martes, 2 de decembro de 2025

O PSOE lidera melloras na Guarda con catro Mocións aprobadas por unanimidade

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda conseguiu sacar adiante por unanimidade as catro mocións defendidas no Pleno celebrado o 1 de decembro, nas que se solicitaba a mellora do transporte público na comarca do Baixo Miño, a reposición das papeleiras retiradas e a instalación de modelos con separación de residuos, a publicación en prazo das subvencións municipais por concorrencia competitiva, e o reforzo das accións municipais contra a violencia machista con motivo do 25N.

Na primeira das mocións, o PSOE da Guarda instaba á Xunta de Galicia a reforzar o transporte público comarcal, mellorando as frecuencias, establecendo conexións directas cos hospitais e co CUVI e habilitando servizos a demanda nas parroquias. Tamén reclamaba a creación dunha Mesa Técnica Comarcal que permitise garantir unha planificación axeitada ás necesidades reais da veciñanza.
Votación dunha Moción no Pleno

A segunda iniciativa aprobada propuña un plan progresivo para volver colocar as papeleiras retiradas nos últimos anos e substituílas por modelos con separación de residuos, priorizando rúas comerciais, parques, prazas e zonas escolares, xunto cunha campaña de sensibilización para promover o seu uso correcto.

A terceira moción esixía ao goberno local publicar as subvencións municipais por concorrencia competitiva no primeiro semestre de cada ano, evitando atrasos como os dos últimos exercicios que dificultaron a planificación das asociacións e deportistas individuais.

Por último, a moción presentada con motivo do 25N pedía reforzar o compromiso municipal contra a violencia machista mediante accións de prevención dirixidas á mocidade, formación específica para a Policía Local e unha colaboración máis estreita co tecido asociativo. Ademais, instaba á Xunta de Galicia a mellorar as súas políticas nesta materia, especialmente no ámbito da violencia dixital, vicaria e económica.

Con estes acordos, o Grupo Municipal Socialista quere deixar claro que existe unha oposición que traballa, que analiza os problemas reais da veciñanza e que presenta solucións viables para mellorar o día a día no municipio. Nun momento no que o goberno local permanece practicamente paralizado, sen proxecto nin dirección definida, os/as socialistas están asumindo a responsabilidade de impulsar iniciativas útiles, de marcar prioridades e de abrir camiño alí onde o executivo non está a actuar.

A Guarda precisa políticas útiles, decisións concretas e avances visibles, non a inacción e a falta de dirección que mostra o actual goberno.


luns, 24 de novembro de 2025

Os cinco Grupos Municipais Socialistas do Baixo Miño impulsan unha moción conxunta para reclamar melloras urxentes no transporte público da comarca

 Os grupos municipais socialistas da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, de maneira coordinada e tras un traballo conxunto, presentarán nos cinco concellos unha moción para esixir á Xunta de Galicia unha mellora profunda do transporte público na comarca do Baixo Miño.

A iniciativa, articulada a través da Coordinación Comarcal do PSdeG-PSOE, responde ás numerosas queixas veciñais e aos resultados dunha enquisa cidadá realizada entre persoas usuarias de todos os municipios da comarca. O estudo revela carencias graves na mobilidade: conexións deficientes con Vigo, o CUVI e os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro; frecuencias insuficientes; autobuses saturados en horas punta; e dificultades de acceso a servizos esenciais, especialmente nas parroquias con menor densidade poboacional.

Entre os datos máis destacados, a maioría das persoas participantes valoran con entre 1 e 3 puntos (sobre 5) as conexións cos hospitais e co campus universitario, e unha parte significativa asegura ter quedado sen poder subir ao autobús nalgunha ocasión por falta de prazas.

A moción que se presentará nos cinco concellos para ser debatida nos próximos plenos ordinarios, insta á Xunta a incorporar estas necesidades reais na planificación e na nova licitación das concesións de transporte, recentemente alterada tras rescisións de servizo no sur da provincia.

As principais medidas que se propoñen son:

  • Reforzo das frecuencias en días laborais e fins de semana.
  • Liñas directas e cadenciadas cos hospitais e co CUVI.
  • Implantación de servizos a demanda nas parroquias e franxas de menor mobilidade.
  • Avances en accesibilidade e información en tempo real.
  • Mecanismos de control e penalización por incumprimentos das empresas concesionarias.

Ademais, a proposta inclúe a creación dunha Mesa Técnica Comarcal do Baixo Miño, con presenza da Xunta, dos concellos e das empresas de transporte, para avaliar a situación, priorizar melloras inmediatas e establecer indicadores públicos de calidade do servizo.

A Coordinación Comarcal subliña que esta acción conxunta “é un exemplo do compromiso dos cinco grupos municipais socialistas coa defensa dunha mobilidade digna e accesible, que garanta o acceso da veciñanza á sanidade, á educación, ao emprego e ao conxunto dos servizos públicos”.


venres, 14 de novembro de 2025

O PSOE da Guarda reclama a reposición das papeleiras retiradas e a instalación de modelos con separación de residuos

O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción para que o Concello acometa un plan de reposición e instalación de novas papeleiras con sistema de separación de residuos. A iniciativa chega despois das numerosas queixas veciñais pola retirada progresiva de papeleiras en distintos puntos da vila, o que está a provocar máis sucidade nas rúas e dificultade para a correcta xestión dos pequenos residuos.

