Amosando publicacións coa etiqueta carreroMinte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta carreroMinte. Amosar todas as publicacións

luns, 9 de marzo de 2026

O PSOE da Guarda critica que Carrero saque peito dunha reforma da Praza de Abastos moito menos ambiciosa do previsto.

A recente reinauguración da Praza de Abastos da Guarda, celebrada a pasada semana, foi utilizada polo alcalde para sacar peito da xestión do seu goberno e presentar a actuación como un gran proxecto propio. Con todo, desde o Grupo Municipal Socialista lembran que a realidade é bastante distinta: o proxecto de mellora da praza foi impulsado no anterior mandato polo goberno socialista e, ademais, o proxecto inicialmente previsto era moito máis ambicioso do que finalmente se executou.

Os/as socialistas explican que, no anterior mandato, desde a Concellería de Desenvolvemento Local, dirixida pola actual portavoz municipal socialista, Fátima Rodríguez, impulsouse un proxecto de dinamización e modernización da Praza de Abastos que ía moito máis alá dunha simple reforma estética. Este proxecto foi presentado a unha convocatoria de Fondos Europeos e conseguiu unha subvención de 318.458,40 € para poder executalo.

Renuncia de Carrero a subvención da Praza
Renuncia de Carrero á subvención para a Praza de Abastos

A proposta incluía, ademais da reforma estética, que nin sequera se executou conforme ao proxecto inicial, diferentes actuacións destinadas a modernizar o mercado e mellorar os servizos á clientela. Entre elas atopábanse, por exemplo, a instalación de taquillas refrixeradas para facilitar a recollida de pedidos fóra do horario habitual da praza, a instalación dunha plataforma salvaescaleiras na terraza para acadar a accesibilidade total do mercado, así como outras actuacións orientadas á modernización das instalacións.

Ademais, o proxecto tamén contemplaba accións de formación e asesoramento para comerciantes, campañas de promoción e dinamización comercial e ferramentas para mellorar a visibilidade e competitividade dos negocios, medidas das que se poderían ter beneficiado non só os postos da praza senón tamén outros establecementos comerciais da vila.

Infografías do proxecto orixinal da Praza de Abastos

Segundo lembran os/as socialistas, esta subvención permitiría financiar estas actuacións sen ter que empregar fondos procedentes da Deputación de Pontevedra, podendo destinar ese diñeiro a outras obras necesarias no municipio.

Porén, un mes despois de recibir a resolución favorable da axuda europea conseguida polos/as Socialistas, xa co actual alcalde no goberno, o Concello decidiu renunciar a ela. O alcalde tratou de xustificar esta decisión alegando cuestións orzamentarias.

Asistentes a reinaguración da Praza

Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que esta explicación non se sostén e lembran que a xestión municipal consiste precisamente en atopar solucións para non perder oportunidades de financiamento como esta. Renunciar a máis de 318.000 euros de fondos europeos xa concedidos non era, en ningún caso, unha opción. Aí quedou demostrada a nula capacidade de xestión deste goberno.

“Resulta chamativo que agora se organice unha reinauguración e se pretenda vender como un gran logro unha actuación que, ademais de ter sido impulsada polo anterior goberno socialista, quedou moi lonxe do proxecto inicialmente previsto”, sinalan desde o PSOE da Guarda.


luns, 8 de setembro de 2025

Carrero volve mentir. Esta vez coa apertura da Rúa Baixo Muro

 O Grupo Municipal Socialista quere advertir á veciñanza dunha realidade que xa ninguén pode ignorar: o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, minte. Minte con descaro e faino constantemente.

Nestes días vimos como, a través das redes sociais do Concello, aseguraba que “non houbera avances significativos” na apertura da rúa Baixo Muro - Ireira ata a compra da parcela realizada agora. Iso é unha MENTIRA en maiúsculas.

Parcela de conexión coa rúa Baixo Muro

Cando Carrero chegou ao goberno en 2023 xa o PSOE xestionara a modificación puntual do Plan Xeral que era obrigatorio facer para poder abrir a rúa. Xa lle quedara o proxecto redactado e conseguidos todos os permisos de Patrimonio. Incluso tiña diñeiro para facelo, porque se deixara reservado.

Sen todos eses trámites previos, a apertura sería imposible. E todo iso estaba feito antes de que Carrero chegase ao goberno, e a pesar de ter todo iso avanzado retrasou esta obra dous anos, e agora quere poñerse medallas. É incrible a falta de honestidade deste rexidor.

Os feitos están aí, e son públicos, e poden comprobarse na web do concello en noticias publicadas en 2019, 2020 e 2022.

Pero o problema non é só esta mentira. O problema é que non é a primeira, nin a segunda. Xa nos enganou co tema dos cobros da Deputación, tamén enganou cando afirmou que o Concello quedara sen fondos tras o paso dos/as socialistas, e agora volve facelo con este asunto. Sempre o mesmo patrón: negar a evidencia e manipular a realidade.

Un alcalde pode equivocarse, pode ter outra visión, pode mesmo discrepar. O que non pode facer é mentir sistematicamente á cidadanía. Porque cando se perde a confianza, pérdese todo.

Nós non imos permitir que se reescriba a historia ao gusto de Carrero. A apertura desta rúa é froito de anos de traballo e planificación, e a veciñanza ten dereito a coñecer a verdade.

A Guarda precisa un goberno serio, honesto e que mire polos intereses comúns, non un alcalde que fai da mentira o seu xeito de gobernar.