Amosando publicacións coa etiqueta pesca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pesca. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de marzo de 2026

O PSOE da Guarda celebra a aprobación da súa moción en apoio ao sector pesqueiro e reclama á Xunta que actúe.

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda amosa a súa satisfacción pola aprobación, no último pleno, da súa moción presentada en apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro local, que acadou o respaldo unánime da corporación.

Desde o PSOE destacan que esta iniciativa nace do contacto directo coa Confraría Santa Tecla, que en febreiro lles trasladou a situación de enorme dificultade que atravesa o sector como consecuencia da sucesión de temporais e das limitacións normativas actuais.

Grupo municipal Socialista

Tal e como se puxo de manifesto durante o pleno, a frota local apenas puido traballar seis días entre o 1 de xaneiro e o 20 de febreiro, rexistrando perdas moi importantes que afectan directamente á economía de moitas familias da Guarda.

A moción aprobada insta á Xunta de Galicia a abrir un espazo de diálogo co sector e a introducir maior flexibilidade na normativa, permitindo adaptar os períodos de descanso á realidade dun porto de mar aberto como o da Guarda, especialmente en contextos nos que as condicións meteorolóxicas impiden a actividade durante longos períodos.

Texto da moción

“Estamos falando de sentido común: se non poden saír ao mar durante días polo temporal, non ten lóxica que cando as condicións o permiten tampouco poidan facelo por coincidir en fin de semana”, sinala Fátima Rodríguez, portavoz do grupo socialista.

Neste sentido, lembran que este tipo de medidas xa se están aplicando noutras comunidades autónomas, como Asturias ou Cantabria, polo que consideran que “non hai escusas para que a Xunta non actúe”.

Para o PSOE, a aprobación desta moción supón “un primeiro paso importante” para dar visibilidade á problemática do sector e para que as súas demandas sexan escoitadas no Parlamento de Galicia, onde o Grupo Parlamentario Socialista tamén rexistrou unha proposición non de lei que recolle estas mesmas reivindicacións e que será debatida proximamente.

Desde o PSOE local lamentan que durante estes meses especialmente complicados non existise un contacto directo do goberno local coa confraría para coñecer de primeira man a súa situación. En todo caso, valoran positivamente o apoio á moción no pleno. “Agora é o momento de que o Partido Popular en Santiago dea tamén un paso adiante e atenda as peticións dun sector que o único que reclama é poder traballar. É unha cuestión de vontade política e de xustiza para o sector”, sinalan desde o partido.


mércores, 5 de outubro de 2022

A moción do Grupo Municipal Socialista da Guarda contra o veto europeo á pesca de fondo acadou o apoio unánime da Corporación Guardesa.

  •  O Grupo Municipal Socialista do concello da Guarda presentou esta moción por urxencia para amosar o apoio ao sector pesqueiro
  • Nesta moción se solicitaba que se iniciase unha recollida de sinaturas en rexeitamento do veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental.

O Grupo Municipal Socialista presentou a moción por urxencia debido a que é necesario reclamar a inmediata suspensión da medida adoptada pola Comisión Europea ata que estean dispoñibles novos informes científicos. A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Montserrat Magallanes, indicou que esta medida se adoptou sen escoitar ao sector pesqueiro, sen escoitar ás empresas e sen escoitar aos traballadores do mar. Debemos ter en conta que o sector pesqueiro galego é referente mundial na aposta pola sostibilidade medioambiental.

Ademais nestes momentos nos que Europa atravesa unha situación difícil por mor da guerra de Ucraína, as administracións temos que alertar do compromiso de dispoñibilidade dos produtos do mar.

O Grupo Municipal Socialista propuxo na súa Moción que o concello da Guarda iniciase unha recollida de sinaturas en apoio ao sector pesqueiro e de rexeitamento da medida adoptada pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental, esta recollida de sinaturas realizarase en diferentes inmobles municipais, como a Casa dos Alonso ou a Praza de Abastos, tamén estará dispoñible na Confraría de Pescadores e na nave da asociación Redeiras Atalaia.

Ligazón ao texto da moción

domingo, 7 de febreiro de 2021

O grupo Socialista reúnese cos palangreiros da Guarda e comprométese a trasladar a súa situación ao ministerio

Santiago, 6 de febreiro de 2021. A voceira de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Otero, mantivo unha xuntanza de traballo cos palangreiros de superficie da Guarda en compañía do alcalde desta localidade, Antonio Lomba, para escoitar de primeira man as necesidades do sector e para coñecer a problemática relacionada coa pesca e comercialización do maraxo. No encontro participou tamén a deputada socialista por Pontevedra Leticia Gallego.


A reunión serviu para que os palangreiros representados polas asociacións, ORPAGU e a Asociación de Palangreros Guardeses, puidesen trasladar a situación na que se atopan ao Grupo Parlamentario Socialista, do que obtiveron o seu apoio e o compromiso de levar as súas “inquedanzas e necesidades” ao Ministerio.

Ademais, as deputadas socialistas aseguraron aos representantes do sector que seguirán en contacto con eles para coñecer a súa opinión nos distintos momentos.

Finalmente, a voceira de Pesca do PSdeG no Parlamento galego valorou os esforzos desta flota, dedicada á captura do marraxo de cara ao cumprimento da normativa internacional.