A voceira socialista, Fátima Rodríguez, explicou que “non se lle pode pedir á cidadanía que cumpra coa ordenanza municipal se o propio Concello non garante os medios mínimos. Sen papeleiras suficientes é imposible manter as rúas en bo estado e cumprir a normativa, que ademais impide depositar residuos menores directamente nos contedores”.

Modelo de papeleira con separación

A moción lembra que a actual ordenanza de limpeza establece a obrigatoriedade de utilizar papeleiras para restos pequenos —papeis, envoltorios ou botellas baleiras—, polo que a súa ausencia en rúas, parques e zonas de tránsito está a xerar confusión e unha peor imaxe da localidade.

Por este motivo, o PSOE propón catro medidas clave:

  • Reposición das papeleiras retiradas nos últimos anos, priorizando os puntos onde a súa falta provoca vertidos ou sucidade.

  • Instalación progresiva de papeleiras con sistema separativo (orgánico, envases, papel/cartón e resto) en rúas comerciais, prazas, zonas escolares, parques e áreas turísticas.

  • Mantemento e baleirado diferenciados, garantindo unha xestión correcta de cada fracción de residuo.

  • Posta en marcha dunha campaña informativa, para fomentar o uso responsable das novas papeleiras e promover hábitos de reciclaxe no espazo público.

Rodríguez destacou que “é hora de avanzar cara a un modelo de limpeza e reciclaxe adaptado ao século XXI. Outros concellos de Galicia xa dispoñen de papeleiras separativas, e a Guarda non pode quedar atrás”.

O Grupo Municipal Socialista agarda que a proposta sexa apoiada polo goberno local e que se inicie canto antes un plan que responda a unha demanda cidadá evidente e que melloraría de forma inmediata a limpeza e a imaxe da vila.

venres, 31 de outubro de 2025

Os socialistas da Guarda piden unha xestión máis áxil das subvencións municipais

O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción para ser debatida en Pleno para instar ao goberno local a publicar, dentro do primeiro semestre de cada exercicio económico, a convocatoria das subvencións municipais por concorrencia competitiva reguladas pola ordenanza aprobada en 2021.

Estas axudas son fundamentais para o tecido asociativo, cultural, deportivo e social da Guarda, xa que permiten que moitas entidades e deportistas poidan desenvolver proxectos e actividades ao longo do ano.

A voceira socialista, Fátima Rodríguez Marcos, explicou que “publicar as subvencións a tempo é unha cuestión de boa xestión e de respecto polas asociacións, que precisan planificación e seguridade para organizar o seu traballo”.

Lembrou tamén que en 2022, baixo o mandato socialista, a convocatoria saíra en xuño, pero nos dous últimos anos —xa con Carrero á fronte do executivo— publicouse en setembro, e este ano, a finais de outubro, aínda non foi convocada.

“O atraso reiterado deixa sen marxe ás entidades para executar as súas actividades e recibir as axudas en prazo”, subliñou Rodríguez, quen pediu ao goberno local “seriedade, previsión e compromiso coas asociacións e deportistas guardeses/as”.

martes, 7 de outubro de 2025

O PSOE de A Guarda celebra que, despois de anos de reclamacións, a Xunta avance na senda arredor do Trega

 O proxecto da senda peonil e ciclista do Monte Trega dá un novo paso adiante coa apertura do proceso de información pública por parte do ente autonómico aprobado no Consello da Xunta.

O grupo municipal socialista da Guarda celebra que o Consello da Xunta aprobara onte a apertura do proceso de información pública do proxecto da senda peonil e ciclista que circunvalará o Monte de Santa Trega, ao longo da estrada autonómica PO-352, conectando o núcleo urbano da Guarda con Camposancos.

Iso si, a súa portavoz, Fátima Rodríguez, destaca que este anuncio chega “con anos de retraso e cun evidente oportunismo político”, xa que “a Xunta pretende agora botarlle un cable a un goberno popular local que, en máis de dous anos, non foi quen de impulsar nin un só proxecto relevante para A Guarda”.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PSOE da Guarda, Bárbara Domínguez, lembra que “este proxecto non nace da iniciativa do actual goberno local, senón dunha longa traxectoria de xestións impulsadas polos anteriores executivos socialistas en base ás demandas da cidadanía. Xa en 2020 o Concello presentara na Xunta un anteproxecto da senda para a súa inclusión nos plans de infraestruturas, sen obter resposta naquel momento”

O grupo socialista anuncia, ademais, que revisará con lupa o proxecto co fin de vixiar que esta obra se faga con total transparencia, respecto ambiental e co consenso da veciñanza afectada.


luns, 22 de setembro de 2025

O goberno de Carrero e Fariñas levan a piscina municipal ao bordo do desastre.

