dando e, cando o considerei de interese, tamén informei á cidadanía.