O Grupo Municipal Socialista acusa ao goberno de Carrero e Fariñas de levar á piscina municipal ao desastre absoluto. A día de hoxe, a maior subvención deportiva da historia de A Guarda -1,5 millóns de euros conseguidos polo PSOE en 2023 para a reforma da piscina - está practicamente perdida.

Unha cronoloxía que evidencia a inacción:

  • En 2023, o PSOE deixou asegurados 1,5 millóns de euros de Fondos Europeos para a obra.

  • O goberno local esperou ata novembro de 2024 para buscar o resto do financiamento, que non conseguiu ata marzo de 2025: 700.000 € da Deputación de Pontevedra.

  • En novembro de 2024 entregouse o proxecto, pero non saíu a licitación ata abril de 2025.

  • En maio de 2025 a licitación quedou deserta, pois ningunha empresa se presentou.
    Despois revisaron o proxecto e descubriron custes mal calculados, co que o orzamento aumentou en case 600.000 €.

  • Decidiron pedir esa cantidade á Xunta de Galicia, que en setembro de 2025 denegou a subvención.

    Piscina municipal da Guarda

No momento no que souberon que a reforma custaría máis do previsto, deberían ter solicitado un préstamo bancario como plan B, asegurando así a financiación e evitando máis atrasos. Pola contra, fiárono todo a unha subvención que finalmente non chegou.

A realidade é incontestable: a obra, cun prazo de execución dun ano, debería estar finalizada en marzo de 2026 para non perder a subvención europea. Fagan contas: a día de hoxe é materialmente imposible chegar a tempo. Nin sequera cunha prórroga sería viable salvar os fondos.

O tema é que Carrero e Fariñas poden ser ineptos, pero non parvos. Saben que non facer a obra suporía un custo político demasiado alto. Por iso acabarán tirando adiante con ela, tarde e mal, pero coa diferenza de que agora será o Concello quen teña que asumir cos cartos de todos os veciños e veciñas ese 1,5 millóns de euros.

A maiores, o persoal da piscina segue sen saber en que condicións afrontará un ERTE nin se perderán poder adquisitivo. Mentres, a veciñanza está condenada a unhas instalacións cheas de goteiras e cun risco real de peche por unha avaría maior.

“Estamos ante un auténtico escándalo. Carrero e Fariñas perderon tempo, van perder cartos e puxeron a piscina contra as cordas. A súa incompetencia vai custarlle á Guarda 1,5 millóns de euros que xa tiñamos asegurados. Tirarán adiante coa obra porque saben que non facela lles custaría demasiado, pero acabaremos pagándoa todos/as cos recursos do Concello. En calquera caso, con este goberno, somos os veciños e veciñas da Guarda quen perdemos”, denuncia a portavoz socialista, Fátima Rodríguez.

 

luns, 8 de setembro de 2025

Carrero volve mentir. Esta vez coa apertura da Rúa Baixo Muro

 O Grupo Municipal Socialista quere advertir á veciñanza dunha realidade que xa ninguén pode ignorar: o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, minte. Minte con descaro e faino constantemente.

Nestes días vimos como, a través das redes sociais do Concello, aseguraba que “non houbera avances significativos” na apertura da rúa Baixo Muro - Ireira ata a compra da parcela realizada agora. Iso é unha MENTIRA en maiúsculas.

Parcela de conexión coa rúa Baixo Muro

Cando Carrero chegou ao goberno en 2023 xa o PSOE xestionara a modificación puntual do Plan Xeral que era obrigatorio facer para poder abrir a rúa. Xa lle quedara o proxecto redactado e conseguidos todos os permisos de Patrimonio. Incluso tiña diñeiro para facelo, porque se deixara reservado.

Sen todos eses trámites previos, a apertura sería imposible. E todo iso estaba feito antes de que Carrero chegase ao goberno, e a pesar de ter todo iso avanzado retrasou esta obra dous anos, e agora quere poñerse medallas. É incrible a falta de honestidade deste rexidor.

Os feitos están aí, e son públicos, e poden comprobarse na web do concello en noticias publicadas en 2019, 2020 e 2022.

Pero o problema non é só esta mentira. O problema é que non é a primeira, nin a segunda. Xa nos enganou co tema dos cobros da Deputación, tamén enganou cando afirmou que o Concello quedara sen fondos tras o paso dos/as socialistas, e agora volve facelo con este asunto. Sempre o mesmo patrón: negar a evidencia e manipular a realidade.

Un alcalde pode equivocarse, pode ter outra visión, pode mesmo discrepar. O que non pode facer é mentir sistematicamente á cidadanía. Porque cando se perde a confianza, pérdese todo.

Nós non imos permitir que se reescriba a historia ao gusto de Carrero. A apertura desta rúa é froito de anos de traballo e planificación, e a veciñanza ten dereito a coñecer a verdade.

A Guarda precisa un goberno serio, honesto e que mire polos intereses comúns, non un alcalde que fai da mentira o seu xeito de gobernar.